Archivo | febrero 14, 2017

OS 20 ALUMNOS E ALUMNAS DO OOEE TERRAS DO MIÑOR V OFRECEN UN XANTAR POR SAN VALENTÍN A 60 VECIÑOS E VECIÑAS DA COMARCA

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe aos rapaces que se benefician deste Obradoiro de Emprego na Residencia de Tempo Libre de Panxón

 

  • 14022017_ooeeterrasminorv2A Xunta destina preto de 180.000 euros a esta iniciativa mixta de formación e emprego que conta con dúas especialidades: Cociña e Restaurante-Bar
  • O xantar por San Valentín é unha das actividades programadas dentro deste obradoiro, que comezou o pasado mes de decembro

 

Nigrán, 14 de febreiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, aos 20 alumnos e alumnas da comarca que, dende o pasado mes de decembro, están a recibir formación e emprego a través do obradoiro Terras do Miñor V na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

 

Esta iniciativa mixta de formación e emprego conta con dúas especialidades: operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar para que as 20 persoas desempregadas aprendan e traballen de forma práctica nunha ocupación encamiñada ao sector da hostalería. Os obxectos de actuación deste programa son a elaboración de comidas e servizo de restaurante para o comedor social da Mancomunidade; actos socioculturais e/o deportivos; exaltación de produtos típicos da zona e limpeza de instalacións de titularidade municipal ou preparación de bebidas, mesas para actos dos concellos. O persoal a cargo do curso está formado por un director, un titor, dous docentes e persoal administrativo de apoio.

 

No día de hoxe e dentro das actividades programadas, os alumnos e alumnas ofrecían un xantar por San Valentín a un total de 60 veciños e veciñas dos tres concellos da comarca que quixeron celebrar esta data. Na visita, que comezou cun cóctel de benvida para pasar despois a un completo almorzo adaptado a esta data especial, tamén estivo presente o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, e responsables do goberno local de Nigrán.

 

Coma sinalou o delegado, a Xunta destina preto de 180.000 euros a este programa para a Mancomunidade do Val Miñor, sendo xa a quinta edición na que se outorga esta iniciativa mixta. Esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional e un certificado de profesionalidade ao remate do mesmo.

 

OS INTERESADOS EN ADQUIRIR UNHA NOVA VIVENDA NO CASCO VELLO DE VIGO TEÑEN ATA O 6 DE MARZO PARA SOLICITAR A INCLUSIÓN NO SORTEO

  • 14022017_vpaferreria10-12O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá as rehabilitacións que forman parte deste novo procedemento de adxudicación de vivendas
  • Están ubicadas nos números 10-12 e 45-47 da rúa Ferrería e contan con superficies que van dende os 56 aos 110 metros cadrados
  • O IGVS levará a cabo o sorteo, público e ante notario, a finais de abril na Delegación da Xunta unha vez se publique o listado definitivo de admitidos
  • O seguinte proceso contará con 5 vivendas máis que sairán dos traballos de recuperación en Subida ao Castelo, 12 e Subida a Costa, 5, en obras este ano

 

Vigo, 14 de febreiro de 2017.- As persoas interesadas en adquirir unha nova vivenda rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) na rúa Ferrería teñen ata o día 6 de marzo para solicitar a súa inclusión no sorteo público e ante notario que se celebrará na Delegación Territorial da Xunta en Vigo nos vindeiros meses.

 

Así o informou hoxe o delegado da Xunta e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, nunha visita ás 2 promocións da rúa Ferrería que forman parte deste novo procedemento de adxudicación de vivendas, o sétimo xa dende o inicio dos procesos de venda no ano 2011.

 

Coma lembrou López-Chaves, trátase de 6 novas vivendas de protección autonómica (VPA) ubicadas nos números 10-12 e 45-47 da rúa Ferrería, na zona alta do Casco Vello que  contan con 1, 2 e 3 dormitorios e superficies que van dende os 55 aos 110 metros cadrados. As obras das mesmas, cun investimento total de case 940.000 euros, están practicamente rematadas.  

 

Concretamente, as vivendas dos números 10-12 son de 1 dormitorio cunha superficie útil de 56,79m2 cada unha ademais de contar con rocho. O prezo de venda vai de 90.000 a 95.000 euros. O inmoble conta tamén cun patio exterior para a entrada de luz natural e un baixo comercial duns 37 m2. A actuación foi proxectada polos arquitectos Antonio Cominges Carvallo e Harald Binkele e a adxudicación da mesma fíxose por 270.000 euros.

 

No que respecta ás vivendas dos números 45-47, as superficies oscilan entre os 55 e os 110 metros cadrados e prezo de venda entre 83.000 e 175.000 euros. Haberá un dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda con dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio. Os traballos de rehabilitación permiten tamén un local comercial duns 63 m2 nun mesmo edificio que contou cun investimento de 670.000 euros. O proxecto, da arquitecta Eva María Castro Álvarez, tamén contempla a existencia dun xardín posterior para conseguir luminosidade ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa.  

López-Chaves lembrou que as persoas que formarán parte deste vindeiro sorteo tiñan que estar inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra, antes da data da resolución de inicio, é dicir, o 08 de febreiro.

 

Seguidamente teñen un prazo máximo de 15 días hábiles desde a última publicación da resolución, ata o 6 de marzo, para solicitar a súa inclusión no sorteo seguindo as indicacións que se atopan na páxina web do IGVS, no seguinte enlace:  http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/600. Unha vez publicado o listado definitivo de adxudicatarios procederase ao sorteo público e ante notario que, coma en anteriores ocasións, celebrarase na Delegación da Xunta en Vigo e prevese que sexa a mediados ou finais do mes de abril.

 

O delegado da Xunta animou a todos os interesados en residir e participar de xeito activo no proceso de recuperación da zona alta do Casco Vello, que lidera o Consorcio –participado nun 90% polo Goberno galego e nun 10% polo Concello de Vigo-, a inscribirse e formar parte neste sorteo que, nesta ocasión, inclúe vivendas máis amplas con 3 dormitorios.

 

Ademais, o seguinte procedemento que se iniciará con 5 vivendas máis sairá dos traballos de rehabilitación en Subida ao Castelo, 12 e Subida a Costa, 5, xa en obras neste ano 2017. Por último, lembrou que a día de hoxe xa residen nos inmobles rehabilitados polo CCVV máis de 150 persoas nas 99 vivendas recuperadas.  

 

‘Zenit: la realidad a su medida’ de Els Joglars en Afundación Vigo e Pontevedra

O Teatro Afundación Vigo acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación das funcións que a emblemática agrupación catalá Els Joglars levará ao escenario vigués esta tarde e mañá ás 20.30 h, e o xoves na Sede Afundación Pontevedra á mesma hora. Zenit: la realidad a su medida, unha obra incluída na tempada de abonos de teatro de Afundación en Vigo e Pontevedra, é o título da peza que hoxe presentaron perante os medios de comunicación Marité Cores Fernández, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, e o elenco completo que compón esta obra teatral: Ramón Fontserè, Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xevi Vilà, Julián Ortega e Juan Pablo Mazorra. As entradas para estes espectáculos están dispoñibles a través das canles habituais da entidade en Ataquilla.com ou ben no 902 504 500.

 

O PARLAMENTO SOLICITA A CREACIÓN DUNHA LISTA DE REFERENCIA COAS EMBARCACIÓNS INTERESADAS EN PARTICIPAR NAS PESQUERÍAS NO CALADOIRO DO CANTÁBRICO E NOROESTE

Santiago, 14 de febreiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe dirixirse ao Goberno central para que impulse a creación dunha lista de referencia, de xeito similar á que xa existe para a flota do bonito, na que as embarcacións amosen con carácter previo o seu interese en participar nas distintas pesqueirías dentro do plan de xestión do Caladoiro Nacional Cantábrico e Noroeste.

 

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Carlos López Crespo, lembrou que máis dun cento de embarcacións con porto base en Galicia, entre elas palangreiros de superficie, algúns cerqueiros e flota de artes menores, participan cada ano na costeira do bonito. Para facelo, os interesados remiten á Administración española unha solicitude a fin de que esta elabore unha lista de aspirantes e a remita, unha vez pechada, á Unión Europea e ao ICCAT (Organismo internacional que xestiona e controla as pesqueirías de túnidos no Atlántico).

 

MODELO MOI ÚTIL

 

“Este modelo resulta moi útil tanto para os profesionais que participan na costeira, como para as entidades encargadas de facer o seguimento e xestión da campaña que, na maioría das ocasións, son as propias federacións de confrarías”, indicou López Crespo, quen apuntou que a creación dunha lista de referencia “pode ser beneficiosa noutras pesqueirías, como é o caso das que se desenvolven ao abeiro do plan de xestión do caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste”.

 

Carlos López sinalou que coa posta en marcha desta lista de referencia “atendemos os intereses e as demandas do propio sector”, ao tempo que explicou que a inclusión nesta lista “deberá ser opcional, de tal xeito que os armadores das distintas embarcacións poidan amosar, coa súa solicitude, o interese en participar nesta campaña, pero sen vincular ou obrigar a formar parte efectiva nela unha vez que esta dea comezo”.

 

Clases prácticas Campaña de Educación Vial Municipal

EMPEZAN NO CEIP FERNÁNDEZ LÓPEZ AS CLASES PRÁCTICAS DA ‘CAMPAÑA DE EDUCACIÓN VIAL’ ORGANIZADA POLA CONCELLERIA DE EDUCACION E A POLICÍA LOCALevial1

Alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Fernández López, empezaron este luns as clases prácticas da ‘Campaña de Educación Vial’, organizada pola Concelleria de Educación, que dirixe Lourdes Moure, impartida pola Policía Local coa axuda de Protección Civil do Porriño.

A campaña, coma lembra a concelleira, chegará, ademais de ao Fernández López, “aos Centros Ensino Infantil e de Primaria (CEIP) Atios, Cruz Budiño, Santo Tomás, Antonio Palacios, Ribeira y Hermanos Quiroga”.

Axentes da Policía acuden aos colexios dende o pasado día 6 para formar ás rapazas e rapaces en conceptos esenciais que os axudarán a mellorar a súa seguridade, tanto dende o punto de vista teórico coma práctico.

Os estudantes aprenderán o xeito de circular coma peóns, as normas para o uso da bicicleta e o monopatín, o transporte de mascotas en vehículos, o comportamento coma viaxeiros, as medidas de seguridade dentro do coche, coma o uso do cinto de seguridade, os sistemas de retención de cativos ou, no caso dos vehículos de dúas rodas, o casco, engadindo a todo elo, os sinais de circulación e o funcionamento e a labor do Servizo de Emerxencias (112).

Na parte práctica, as alumnas e alumnos, como fixeron este luns, grazas ao material achegado pola Dirección Xeral de Tráfico,  deben circular por un circuíto aplicando o aprendido nas clases teóricas, de feito haberá un ‘carné por puntos’ no que se aplicarán as sancións se non respectan os sinais, as normas de tráfico ou as indicacións dos axentes.

POLÍTICA SOCIAL FAI BALANCE DO PROGRAMA GALEUROPA COS MOZOS E MOZAS QUE REALIZARON PRÁCTICAS FORMATIVAS EN PAÍSES EUROPEOS

  • 2017-02-14-xornada-post-galeuropa-conselleiro-1O encontro inclúe un panel de experiencias e relatorios de orientación co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes
  • Grazas a este programa, os e as participantes complementan a competencia profesional e persoal, incrementando así as súas posibilidades de acceso ao mercado de traballo, de forma que poidan acreditar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do seu currículo
  • O conselleiro destacou que o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%

 

Santiago, 14 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu á inauguración da xornada formativa cos mozos e mozas beneficiarios do programa Galeuropa na convocatoria de 2016 e que veñen de rematar as súas prácticas formativas en 31 países europeos. O obxectivo deste encontro é realizar un balance do programa, que inclúe un panel de experiencias e relatorios de orientación co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes. Na xornada tamén estivo presente a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez.

 

Na inauguración da xornada, o titular autonómico felicitou aos participantes nesta convocatoria polo seu esforzo, traballo e iniciativa en prol do seu futuro e do futuro da nosa terra. “A maior beneficiada destas mobilidades sempre será Galicia. Se a nosa mocidade ten a oportunidade de coñecer outros países e outras culturas, as súas competencias, habilidades e capacidades medrarán. O que redundará nunha maior calidade no tecido empresarial galego cando estes mozos e mozas volven e se incorporan ao mercado laboral”, afirmou o conselleiro. Así mesmo, destacou que Galeuropa tamén contribúe a descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.

 

A través de Galeuropa, a Xunta de Galicia promove e axuda a financiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas en entidades e empresas públicas ou privadas de países europeos. As axudas concédense directamente de xeito individual ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Grazas a este programa, os participantes complementan a competencia profesional e persoal, incrementando así as súas posibilidades de inserción laboral, de forma que poidan acreditar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do seu currículo. Así mesmo, con estas mobilidades inténtase dotar á comunidade de profesionais de coñecementos non só das habilidades propiamente da súa titulación, senón tamén que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e á súa vez con dominio de idiomas estranxeiros.

 

Para conseguir este obxectivo, a Consellería de Política Social destinou no pasado 2016 un total de 2.034.074,76 euros. Un orzamento que responde á prioridade que a Xunta de Galicia establece para apoiar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para a mocidade e fomenten a súa autonomía persoal.

 

Como unha das medidas para a implantación do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil inclúese o programa Galeuropa, que á súa vez se enmarca no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), cofinanciado pola Iniciativas de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

 

Rey Varela rematou a súa intervención destacando que, segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.