“Xuntos no Camiño” fará esta fin de semana dúas etapas do seu reto

“Xuntos no Camiño” fará esta fin de semana dúas etapas do seu reto

unnamed

 

  • A xornada do sábado estará dedicada aos pacientes de Crohn e colite ulcerosa e os participantes coñecerán de primeira man as súas características e necesidades
  • O domingo centrarase en promover a doazón universal
  • A iniciativa está promovida por ASAMPO, ASSEII, ANEDIA, PEDALADAS E AMENCER-ASPACE
  • O obxectivo é facer máis visible a realidade dos seus asociados e reclamar medidas que normalicen as súas vidas.

 

 

Pontevedra, 17 de febreiro de 2017. “Xuntos no camiño” percorrerá mañá sábado, 18 de febreiro, os 18 kilómetros que unen as localidades do Redondela e Pontevedra polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Tras pasar a noite no albergue de peregrinos de Pontevedra, os peregrinos e peregrinas continuarán unha nova etapa de 15 kilómetros  entre Pontevedra e Barosa (Barro). Cinco asociacións de Pontevedra puxeron en marcha esta iniciativa: ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada), ASSEII (Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal), ANEDIA (Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia), PEDALADAS (Asociación para a Promoción da Mobilidade Alternativa) e AMENCER-ASPACE (Asociación de Atención á Parálese Cerebral, afectacións motóricas de orixe neurolóxica e outras patoloxías afíns). Nesta fin de semana sumaranse dúas asociacións viguesas, DISCAMINO e APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral). Os 80 participantes nesta nova etapa sairán ás 9.00 h do albergue de peregrinos de Redondela  (praza de Ribadavia s/n) e chegarán á praza da Peregrina na cidade do Lérez arredor das 17.00 h, acompañados do grupo de música tradicional Picuiña.  A continuación pasarán o resto da xornada no albergue de peregrinos de Pontevedra, onde ademais de compartir experiencias sobre a realidade das persoas que forman parte de cada asociación participante, terán unha velada de convivencia na que a compañía de Teatro Migallas, que colabora de xeito altruísta con esta iniciativa ao igual que o grupo Picuiña, representará unha obra de teatro para os máis pequenos dirixida exclusivamente aos participantes en “Xuntos no camiño”. O domingo sairán do albergue de Pontevedra ás 8.00 h para completar unha nova etapa entre a cidade do Lérez e Barosa (Barro).

 

“Xuntos no camiño”, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, completará por etapas o Camiño Portugués desde Tui para amosar que as patoloxías que representan este colectivos non son un impedimento, e para seguir reclamando medidas que normalicen o día a día destes enfermos: “Con esta iniciativa, pretendemos dar a coñecer a realidade das nosas asociadas e asociados, proporcionando alternativas de ocio e deporte inclusivos ás persoas con diversidade funcional, construíndo así unha sociedade máis responsable e comprometida”.

 

Durante o percorrido, os peregrinos, entre eles nenos e nenas con enfermidades crónicas e parálise cerebral, intercambiarán experiencias e coñecemento sobre a súa realidade e farán varias actividades, como a de remarcar o trazado do Camiño Portugués con frechas e cunchas de vieira pintadas en amarelo.

 

XORNADAS DEDICADAS AO CROHN E COLITE ULCEROSA E Á DOAZÓN UNIVERSAL

 

Co obxectivo común de construír un camiño e unha sociedade para todas e todos, durante as distintas etapas de “Xuntos no camiño” os participantes coñecerán á realidade dos socios e socias das distintas asociacións que participan no proxecto e tamén cales son as súas necesidades e reivindicacións. Así mañá sábado, durante a marcha, explicarase a todos os camiñantes, o traballo de ASSEII (Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal) e todas as particularidades dos seus asociados e asociadas.

 

Os pacientes de Crohn, colite ulcerosa e ostomizados agrúpanse na Enfermidade Inflamatoria Intestinal, que ten carácter crónico, actúa en forma de brotes e afectan ao aparato dixestivo provocando dor abdominal, perda de peso, febre, anemia, úlceras, debilidade… Todas son incapacitantes, limitan a vida dos pacientes e teñen orixe descoñecida, o que dificulta previlas. Nas consultas do Complexo Hospitalario de Pontevedra aténdense actualmente 1.200 persoas, unha cifra que medra cada ano en 120 pacientes. A situación complícase especialmente no caso das persoas ostomizadas, que teñen un orificio no abdome para sacar ao exterior o tubo dixestivo ou urinario, o que obriga a colocar un dispositivo (bolsa) para retirar as feces ou os ouriños, coas consecuencias físicas e psicolóxicas que isto representa.

 

ASSEI naceu como asociación sen ánimo de lucro en 2013 grazas á iniciativa dos profesionais da saúde e co apoio de pacientes que sofren estas patoloxías. O seu obxectivo é defender os dereitos das persoas afectadas, apoiándoas desde o punto de vista físico e psicolóxico, atendendo tamén aos seus familiares e contorna social e sensibilizar ás institucións e á opinión pública para a integración destes pacientes na sociedade.

 

A xornada do domingo centrarase na importancia da doazón universal, reivindicación na que centra o seu traballo a Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO). Como entidade sen ánimo de lucro, ASAMPO promove diversas iniciativas solidarias ao longo do ano – mesas informativas, charlas, actos públicos, etc.- para concienciar á poboación da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos, co obxectivo de fomentar e preservar a vida. Entre estas actividades está a Pontevedrada, unha marcha solidaria nocturna e ininterrompida a pé de 63 km polo Camiño de Santiago portugués desde a cidade do Lérez ata a praza do Obradoiro compostelá. En 2017 celebrará a súa sétima edición, que sairá ás 20.00 h o vindeiro sábado 29 de abril da praza da Ferrería, en Pontevedra.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: