Archive | febrero 22, 2017

#SonRías2017 | Os arxentinos Todos tus muertos estarán no SonRías Baixas 2017

  • A mítica banda arxentina, os sevillanos Narco e o carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, ARCO, súmanse a Amparanoia e a SES no cartaz do Festival que encherá Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto

 

  • As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial –e limitado- de 27,50 € máis gastos os tres días de concertos, coa acampada incluída

 

  • A última edición do Festival conquistou o pasado verán a 16.500 persoas, que supuxeron para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 eurossonrias17_cartel-amplis-praia_2-avance_lq-1080x1512

Bueu, 22 de febreiro de 2017.- Todos Tus Muertos foi, desde o seu nacemento a mediados dos 80, todo un referente do rock latinoamericano. Tres dos seus membros máis emblemáticos -o cuarto faleceu en 2011- reúnense por primeira vez en España 16 anos despois da súa separación para ofrecer a primeira fin de semana de agosto, en Bueu, un concerto imprescindible que fará cantar, saltar e poguear ao público do SonRías na que será a única oportunidade en Galicia de gozar co reencontro dunha das bandas máis icónicas da música latinoamericana. A organización dá continuidade, así, á presenza de grandes bandas da outra beira do Atlántico no Festival.

Os arxentinos súmanse, xunto co metal, o rock e o rap da mítica banda sevillana Narco -referencia imprescindible no rock español- e máis co proxecto persoal do carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, ARCO, ao cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas. A organización, que xa adiantara a presenza de Amparanoia e SES, advirte que hoxe mesmo pon á venda, na web sonriasbaixas.info, as entradas cun prezo especial –e limitado- de 27,50 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída, e anuncia que axiña se confirmarán o resto dos artistas.

O que naceu como unha banda mestiza que conxugaba os gustos musicais dos seus integrantes acabou marcando unha época no rock Latinoamericano. Todos tus muertos distanciáronse no 2000, na cúspide do seu éxito, porque cada un dos seus membros quería explorar o seu propio camiño. Volven agora, cun directo que non escatima ningún dos seus temas clásicos. No SonRías Baixas ofrecerán un concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

 

Narco forxa un estilo inconfundible no que conviven o metal, o rock e o rap. Os sons duros, combativos e agresivos da banda únense aos violentos cambios vocais de Distorsión Morais e Viquingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. A banda naceu en Sevilla en 1997 e a comezos do milenio foi considerada “o grupo español máis orixinal dos últimos tempos” pola revista Rocksound. Despois de alcanzar un éxito rotundo nos seus primeiros anos de vida, en 2003 decidiron tomarse un descanso, pero non tardaron en sentir a chamada dos escenarios, que xa non volveron a abandonar. Desde 2008 énchenos cos seus elaborados riffs, o seu impactante estética e cunha gran variedade de influencias musicais.

O carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Antonio Arco, conquistará o escenario do SonRías Baixas co seu proxecto persoal, ARCO, no que os fans da mítica banda recoñecerán a súa característica voz rota e a instrumentación clásica de banda de rock, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Unha proposta persoal, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.

Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino cunha xira que porá a cantar e a bailar ao público con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como “Que te den” ou “La fiesta”, cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos. Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC, Amparo Sánchez é unha artista sempre comprometida que se caracterizou pola enerxía do seu directo, pola alegría que transmiten as súas letras e pola súa valentía á hora de mesturar diferentes tipos de sons: blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas, música popular suramericana… En El poder de Machín, que cumpre agora 20 anos, mostra o seu lado máis latino e bohemio acompañada por artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. E, aínda que 20 anos non son nada, si son o mellor motivo para mirar o pasado sen nostalxia… Con alegría!

 

Unha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa de María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 cun novo disco debaixo do brazo. Opoñerse á extinción é o cuarto álbum desta cantora bergantiñana, unha forza da natureza que conta cunha potente voz e cun estilo inconfundible cos que conquista a unha tropa de seguedoras e seguedores que converten en himnos as súas cancións, sempre enerxéticas e combativas. SES é puro xenio, inconformismo e paixón. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Este verán encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia.

 

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. O pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.

ADMITIDAS MÁIS DE 470 PERSOAS PARA PARTICIPAR NAS OPOSICIÓNS A 14 PRAZAS DE BIÓLOGOS E QUÍMICOS

  • O DOG publica hoxe as resolucións nas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de aspirantes admitidos e excluídos

 

Santiago, 22 de febreiro de 2017.- Un total de 471 persoas foron admitidas para participar nas oposicións para incorporar á Xunta de Galicia once biólogos e tres químicos, segundo as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas en ambos procesos selectivos publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

O DOG recolle as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para o ingreso no corpo facultativo superior -subgrupo A1-, na escala de ciencias, para as especialidades de bioloxía e química.

 

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG o 4 de maio de 2016. Para a especialidade de bioloxía convocáronse once prazas, con 325 persoas admitidas e 32 excluídas. As outras tres prazas correspóndenlle á especialidade de química, onde se admitiron 146 aspirantes e foron excluídos 40.

 

As relación de persoas admitidas nestes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

 

Oferta de 3.000 prazas en 2017

Neste 2017, a Xunta de Galicia prevé ofertar no entorno de 3.000 prazas de emprego estable para reforzar servizos públicos como a sanidade, a educación e os servizos sociais. A Administración galega ten incrementado o número de prazas de emprego público nos últimos anos, de feito a oferta de emprego público no 2015 ascendeu a 1.163 prazas, e no 2016 duplicouse ata chegar a 2.644 prazas, a máis elevada dende 2009.

PLAY-DOC COLABORA CON LA PRESTIGIOSA SALA METROGRAPH DE MANHATTAN EN SU XIII EDICIÓN / PLAY-DOC COLABORA COA PRESTIXIOSA SALA METROGRAPH DE MANHATTAN NA SÚA XIII EDICIÓN

unnamed-2 unnamed-1 O director artístico e programador do cine neoiorquino, Jake Perlin, asistirá ao festival de Tui, no que presenta un ciclo de cinco películas baixo o título The Wrong Revolution

− O programa de Perlin parte da obra de Dominic Gagnon, ao que Play-Doc dedica unha retrospectiva, para profundar nas raíces dos problemas da sociedade norteamericana

Tui, 22 de febreiro de 2017. Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental establecerá na súa edición de 2017, que se celebrará en Tui entre o 22 e o 26 de marzo, unha colaboración especial coa prestixiosa sala Metrograph de Manhattan, nova icona do cine independente neoiorquino que en moi pouco tempo converteuse nun lugar emblemático e punto de reunión dos cinéfilos no corazón de Nova York. O seu director artístico e programador, Jake Perlin, preparou un programa titulado The Wrong Revolution, composto por cinco películas que se proxectarán durante o festival.

Perlin partiu da obra do franco-canadense Dominic Gagnon, ao que Play-Doc dedica unha retrospectiva nesta a súa 13ª edición, para propor unha mirada que profundiza nas raíces dos múltiples problemas da sociedade norteamericana. O ciclo constará de cinco títulos que rastrexan o camiño que levou ao país máis poderoso do mundo á súa actual situación.

O director artístico de Metrograph inspírase en concreto na triloxía americana de Gagnon –as perturbadoras Big Kiss, Good Night; RIP in Pieces America, e Pieces and Love All to Hell, que se exhibirán en Tui– para completar un programa de cinco películas que Perlin vincula ao inquietante retrato realizado por Gagnon dos demos que perturban ás masas anónimas dun país afectado por vellos prexuízos e novos odios, considerado un vaticinio da chegada de Donald Trump a presidencia dos Estados Unidos.

O programa, explica Perlin, “quere ilustrar unha época de resistencia activa na loita polos dereitos civís, que abarca desde finais do sesenta até principios do oitenta, e que a pesar de conseguir grandes vitorias foi borrada da conciencia colectiva por décadas de terxiversación da historia e sobre todo a causa do capitalismo, o que desencadearía unha revolución que colocaría a Trump na Casa Branca, de momento”

“O que Trump non sabe é que a película Stations of the Elevated acaba cun vagón de metro pasando con estrondo cara ao atardecer, ao son do Aleluia de Aretha Franklin, e I Heard It Through the Grapevine termina con James Baldwin (un dos máis grandes escritores e pensadores

americanos, lembrado ou máis ben presentado aos espectadores no recente éxito I Am Not Your Negro, de Raoul Peck) dicindo despois de ser ameazado tras un discurso: ‘Non importa xa o que penses! Á doutrina da supremacía branca sobre a que se asenta o mundo occidental xa lle chegou a súa hora, xa lle chegou o seu día. Terminouse”. Como apunta Perlin, “quizás aínda quede unha hora, pero non máis”.

Ademais do seu traballo en Metrograph, Perlin é director executivo de Cinema Conservancy, produtora consagrada ao cine independiente americano. Entre os seus máis recientes producciones atópanse Hermia and Helena (2016) e Peter and the Farm (2016). Anteriormente foi xefe de Programación para o Filme Society do Lincoln Center. O seu traballo foi recoñecido en 2015 co premio Film Heritage, outorgado por a Sociedade Americana de Críticos Cinematográficos. Perlin tamén é fundador de Film Desk, una compañía de distribución que crea novas copias en 35mm de obras maestras de Rivet, Truffaut, Godard, Pialat, Garrel, Sontag e Denis entre outros. Foi programador en BAMcinématek durante oito anos e presentado programas no museo Reina Sofía de Madrid ou no Human Rights Film Festival de Zagreb, entre outros.

Películas do ciclo ‘The Wrong Revolution’

Attica (Cinda Firestone Fox / 1974 / 80min / EE UU) é unha das películas do ciclo The Wrong Revolution que se exhibirá en Play-Doc. Nela abórdase o malestar social que alcanzou o seu apoxeo o 9 de setembro de 1971, cando un motín no cárcere estatal de Attica acabou con 43 mortos. Censurada durante máis de 33 anos, Attica supón unha reveladora e aleccionadora mirada ao corazón da xustiza americana. En I Heard it Through the Grapevine (Pat Hartley & Deick Fontaine / 1982 / 80min / EE UU), James Baldwin volve sobre os seus pasos polo Sur na época do movemento dos dereitos civís, reflexionando co seu particular perspicacia e brillantez sobre o transcurso de máis de dúas décadas. O ciclo inclúe People’s Firehouse #1 (Paul Schneider / 1979 / 25min / EE UU), que retrata unha rebelión dos polaco-americanos de Brooklyn contra a decadencia do barrio.

Stations of the Elevated (Manfred Kirchheimer / 1981 / 45min / EE UU), tamén incluída en The Wrong Revolution, é a primera película que documenta a arte do grafiti. Considerada por cinéfilos e representantes do hip-hop como unha escura peza de culto desde que se estreou en 1981 no New York Film Festival, é unha celebración da quintaesencia do grafiti como arte urbana, nunha época na que era amplamente considerado como vandalismo. Por último, I Am Somebody (Madeline Anderson / 1970 / 30min / EE UU) é un documento sobre a folga de 113 días levada a cabo por membros do Hospital Nacional da Unión e dos empregados do asilo de anciáns en Charleston, en Carolina do Sur, durante a primavera de 1969

POLÍTICA SOCIAL ASISTE AO CONSEJO INTERTERRITORIAL DE JUVENTUD PARA IMPULSAR A COLABORACIÓN ENTRE REXIÓNS NESTE ÁMBITO

  • 210217-xuventude-logronoA directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu á reunión na que se debateu tamén sobre as cualificacións profesionais de ocio, tempo libre e información xuvenil; sobre os programas de educación non formal e sobre o Sistema Nacional de Garantía Xuvenil

 

Logroño, 21 de febreiro de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na reunión do Consejo Interterritorial de Juventud, convocado polo Instituto de la Juventud e integrado polos organismos de xuventude das Comunidades Autónomas.

 

No encontro, os asistentes debateron sobre as cualificacións profesionais de ocio, tempo libre e información xuvenil; sobre a necesidade de impulsar a colaboración das CCAA en materia de xuventude e sobre a posibilidade de establecer un sistema de recoñecemento da Educación Non Formal no ámbito da xuventude.

 

Cecilia Vázquez destacou a importancia de que a mocidade complemente o seu currículo académico co desenvolvemento de actividades de educación non formal, polas que a Xunta de Galicia aposta de xeito decidido. Así, a administración autonómica pon á disposición dos mozos e mozas galegos programas como Erasmus+: Xuventude en Acción, Deseñando o teu futuro, Galeuropa, Correspondentes Xuvenís ou Iniciativa Xove, entre outros. “A participación en proxectos de educación non formal fomenta a adquisición de valores positivos, como o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza”, afirmou a titular autonómica.

 

Así mesmo, na reunión tamén se abordou a situación do programa SIX+ Garantía Xuvenil, no que se inscribiron un total de 1.346 mozos e mozas galegos entre os meses de xaneiro e novembro de 2016. Cómpre destacar que Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, foi unha das primeiras comunidades autónomas en adherirse ao programa de Garantía Xuvenil+ SIX tras a sinatura do convenio de colaboración entre o INJUVE e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Grazas á adhesión, os mozos e mozas reciben información personalizada das vantaxes desta iniciativa europea e toda a axuda necesaria para formar parte da mesma. O proceso de inscrición iníciase mediante a xeración dun código de activación nas propias oficinas de información xuvenil, na que ademais de información,  reciben acompañamento para elaborar o seu currículo tras recibir o seu código. Unha vez inscritos, infórmaselles dos cursos de formación, actividades e axudas ás que poden acceder.  

 

A comunidade autónoma conta con 29 oficinas SIX+ Garantía Xuvenil en distintas localidades galegas para información, orientación e inscrición dos mozos e mozas no programa. Así mesmo, hai outras 12 máis nos Espazos Xove dependentes do departamentos autonómico e sitos en Betanzos, Noia, Pontedeume, Curtis, Carballo, Tui, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Ourense, Chantada, Vilalba e Viveiro. Tamén se conta con estas oficinas nas Oficinas Municipais de  Información Xuvenil de Rianxo, Brión, A Baña, Xove, Xinzo de Limia, A Garda, Barro, Cangas do Morrazo, Gondomar, Vigo, Cotobade, Poio, Ponteareas, Salceda de Caselas, Soutomaior e Tomiño.

 

Tras finalizar a reunión, Cecilia Vázquez valorou de xeito moi positivo a celebración deste encontro que “de seguro, redundará no beneficio dos nosos mozos e mozas”.