Archive | febrero 26, 2017

Os traballadores/as do albergue municipal vigués presentan unha demanda colectiva contra Cruz Roja por modificar substancialmente as súas condicións de traballo

 

  • Denuncian que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, négase a aplicarlles o convenio que regula o sector

 

 

VIGO/25-02-2017

Os traballadores/as do albergue municipal de Vigo veñen de presentar unha demanda xudicial colectiva contra Cruz Roja Española despois de que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, lles comunicase a súa intención de modificar substancialmente as condicións de traballo e de non aplicar o convenio colectivo que regula o sector.

 

Segundo explica a delegada de persoal do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES), da CIG, os problemas laborais comezaron pouco despois de que Cruz Roja resultase adxudicataria da súa xestión o pasado 11 de novembro por un importe cercano aos 3,7 millóns de euros. Esta ONG encárgase do servizo a través das súas asembleas Comarcal e Provincial, cuxas máximas responsábeis na provincia de Pontevedra son Teresa Álvarez Quincler en calidade de presidenta; María Xesús Fernández Cortegoso, como secretaria; e Pilar Méndez Méndez, que é coordinadora.

 

A representante dos traballadores/as sinala que Cruz Roja, dende a súa entrada no CIIES -situado na rúa Marqués de Valterra e máis coñecido na cidade como albergue municipal- o pasado 1 de decembro, mantén un pulso cos empregados/as despois de que solicitasen por escrito a información necesaria para aclarar as condicións de subrogación do actual cadro de persoal. “Ao contrario do que agardabamos, e tras un período de silencio, a ONG responde convocando aos traballadores/as a acudir á súa sede comarcal de Vigo para presentarlles un documento cuxa forma non se axusta á legalidade e que ratifica o non cumprimento das condicións de subrogación”.

 

Diante disto o cadro de persoal, integrado por máis de 20 persoas, decide presentar unha demanda xudicial colectiva por modificación substancial das condicións de traballo, que inclúe a negativa a aplicar o convenio colectivo que regula o sector, “do que Cruz Roja é asinante como membro da Asociación Estatal de Organizaciones y Acción e Intervención Social (OIES)”.

 

Ao mesmo tempo, o conxunto dos traballadores/as do albergue municipal quere deixar moi claro que “a pesar da presión exercida polo xigante do terceiro sector” sobre un cadro de persoal que forma parte dun servizo “especialmente sensíbel” e que atende “os casos máis extremos de vulnerabilidade” que se producen na cidade, “os empregados/as reiteran o seu compromiso co centro e con todas as persoas que acuden a el”.

 

Finalmente, anuncian a súa intención de adoptar todas as medidas que, dentro da lei, consideran oportunas para protexer os dereitos adquiridos polos empregados/as ante os “abusos” da coñecida ONG.

 

O CONCELLO DO PORRIÑO TERÁ UNHA NOVA PÁXINA WEB NUN PRAZO DE TRES SEMANAS

O Concello do Porriño disporá dun novo portal web nun prazo de tres semanas. A alcaldesa mantivo unha xuntanza cos encargados de desenrolar a nova web municipal que apuntaron ese prazo como o máis acaído para poñela en funcionamento.

Eva García de la Torre sinalou que será posible desenrolar o portal web  grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra que, ademais dunha achega económica, aportará asistencia técnica para a posta en marcha da Administración Electrónica.

A alcaldesa sinalou que a nova web do Concello cumprirá coa promesa electoral de que sexa eficiente, achegada e transparente e permita que as veciñas e veciños poidan facer dende o seu teléfono móbil ou o seu ordenador xestións tan habituais coma Certificados de Empadroamento, Pago de Taxas e Impostos Municipais, consulta de Expedientes ou ver en tempo real contratos e licitacións.

García de la Torre fai autocrítica polo retraso na posta en marcha da web municipal e tamén lembra a situación de “falla de seguridade” nos servizos informáticos do Concello e o “estado calamitoso dos servidores municipais que estaba a poner en perigo a información almacenada”.

24 desempregados do Porriño melloran a súa empregabilidade completando o Curso de Riscos Laborais na Construción

curso-rscos-laboraisA concelleira de Emprego, Soledad Girón, entregou os diplomas concedidos pola Fundación Laboral da Construción aos vintecatro participantes no Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais, organizado por esta entidade en colaboración co Concello do Porriño.

O mesmo, cunha duración de 60 horas, 40 delas on line e 20 presenciais, permite ás persoas que o realizan ter máis posibilidades de acceder a un posto de traballo dentro da construción dado que en todas as obras ten que haber unha persoa que conte co coñecementos adquiridos neste curso.

Como lembrou o representante da Fundación Laboral da Construción, o obxectivo que se persigue no  sector e reducir a sinestralidade algo que facilita o feito de que os profesionais teñan a maior preparación posible en prevención en riscos laborais, tal e coma se recolle, ademais no propio convenio.

Pola súa banda, a concelleira Soledad Girón subliñou que é “unha prioridade para o Goberno local contribuír á creación de emprego e poñer todas as facilidades para que sexa posible”. Girón tamén salientou que para facelo “é clave” a colaboración con entidades da importancia e experiencia da Fundación Laboral para a Construción e amosouse “absolutamente segura” de que esta cooperación seguirá adiante.

A PARROQUIA DE ATIOS, NO CONCELLO DEO PORRIÑO, ESCENARIO DA III MARCHA BTT VIRXE DA GUÍA DE BICICLETA DE MONTAÑA

btt2 bttA proba de bicicleta da montaña máis atractiva do circuíto galego volve cunha nova edición chea de sorpresas. A parroquia de Atios, no Concello do Porriño, será o vindeiro 5 de marzo escenario da III Marcha BTT Virxe da Guía, que nesta ocasión presenta un trazado de 45 quilómetros con dificultade media-alta.

Para os menos arriscados hai un percorrido alternativo de 35 quilómetros de dificultade media. O 80% do trazado é novo con respecto a edicións anteriores, incluídos todos os descensos. A edición deste ano prevé un paso elevado sobre auga, de 27 metros, ademais dun treito completo sobre penedos.

Nesta ocasión contamos coa presenza de Desirée Duarte, campiona de España de ciclocross, Isabel Castro, campiona de Galicia, e Luis Oliveira, ex ciclista profesional, campión da Volta a Galicia. A saída está programada para ás 9 e media da mañá dende o campo de fútbol do Carballo.  Haberá premios para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina. Tamén se premiará ao corredor máis novo, ao máis vello e ao que proceda de máis lonxe.

Durante o percorrido un dron gravará o paso dos ciclistas polos lugares de máis interese. Estas imaxes poderán ser vistas nunha pantalla xigante instalada na meta, situada tamén no campo do Carballo. A organización ofrece un seguro individual, vestiarios con duchas,  lavado de bicicletas, e un petisco para cada participante.

A inscrición está aberta ata o xoves 2 de marzo, cun custo de 8€ por participante. Para apuntarse hai varias posibilidades: no teléfono 609 037 469; nos seguintes establecementos colaboradores: cafetería do Centro Cultural de Atios, Qué Bici (Vigo), Tramo Libre (Cangas) e Xtrembike (Pontevedra); ou directamente na entidade Abanca cando se realice o ingreso da inscrición (enviando xustificante a virxendaguía@gmail.com). O número de conta é: ES55 2080 5452 6430 0020 6400. Toda a información está dispoñible en facebook/festavirxedaguía.