Archive | febrero 2017

Standard & Poor´s outorga a máxima cualificación ás cédulas hipotecarias de ABANCA

Aumenta no número de peregrinos que pasaron a noite no albergue do Porriño

peregrinoUn total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

«Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura» no Teatro Afundación Vigo

A exposición «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura» permanecerá aberta ao público ata o vindeior 25 de marzo, na Sala de Exposicións do Teatro Afundación Vigo. A iniciativa consiste nunhaselección de obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotián, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite, que representa a evolución do sector agrogandeiro, ou un pote de queimada, xunto a outros máis emblemáticos como a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, a cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios. O horario de apertura ao público é de luns a venres de 17.30 a 20.30 h, sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h.

A XUNTA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS LISTAS DE EMPREGO TEMPORAL DA ADMINISTRACIÓN GALEGA

  • As persoas interesadas terán de prazo dende o 1 de marzo ata o 15 de xullo
  • Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos
  • A inscrición poderase realizar en 21 listas, das que sete se abren neste 2017
  • Ademais, a Xunta actualiza os méritos das persoas inscritas en cada unha das listas para determinar a orde de prelación dos aspirantes

 

Santiago, 28 de febreiro de 2017.-A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá inscribirse nas bolsas para o nomeamento de funcionarios interinos e contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

 

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende mañá, 1 de marzo, ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

 

O número de listas que estarán abertas á inscrición é de 21. Delas, 10 listas son para traballar como funcionario interino e outras 11 para traballar como contratado laboral. Respecto a 2016 ábrense sete listas, catro de funcionarios interinos e tres de laborais.

 

Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse a estas listas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado de Listas de Contratación. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.

 

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou da contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo cun baremo que figura en cada convocatoria.

 

Entre as listas abertas están as de enxeñeiros; veterinarios; profesores numerarios; titulado superior médico; ATS, enfermeiro; auxiliar sanitario, auxiliar de clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermería; intérprete de linguaxe de signos; ou oficial 1º de cociña.

 

Actualización de méritos

Ademais, o DOG tamén publica hoxe a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego temporal da Administración galega. A Xunta actualiza así os méritos adquiridos ao longo de 2016 polas persoas que xa integran as distintas listas.

 

En todo caso, dende mañá ábrese un prazo de dez días hábiles para que as persoas interesadas poidan presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa. Unha vez examinada a documentación, a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, dará publicidade ás puntuacións definitivas cunha nova resolución que tamén se publicará no DOG.

Listas para o nomeamento de funcionarios interinos

GRUPO CORPO/

ESCALA

DENOMINACIÓN
A1 2065 Escala de enxeñeiros/as. Especialidade de enxeñaría de minas
A1 2067 Escala de veterinarios/as
A1 2080 Escala de enxeñeiros/as. Espec. de enxeñaría de telecomunicacións
A1 2093-03 Escala de profesores/as numerarios/as. Espec. en navegación marítima
A1 2093-06 Escala de prof. numerarios/as. Espec. medicina subacuática e hiperbárica
A1 2093-07 Escala de prof. numerarios/as. Espec. en intervencións subacuáticas e hiperbáricas
A1 2093-08 Escala de profesores/as numerarios/as. Especialidade en comunicacións
A1 2093-10 Escala de prof. numerarios/as. Especialidade en procesos sanitarios
A2 2076 Escala de enxeñeiros/as técnicos/as. Especialidade de topografía
A2 2094-01 Escala de mestres/as de taller. Espec. en traballos técnicos de mergullo

 Listas para a contratación de persoal laboral temporal

GRUPO CATEG. DENOMINACIÓN
I 002 Titulado/a superior médico/a, médico/a xeriatra, médico/a CEI, médico/a adxunto/a, médico/a.
II 002 ATS, enfermeiro/a, practicante, DUE.
III 004 Gobernante/a, gobernante/a servizos domésticos, encargado/a lavadoiro, roupeiro, ferro de pasar.
III 014 Xefe/a de cociña.
III 065 Oficial 1ª cociña, oficial 1ª cociñeiro, xefe/a cociña, cociñeiro/a 1ª.
III 069 Oficial servizos técnicos, oficial 1ª mantemento, oficial 1ª oficios varios, oficial de primeira.
III 078 Subgobernante/a.
III 104 Intérprete linguaxe de signos
IV 003 Auxiliar sanitario, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico/a, auxiliar de enfermería, coidador/a xeriátrico, coidador/a.
IV 005 Oficial 2ª cociña, cociñeiro/a oficial 2ª.
IV 006 Axudante/a servizos técnicos. Oficial/a 2ª mantemento.

 

JOSÉ MANUEL REY VARELA ANIMA ÁS PERSOAS MAIORES A MELLORAR A SÚA CALIDADE DE VIDA A TRAVÉS DUN ENVELLECEMENTO ACTIVO

270217-rey-varela-fene-iO Conselleiro de Política Social visitou esta mañá o centro sociocomunitario de Fene (A Coruña)

 

 

  • O responsable da carteira autonómica destacou que a Xunta de Galicia non é allea á importancia da integración das persoas maiores, “temos que facelos partícipes dos avances sociais, xa que eles tamén son quen os crean”
  • A Xunta de Galicia conta cunha ampla rede de centros desta tipoloxía na provincia da Coruña, nos que os usuarios participan en actividades de formación e animación sociocultural

 

Fene (A Coruña), 27 de febreiro de 2017.- O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse hoxe ata o centro sociocomunitario de Fene co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións e actividades que se desenvolven nas mesmas. Deste xeito, o titular autonómico continúa coa rolda de encontros coas entidades, organizacións e axentes coa finalidade de intensificar aínda máis as vías de diálogo e de colaboración en políticas sociais.

 

Os centros sociocomunitarios son centros de carácter polivalente, abertos a toda a pobación, dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a interrelación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás acción relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal. O conselleiro declarou que dende o departamento autonómico se está a “relanzar os centros sociocomunitarios de acordo coa nosa estratexia de envellecemento activo que estará vixente neste lexislatura”.

 

Durante a visita, Rey Varela,  destacou que a administración autonómica non é allea á importancia da integración das persoas maiores, “temos que facelos partícipes dos avances sociais, xa que eles tamén son quen os crean”, explicou. Por elo, a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que hoxe visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. “Dende a Xunta de Galicia estamos a organizar actividades nos centros sociais e sociocomunitarios coma este, adscrito á Consellería de Política Social, para que as persoas maiores de Fene manteñan un estilo de vida activo”, explicou o titular autonómico.

 

Para elo, os centros sociocomunitarios desenvolven todas aquelas actividades que demandan os usuarios, todas elas orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas e a desenvolver os seus coñecementos informáticos. Deste xeito, os usuarios poden asistir a clases de ximnasia de mantemento, zumba, internet ou pintura entre outras.  

 

A provincia da Coruña conta con centros sociocomunitarios pertencentes á Xunta de Galicia nos concellos de A Coruña, Mera, Ferrol, Fene, As Pontes, Corcubión, Pobra do Caramiñal, Muros e Santa Comba. Así mesmo, conta con centros sociocomunitarios integrados na Residencia de Maiores Torrente Ballester, na Residencia de Maiores Porta do Camiño, na Residencia de Maiores de Ferrol e na Residencia de Maiores de Carballo.

 

Ao fío disto, Rey Varela lembrou a futura construción das 7 residencias para maiores nas cidades galegas coas que se solventará o 90% da listaxe de agarda no acceso a prazas públicas para este colectivo. Con respecto á decisión dalgunhas persoas maiores a permanecer no seu domicilio, Rey Varela fixo fincapé en que “o queremos é garantir a liberdade de elección por parte das persoas, fomentando os recursos públicos existentes para os maiores que prefiran beneficiarse dunha praza nunha residencia”.

 

Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación

No marco desta visita, o conselleiro de Política Social lembrou que o pasado setembro aprobouse a nova Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación (ESGAEN) 2016-2020, que constitúe o marco de actuación para os vindeiros anos co que dar resposta ás novas necesidades que xorden asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia. “O obxectivo é que os nosos maiores teñan unha calidade de vida mellor durante máis anos, garantindo unha vida activa saudable, independente e segura”, explicou Rey Varela.

 

Así, a estratexia galega sobre envellecemento activo aposta polo enfoque preventivo como unha das ferramentas máis efectivas e supón ademais a renovación do compromiso do Goberno galego para asegurar o benestar e a calidade de vida das persoas a medida que envellecen. Os seus destinatarios son todas as persoas de 55 ou máis anos de Galicia que desexen levar un estilo de vida independente, activo e saudable, potenciando ao máximo as súas capacidades e o seu desenvolvemento como persoas co fin de promover a súa autonomía persoal. Dentro dese grupo establécense uns colectivos clave para a Estratexia co obxectivo de ter en conta as necesidades específicas daqueles cunha maior vulnerabilidade: as persoas de idade máis avanzada (maiores de 80 anos), as persoas que envellecen na contorna rural, as mulleres maiores e as persoas maiores con discapacidade.

 

“Todos os que estamos aquí, debémoslle aos nosos maiores todo o que hoxe somos e do que desfrutamos, por elo, sempre atoparán o apoio da Xunta de Galicia”, concluíu Rey Varela.

 

A XUNTA EXPLÍCALLES A ENTIDADES SOCIAIS DA ÁREA DE VIGO AS 12 MEDIDAS DO GOBERNO GALEGO PARA EVITAR OS DESAFIUZAMENTOS

170227-reunionvigoO director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, reuníronse hoxe cos representantes da Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Vigo e Baixo Miño

 

 

  • O Goberno galego atendeu máis de 1.150 afectados por desafiuzamentos ao abeiro destas iniciativas coas que realoxou na zona de Vigo 39 familias en vivendas propias ou cedidas pola Sareb e entidades financeiras
  • Heriberto García salienta a importancia do Programa de Vivendas Baleiras, xa que permite poñer a disposición das familias que o precisan, a prezo reducido, vivendas de particulares ou institucións que actualmente se atopan baleiras

 

    • Outra medida que se explicou nesta reunión foi o Bono de Alugueiro Social, a través do que a Xunta xa concedeu 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra

 

  • Este bono atende as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos cunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello

 

 

Vigo, 27 de febreiro de 2016.- A Xunta atendeu máis de 1.150 afectados por desafiuzamentos ao abeiro das 12 medidas implantadas pola Administración autonómica, segundo explicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, nunha xuntanza con representantes da Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Vigo, Tui e Baixo Miño, celebrada hoxe en Vigo, na que estivo acompañado polo Delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves.

 

Heriberto García destacou o realoxo das familias afectadas en vivendas propiedade da Xunta ou cedidas á mesma pola Sareb e as entidades financeiras, que beneficiou a un total de 39 afectados desta zona. Á meirande parte deles adxudicáronselles vivendas en Vigo (20 casos), pero tamén se produciron realoxos en Porriño, Salvaterra de Miño, Tomiño, Salceda de Caselas, Moaña, Cangas, A Guarda, Ponteareas e Mondariz. Os dous últimos adxudicatarios recibiron a semana pasada as chaves das súas vivendas, emprazadas en Vigo e Cangas.

 

García Porto puxo de manifesto a importancia que ten o Programa de Vivendas Baleiras para dar resposta á demanda dos máis necesitados, xa que permite poñer no mercado, a prezo reducido, vivendas propiedade de particulares, empresas ou institucións que actualmente se atopan baleiras.

 

Este programa ofrece garantías aos propietarios das vivendas a través dos seguros de impago e asistencia xurídica e o seguro multirrisco do fogar contratados pola Xunta de Galicia, que resultan gratuítos tanto para os propietarios das vivendas como para os concellos que se adhiren ao programa. Máis información sobre o Programa de Vivendas Baleiras: http://igvs.es/web/actuamos/861

 

Por outra parte, estase a traballar na normativa que rexerá o programa Rehaluga, a través do cal os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras poderán acceder a subvencións para a rehabilitación e mantemento das mesmas. Prevese a súa publicación no Dog nos próximos meses.

 

Neste caso, os adxudicatarios benefícianse dos alugueiro reducidos das vivendas e, cando cumpren os requisitos, das axudas do Bono de Alugueiro Social concedidas pola Xunta de Galicia, o que supón que durante o prazo de tres anos a Xunta subvenciona ata máis do 50 por cento do custe do alugueiro, concedendo ademais unha axuda adicional de 600 euros para facer fronte aos custes do contrato, altas de servizos como luz e gas, etc.

 

Actualmente xa se adheriron ao programa tres concellos da zona: Ponteareas, Baiona, Gondomar e proximamente asinarase a adhesión do de Marín. O concello de Ponteareas xa aprobou e publicou a mediados de febreiro as bases polas que se rexerá o programa neste concello, polo que os propietarios de vivendas baleiras interesados en sumarse ao mesmo poden dirixirse ao concello.

 

Outra medida que se explicou nesta reunión foi o Bono de Alugueiro Social, un programa dirixido a atender as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos a través dunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello. Concédese por un período de 12 meses prorrogable ata un máximo de 36 e as axudas son aplicables en todos os casos recollidos na normativa, estea ou non a vivenda incluída no Programa de Vivendas Baleiras. Ao abeiro deste programa xa se concederon 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra.

 

A Xunta destina en 2017 un investimento de 2,2 millóns de euros para o Bono do Alugueiro Social, o que supón un incremento do 46 por cento respecto dos fondos presupostados o ano pasado.

 

Cómpre lembrar que as medidas adoptadas pola Xunta co obxectivo de evitar os desafiuzamentos de vivendas ou paliar as consecuencias dos mesmos para os cidadáns de Galicia foron cualificadas pola Valedora do Pobo como “significativamente máis ambiciosas que as adoptadas por outras comunidades autónomas”.

 

MAÑÁ 28 DE FEBREIRO, PRESENTACIÓN DO LIBRO LA TRISTEZA ALEGRE DE LA ELECTRÓNICA

MAÑÁ 28 DE FEBREIRO, PRESENTACIÓN DO LIBRO LA TRISTEZA ALEGRE DE LA ELECTRÓNICA

 whatsapp-image-2017-02-23-at-11-15-41

O día 28 de febreiro (20:00 horas), en Detrás do Marco, terá lugar a presentación do libro gañador ex aequo do Premio de Poesía El Cercano, La tristeza alegre de la electrónica de Clara Caulfield.

Día: 28 de febreiro

Hora: 20:00 horas

Lugar: Detrás do Marco (R./ Londres, s/n)

Carta ao director Policía portuaria.

PRESIDENTE, DE VERDADE?

Eu, como policía portuario que son, e supoño que todos os meus compañeiros/as do Colectivo de Policía Portuaria da Autoridade Portuaria de Vigo, lamentamos as desafortunadas declaracións do Sr. Enrique C. López Veiga, nas que di que a Policía portuaria non é unha “policía de verdade”.

Se ben é certo que a Policía portuaria é unha “policía especial administrativa”, non se pode olvidar que os seus integrantes teñen carácter de axentes da Autoridade e, como dato curioso, a denomida hoxe en día Policía Portuaria é o corpo policial máis antigo do país, sendo fundada durante o reinado de Carlos III baixo o nome de “Real Cuerpo de Celadores-Guardamuelles”.

Se ao que se refire o Sr. López Veiga é á ambigüedade no desenvolvemento de funcións de seguridade e o vacío legal no que se pode atopar un policía portuario ante actuacións nese ámbito, gustaríame recordarlle que nalgúns dos portos máis importantes do sistema portuario español, como poden ser Barcelona, Tarragona ou Alxeciras, entre outros, a Policía portuaria ten convenios de colaboración coas FF.CC.EE e máis coas  Policías locais, levando a cabo controis de alcolemia e de velocidade e mesmo facendo detencións e tramitando as dilixencias das mesmas, polo que poderiamos decir que o traballo da Policía portuaria vai ligado directamente ao crecemento das Autoridades Portuarias.

Neste caso a Autoridade Portuaria de Vigo pertence e, de seguir así, seguirá eternamente pertencendo á terceira división dos portos españois. A resposta que os xerentes da APV nos darán é unha resposta de librillo barato de mercadillo e nos dirán que non se pode comparar eses portos co Porto de Vigo, aínda que eu lles diría que si se fixaran no plano de deslinde das zonas de control da Autoridade Portuaria poderían darse conta de que as Zonas de Dominio Público Portuario (ZDPP) van dende o peirao de comercio até a Terminal de Transbordadores. ZDPP nas que hai viais de circulación, zonas peatonais, parques e incluso zonas de ocio e diversión, polo que si ou si, no Porto de Vigo van a surxir os mesmos problemas (por non decir máis) que nas zonas de máis movemento da cidade, polo que é sumamente importante que a APV defina claramente as función da Policía portuaria e que haxa un diálogo coas FF.CC.EE e coa Policía local en busca de convenios firmados de colaboración.

Agora xa, como último dato importante, no que se refire ao problema que deu pé a estas desafortunadas declaracións, gustaríame explicarlle ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo que nun botellón das características do que temos na zona do Náutico non actúa nin Policía portuaria, nin Policía local, nin FF.CC.EE porque o operativo tense que montar dende antes de que comence a concentración de xente, xa que o cadro de persoal da Policía portuaria a duras penas chega  para cubrir uns postos mínimos que a APV se nega a firmar dende hai anos, que levamos sete anos nos que a tasa de reposición de Policía portuaria non é 0 se non que é negativa e porque hai (ou é o que me da a min a impresión) intereses comerciais que van máis alá da seguridade ou do civismo.

Fraco favor lle van facer estas declaracións á Policía portuaria, que xa en diversas ocasións (a min pasoume) tivo que escoitar como “usuarios/as” ou simples cidadáns lles increpan, faltan ao respecto ou ningunean por levar a cabo o seu traballo da maneira máis profesional posible. Se non nos queren na casa, vannos querer fóra?

Diego González Domínguez , policía porturio e presidente do comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (CIG).

DNI: 36168704P

Os traballadores/as do albergue municipal vigués presentan unha demanda colectiva contra Cruz Roja por modificar substancialmente as súas condicións de traballo

 

  • Denuncian que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, négase a aplicarlles o convenio que regula o sector

 

 

VIGO/25-02-2017

Os traballadores/as do albergue municipal de Vigo veñen de presentar unha demanda xudicial colectiva contra Cruz Roja Española despois de que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, lles comunicase a súa intención de modificar substancialmente as condicións de traballo e de non aplicar o convenio colectivo que regula o sector.

 

Segundo explica a delegada de persoal do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES), da CIG, os problemas laborais comezaron pouco despois de que Cruz Roja resultase adxudicataria da súa xestión o pasado 11 de novembro por un importe cercano aos 3,7 millóns de euros. Esta ONG encárgase do servizo a través das súas asembleas Comarcal e Provincial, cuxas máximas responsábeis na provincia de Pontevedra son Teresa Álvarez Quincler en calidade de presidenta; María Xesús Fernández Cortegoso, como secretaria; e Pilar Méndez Méndez, que é coordinadora.

 

A representante dos traballadores/as sinala que Cruz Roja, dende a súa entrada no CIIES -situado na rúa Marqués de Valterra e máis coñecido na cidade como albergue municipal- o pasado 1 de decembro, mantén un pulso cos empregados/as despois de que solicitasen por escrito a información necesaria para aclarar as condicións de subrogación do actual cadro de persoal. “Ao contrario do que agardabamos, e tras un período de silencio, a ONG responde convocando aos traballadores/as a acudir á súa sede comarcal de Vigo para presentarlles un documento cuxa forma non se axusta á legalidade e que ratifica o non cumprimento das condicións de subrogación”.

 

Diante disto o cadro de persoal, integrado por máis de 20 persoas, decide presentar unha demanda xudicial colectiva por modificación substancial das condicións de traballo, que inclúe a negativa a aplicar o convenio colectivo que regula o sector, “do que Cruz Roja é asinante como membro da Asociación Estatal de Organizaciones y Acción e Intervención Social (OIES)”.

 

Ao mesmo tempo, o conxunto dos traballadores/as do albergue municipal quere deixar moi claro que “a pesar da presión exercida polo xigante do terceiro sector” sobre un cadro de persoal que forma parte dun servizo “especialmente sensíbel” e que atende “os casos máis extremos de vulnerabilidade” que se producen na cidade, “os empregados/as reiteran o seu compromiso co centro e con todas as persoas que acuden a el”.

 

Finalmente, anuncian a súa intención de adoptar todas as medidas que, dentro da lei, consideran oportunas para protexer os dereitos adquiridos polos empregados/as ante os “abusos” da coñecida ONG.

 

O CONCELLO DO PORRIÑO TERÁ UNHA NOVA PÁXINA WEB NUN PRAZO DE TRES SEMANAS

O Concello do Porriño disporá dun novo portal web nun prazo de tres semanas. A alcaldesa mantivo unha xuntanza cos encargados de desenrolar a nova web municipal que apuntaron ese prazo como o máis acaído para poñela en funcionamento.

Eva García de la Torre sinalou que será posible desenrolar o portal web  grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra que, ademais dunha achega económica, aportará asistencia técnica para a posta en marcha da Administración Electrónica.

A alcaldesa sinalou que a nova web do Concello cumprirá coa promesa electoral de que sexa eficiente, achegada e transparente e permita que as veciñas e veciños poidan facer dende o seu teléfono móbil ou o seu ordenador xestións tan habituais coma Certificados de Empadroamento, Pago de Taxas e Impostos Municipais, consulta de Expedientes ou ver en tempo real contratos e licitacións.

García de la Torre fai autocrítica polo retraso na posta en marcha da web municipal e tamén lembra a situación de “falla de seguridade” nos servizos informáticos do Concello e o “estado calamitoso dos servidores municipais que estaba a poner en perigo a información almacenada”.