Archivo | marzo 10, 2017

A biografía de Rosalía de Castro, unha muller libre e independente

Chega nestes días ás librarías da man da Editorial Galaxia o primeiro volume dunha novidosa biografía da máis grande escritora das nosas letras, asinada pola profesora da Universidade de Barcelona e experta en Rosalía, María Xesús Lama

 

Unha imaxe inédita de Rosalía de Castro, unha muller libre e independente, así se presenta á escritora nesta biografía moi documentada e que conta con abondoso material inédito que reafirma esta imaxe e a afasta doutras construcións que se teñen feito da autora de Cantares Gallegos.
A Editorial Galaxia publica na colección Grandes Biografías o primeiro dos dous volumes da biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama, profesora de Estudos Galegos na Universitat de Barcelona e editora da obra da poeta. Este primeiro volume abrangue dende o seu nacemento ata 1863, ano da publicación de Cantares gallegos.
Cun enfoque novidoso e un pulo investigador que converte a lectura nunha pescuda apaixonante na vida da autora de Follas novas, este primeiro volume repasa os feitos chave da infancia e formación de Rosalía de Castro. Desvélase aquí a orixe acomodada e urbana dunha rapaza que medra gozando do ocio e benestar da súa clase, desmóntase a teoría do trauma da orixe e aclárase de xeito incuestionable o asunto da paternidade. Tamén se cuestiona a mediación de Murguía no acceso ao mundo cultural por parte de Rosalía e no seu emprego do galego como lingua literaria, indágase nos motivos da súa viaxe a Madrid e ofrécese un retrato poliédrico da autora, lonxe dos tópicos e das sucesivas simplificacións da súa figura.
Deste xeito, este primeiro volume amósanos á nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, á adolescente inqueda e con soños de artista, á rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, á lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, á escritora consciente do seu talento e disposta a saír á praza pública… Unha imaxe de Rosalía ata o de agora inédita que nace dun traballo de rigorosa pescuda bibliográfica.

María Xesús Lama (Lugo, 1964) estudou Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela (1987) e doutorouse na Universitat de Barcelona (2002), onde agora imparte docencia, cun traballo sobre a apropiación dos materiais lendarios celtas e da materia de Bretaña na literatura galega contemporánea. A súa investigación céntrase na interrelación entre o proceso de construción nacional e a literatura en Galicia, prestando especial atención á vida e a obra de Rosalía de Castro como escritora fundacional, labor á que se vén sumar agora este estudo biográfico.

A XUNTA DE GALICIA PROMOVE OS INTERCAMBIOS XERACIONAIS A TRAVÉS DO PROGRAMA “VOLUNTARIADO MIÚDO: MÓVETE”

  • A actividade forma parte do itinerario de acción voluntaria impulsado desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e conta coa participación de máis de cincocentos escolares galegos
  • O alumnado de 2º curso de Educación primaria deste centro naronés  están a traballar nun proxecto para o desenvolvemento da solidariedade dende unha óptica interxeracional denominado “Con ollos de maior pero mirada xoven”

Narón (A Coruña), 10 de marzo de 2017.- O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou esta mañá que “coñecer, comprender e respectar as diferenzas entre as persoas maiores e os xóvenes nos permite mellorar a convivencia e avanzar cara a unha sociedade mellor, máis tolerante e respectuosa”.  Así se manifestaba o responsable das políticas sociais da Xunta de Galicia minutos antes de asistir  no Centro Xerontolóxico Euxa de Narón á representación da peza teatral “A Galiña Azul”, que correu a cargo dun grupo de escolares voluntarios de segundo curso de Educación primaria do CEIP O Feal. A actividade está inscrita no marco do Plan Proxecta, nomeadamente do Programa “Voluntariado Miúdo: Móvete”, que leva a cabo a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado dentro do itinerario de acción voluntaria.

 

Jose Manuel Rey Varela explicaba que con esta iniciativa “queremos promover os valores da cultura solidaria e que os nosos nenos e nenas adquiran competencias no eido da solidariedade e o voluntariado”. Nesta liña, a actividade desta mañá forma parte dun proxecto pedagóxico denominado “Con ollos de maior pero mirada xoven” para o desenvolvemento da solidariedade dende unha perspectiva interxeracional entre as persoas usuarias da residencia e o alumnado participante. E, ao fío, destacou que “actividades como a de esta mañá facilitan o intercambio de saberes, favorecen a creación de vínculos entre as persoas maiores e as máis novas e fomentan nestes últimos principios como o respecto e a tolerancia interxeracional”.

 

O Programa “Voluntariado Miúdo: Móvete” conta na actualidade coa participación de oito centros de educación infantil e primaria, entre eles o CEIP O Feal, e máis de cincocentos voluntarios miúdos implicados en proxectos de acción voluntaria. Voluntariado Miúdo compleméntase co Pasaporte Solidario e a Rede de Centros Escolares Solidarios, xa para os alumnos e alumnas de Educación Secundaria.

ABANCA Innova preselecciona 13 proxectos na fase previa do seu programa de aceleración de start-ups

APAMP presenta Elisa no mundo das marabillas

Froito da creatividade das usuarias e usuarios do Obradoiro artístico da APAMP nace este libro entusiasta e optimista que presentaremos para a prensa o luns 13 de marzo ás 12h no centro residencial da entidade da APAMP en Vigo (Pedra Seixa 33, Navia)

 


Que a ilusión e a beleza están ao alcance de calquera é algo que demostra a publicación deElisa no mundo das marabillas, un libro escrito e ilustrado polos alumnos do Obradoiro Artístico da APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral), para ser compartido cos nenos e nenas do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, de Navia (Vigo), co gallo da celebración do día Internacional do Libro do ano 2015, e que agora, un ano depois, ve a luz da man da Editorial Galaxia en colaboración coa propia asociación.

Na rolda de prensa de presentación que terá lugar o día 13 de marzo ás 12h na sede da APAMP en Navia, contaremos coa presenza de Fedra Alcaraz, monitora do obradoiro artístico, Sara Rivas, usuaria do obradoiro, Concepción Somoza, xerente de APAMP, Daniel Varela, presidente de APAMP, Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Abel Caballero, alcalde de Vigo.

Ademais do libro, Elisa no mundo das marabillas vén acompañado tamén dunha peza audiovisual con imaxes do proceso de creación da obra, a través das cales asistimos ao nacemento de Elisa unha muller alegre, soñadora, de mirada intensa e cabelos castaños, que se move nunha cadeira de rodas e ten parálise cerebral. Deste xeito, cunha mirada limpa e optimista, as usuarias e usuario da APAMP achégannos a unha realidade que ignoramos, que a miúdo nos negamos a ver, e que relata as dificultades que día a día superan as persoas con parálise cerebral.

Súmase así a publicación de Elisa no mundo das marabillas á labor da APAMP, unha organización sen ánimo de lucro, contituída por nais e pais, que dende 1977 procura contribuír ao desenvolvemento do proxecto vital de persoas con parálise cerebral ou trastornos afíns.

A XUNTA LICITA A CONSTRUCIÓN DA DEPURADORA DE AUGAS RESIDUAIS DA PLATAFORMA LOXÍSTICO-INDUSTRIAL DE SALVATERRA-AS NEVES (PLISAN)

 

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se licita a redacción do proxecto, as obras e a posta en marcha e explotación.

 

 

Santiago, 10 de marzo de 2016.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras de construcións importe da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da PLISAN e do seu acceso, a execución do correspondente colector de vertedura, así como a súa posta en marcha e explotación. O importe da licitación é de 4.034.064,13 euros, IVE incluído. Para obter máis información pódese consultar este enlace: https://goo.gl/WNH8EZ.

 

A licitación comprende tamén a redacción do proxecto construtivo. O prazo para a redacción do proxecto da Edar será de tres meses a partir da sinatura do contrato. Posteriormente a construción terá que executarse nun prazo máximo de 12 meses.

 

As obras consistirán na construción dunha EDAR dimensionada para a primeira fase da PLISAN pero preparada para as ampliacións futuras previstas. Incluirá a execución dun tanque de emerxencias, de 900 m3 de capacidade.

 

Ademais incluirá a construción do acceso, duns 241 metros de lonxitude e 5 metros de ancho, a instalación do colector da entrada á EDAR, a acometida eléctrica, telecomunicacións e abastecemento.

 

Tamén se executará o colector de vertido ao río Miño das augas depuradas, con 464 metros de lonxitude e 400 milímetros de diámetro.

 

Como obras complementarias instalaranse equipos de bombeo, implementarase un sistema de xestión de vertidos accidentais e realizaranse labores de recuperación da canle dun muíño próximo á EDAR.

 

Actualmente estanse desenvolvendo as obras da primeira fase dos sistemas xerais da Plisan, que están executadas nun 70 por cento e nos próximos días 7, 8, 14 e 15 de marzo se procederá ao pago de algo máis dun millón de euros aos propietarios das fincas afectadas polas expropiacións de solo.

 

A XUNTA FELICITA AO CONSERVATORIO SUPERIOR DE MÚSICA DE VIGO POLA CELEBRACIÓN DO FESTIVAL DA MÚSICA E DAS ARTES NAS ONDAS

presentación da programación Nas Ondas, Festival da Música e das Artes do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSMV), que se celebra no auditorio Martín Códax do centro dende este mes de marzo ata o mes de xuño.

Os dous representantes da Xunta felicitaron ao equipo directivo do Conservatorio, e sobre todo ao seu director, Esteban Valverde, por conseguir unha programación de música e artes “tan completa”. O Goberno galego amosa así o seu compromiso con este programa e co CSMV para levar a música e as artes a todos os vigueses e viguesas.

 

PROGRAMA IV FERIA DO EMPREGO EMPREGALIA 2017

PROGRAMA EMPREGALIA 2017

Lugar de celebración: Estación Marítima de Vigo.
Rúa Cánovas del Castillo, 5, 36202, Vigo, Pontevedra.

VENRES 10 DE MARZO
09.30 Apertura de portas
11.00. Inauguración. Interveñen:
Dña. Patricia López Román, Presidenta de Mulleres en Igualdade de
Vigo.
Dña. Elena Muñoz Fonteriz, Portavoz del Grupo Municipal del Partido
Popular de Vigo.
Dn. Enrique López Veiga, Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.
Dña. Ana Ortiz, Subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Dn. Alfonso Rueda Valenzuela, Vicepresidente e Conselleiro de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
12.00. Charla organizada pola empresa OVB Allfinanz: “Planifica y Emprende”
20.00 Peche de portas.
SÁBADO 11 DE MARZO
09.30 Apertura de portas
13.30 Peche de portas

ETHEL VÁZQUEZ REITERA A CONFIRMACIÓN DE ADIF DE QUE TODAS AS ESTACIÓNS DE FERROCARRIL DE GALICIA PERMANECERÁN ABERTAS E COS SERVIZOS DE VENDA DE BILLETES COMO ATA AGORA

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta se mantivo vixiante para que se garantise a calidade dos  servizos aos usuarios, ao tempo que se velase polo dereitos dos traballadores das terminais

  • Vázquez Mourelle indica que Adif lle ratificou que non se eliminou nin se vai eliminar o servizo de venda de billetes que realiza nas estacións de Guillarei, en Tui, Sarria, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ribadavia
  • Sinala que Adif explicou que o proceso de modernización que se está a iniciar nas terminais, suporá a instalación, no futuro, de máquinas de autovenda, pero non implicará perda dos servizos que os veciños veñen recibindo
  • Salienta que a Xunta actuou con dilixencia e firmeza, esixindo solucións para garantir que a prestación do servizo de venda de billetes se fixese atendendo ás peculiaridades da poboación destes municipios
  • Subliña que o Goberno galego aposta de forma decidida polo rural e así o amosou cunha actitude moi activa ante o Goberno do Estado para que a mobilidade dos veciños destes municipios estivesen plenamente garantidos

 

Santiago, 8 de marzo de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia a confirmación de Adif de que que todas as estacións de ferrocarril da comunidade permanecerán abertas e mantendo os servizos de venda de billetes como viña prestando ata o de agora.  

 

Vázquez Mourelle indicou que o pasado xoves o presidente de Adif ratificoulle que non se eliminou nin se vai eliminar o servizo de venda de billetes que realiza nas estacións ferroviarias de Guillarei, en Tui, Sarria, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ribadavia. Tamén lle comunicou esta determinación aos respectivos municipios afectados.

 

Neste documento, Adif clarificaba que o persoal de circulación da compañía continuará realizando as funcións comerciais nestas terminais. Ademais, facíase fincapé en que non se deixaron de ofrecer os servizos en ningún momento nin nunca se plantexou o peche destas estacións.

 

Adif explicou no citado escrito que o desconcerto xerado semanas atrás sobre o servizo de venda de billetes  puido ser debido aos procesos que se están a impulsar para mellorar o funcionamento das liñas ferroviarias ao obxecto de acadar un transporte seguro, eficiente e sostible. Reiterou que este proceso de modernización, que poderá supoñer, no futuro, a instalación de máquinas de autovenda, non implicará en modo algún unha perda dos servizos que os veciños veñen recibindo.

 

A titular de Infraestruturas salientou que o Goberno galego se mantivo vixiante e en contacto permanente con Adif e Renfe, demandándolles que se garantise a calidade do servizo ferroviario aos usuarios, ao tempo que se velase polo dereitos dos traballadores e o mantemento do emprego.

 

Vázquez Mourelle fixo fincapé en que a Xunta está a apostar de forma decidida polo rural de Galicia e por dotar de servizos e de novas oportunidades as comarcas interiores. É por isto que o Executivo autonómico mantivo unha actitude moi activa ante o Goberno do Estado para que a mobilidade dos veciños destes municipios e comarcas galegas estivesen plenamente garantidos.

 

A conselleira destacou que o Goberno galego actuou con dilixencia, dando traslado a ADIF, a Renfe e ao propio ministro de Fomento da alarma social que estaba a producir a reorganización do persoal nas estacións ferroviarias da comunidade. Ademais, precisou que tamén se actuou con firmeza, esixindo solucións satisfactorias para garantir que a prestación do servizo de venda de billetes se fixese, sempre, atendendo ás peculiaridades da poboación destes municipios e comarcas do rural de Galicia.

 

 

 

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A XUNTA ESTÁ A FACER TODO O NECESARIO PARA QUE VIGO TEÑA A PRIMEIRA ESTACIÓN INTERMODAL DE GALICIA

  • Vázquez Mourelle lembra que tras a anulación do PXOM, que situou o proxecto nun escenario de incerteza, a Xunta acadou unha solución, aprobando a Lei 3/2016, para o impulso de proxectos de especial interese público
  • Asegura que nun só ano se dispuxo do proxecto para a terminal de autobuses e do documento integrador de ambas as terminais; e se iniciou a tramitación conxunta da terminal de autobuses e o centro Vialia
  • Confía en que se o Concello ten interese en impulsar a intermodal, priorice a emisión do informe que blinde o proxecto conxunto do Centro Vialia e da terminal de autobuses e inicie o trámite expropiatorio á maior brevidade
  • En canto aos accesos, sinala que se está a traballar de forma coordinada con Fomento e co Concello para analizar as propostas e encaixar as necesidades das estacións de tren e de autobuses e do Centro Vialia

 

Santiago, 8 de marzo de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, subliñou hoxe no Parlamento de Galicia que o avance da estación intermodal de Vigo é unha prioridade para a Xunta, que dedica todos os seus esforzos para que esta cidade sexa a primeira de Galicia en dispor desta infraestrutura estratéxica.

 

Vázquez Mourelle lembrou que tras as complicacións derivadas da anulación xudicial do PXOM, que situou o proxecto nun escenario de enorme incerteza, a Xunta puxo enriba da mesa unha solución, aprobando a Lei 3/2016, para o impulso de proxectos de especial interese público. Ademais nun só ano dispúxose do proxecto para a terminal de autobuses e do documento integrador de ambas as terminais; e iniciouse a tramitación conxunta da terminal de autobuses e o centro Vialia.

 

O Goberno galego, logo de traballar no encaixe da terminal de autobuses integrada coa de ferrocarril nunha única estación  intermodal, iniciou o procedemento administrativo para a tramitación do proxecto conxunto, inmediatamente despois de recibir a solicitude por parte de ADIF. Ademais, a Xunta deu traslado do expediente ao Concello de Vigo coa máxima celeridade para que realizase os trámites necesarios da súa competencia: someter a información pública e emitir un informe perceptivo e vinculante sobre o proxecto.

 

A conselleira explicou que a demora coa que o Concello de Vigo deu inicio á información pública, dificulta que a adxudicación do centro Vialia se faga no consello de administración de ADIF de finais de marzo, como tiña previsto. Lembrou que a Xunta remitiulle a documentación ao Concello o 7 de febreiro para que iniciase a tramitación que lle correspondía, pero non foi ata o 3 de marzo, cando levou ao Boletín Oficial da Provincia a información pública correspondente, case un mes despois de que lle fora trasladado polo Executivo autonómico.

 

Ethel Vázquez confía en que se o Concello de Vigo ten verdadeiro interese en impulsar a intermodal, dea máxima prioridade á emisión do informe que blinde o proxecto conxunto do Centro Vialia e da terminal de autobuses e inicie o trámite expropiatorio á maior brevidade.

 

Accesos

A titular de Infraestruturas indicou que no que se refire aos accesos, estase a traballar de forma coordinada con Fomento e coa Administración local para chegar a un acordo, analizando as propostas para encaixar as necesidades da estación de tren, da de autobuses e do Centro Vialia. Así, a Xunta vén de propoñerlle ao alcalde de Vigo unha reunión co presidente de ADIF para analizar o avance do proxecto.

Vázquez Mourelle subliñou que o Goberno galego agarda que o Concello colabore e traballe con dilixencia, que se sume ao esforzo conxunto e realice con celeridade os trámites que lle corresponden para que os vigueses sexan os primeiros de Galicia en contar con estación intermodal.