Archive | marzo 11, 2017

Traballos sobre Palacios feito polos alumnos do CEIP Antonio Palacios

As alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Antonio Palacios, de Torneiros, veñen de realizar un traballo sobre a pegada do arquitecto que da nome ao seu colexio que abrangue un blog sobre a obra de Palacios, unha ruta ás súas obras no Porriño e un cartaz en galego, castelán e inglés, cun código QR que leva a unha expliccion sobre a vida e obra deste ilustre porriñés.

Melloras nas rúas Buenos Aires e Progreso

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente do Goberno de Galicia, ven de rematar as obras de mellora das rúas Buenos Aires e Progreso, segundo o deseño presentado pola Concellería de Vías e Obras do Concello do Porriño, que dirixe Manuel Carrera.

Os traballos realizados nestas rúas abranguen o cambio das redes de abastecemento de auga potable que, segundo indica Carrera “estaban en moi mal estado”. Ademais, engade, colocáronse tres novos pasos de cebra elevados, “que aumentan a seguridade dos centos de condutores e peóns que utiliza as dúas vías a diario”. Ás melloras tamén hai que sumar un ‘cruce’ de saneamento na estrada a Gondomar, o asfaltado e o pintado do firme.

A titularidade das dúas rúas, coma lembra o alcalde accidental, xa foi pedida á Xunta polo Concello do Porriño cun proxecto que contempla, cunha partida orzamentaria de 1,5 millóns, o aumento do ancho das beirarrúas nos dous sentidos de circulación, a reforma integral e substitución da rede de saneamento, a colocación de sinalización e un novo alumeado, dado que “estamos a falar de rúas que soportan cada día unha cantidade de tráfico moi elevada”.

GALICIA PECHOU 2016 PAGANDO AOS SEUS PROVEDORES CON MÁIS AXILIDADE QUE A MEDIA

  • O período medio de pago da Administración galega situouse en decembro en 26 días, fronte aos 29 días do conxunto das CCAA
  • A Xunta conseguiu rebaixar este indicador un 10,8% no último ano

 

Santiago, 10 de marzo de 2017.- Galicia pechou o 2016 pagando aos seus provedores con máis axilidade que a media, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública sobre o mes de decembro.

 

Así, Galicia rematou o ano cumprindo o período de pago a provedores e mellor que a media, posto que o tempo medio de pago situouse en 26,01 días, o que supón 3,5 días menos que a media autonómica, que foi de 29,46 días. Ademais, o informe elaborado polo Ministerio de Hacienda mostra tamén que catro comunidades incumpriron en decembro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.

 

Galicia mantense un mes máis como unha das comunidades que cumpre a normativa de pago a provedores, axilizando os pagamentos de facturas e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

 

Ademais, en comparación co mesmo mes do ano 2015, o período medio de pago en Galicia é máis baixo, xa que en decembro de 2015 o tempo medio de pago era de 29,16 días. Isto supón que a Xunta de Galicia conseguiu reducir o tempo medio de pago un 10,8% durante o último ano.

 

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en decembro foi do 0,68%. Galicia conseguiu reducir este indicador un 26,7% no último ano, ao baixar ata os 392 millóns de euros, segundo indican os datos do Ministerio de Hacienda.

 

‘Lulú’ e visita a «Galicia 100» no Teatro Afundación de Vigo

O elenco da obra Lulú, conformado por recoñecidos rostros como María Adánez, Samuel Viyuela, David Castillo, Juan Codina e Chema León, visitará a mostra «Galicia 100» na sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo o sábado pola tarde. A organización desta visita parte da filosofía de Afundación por mostrar a cultura e a historia galega a axentes culturais relevantes alleos á mesma.

Logo de coñeceren a exposición, que mostra a historia de Galicia a través dunha selección de 100 obxectos, a actriz e os actores levarán á escena no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) a peza teatral de Paco Bezerra Lulú. A representación, incluída na Tempada de Teatro 2017, comezará ás 20.30 h e as entradas pódense adquirir a través das canles habituais da entidade: na web Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500.