Archive | marzo 15, 2017

A UNIÓN DE ARTESANOS CONVOCA ASEMBLEA XERAL PARA ELIXIR UNHA NOVA XUNTA DIRECTIVA QUE CONSOLIDE A VIABILIDADE DESTA MUTUA

  • Terá lugar o vindeiro 6 de abril en Santiago de Compostela
  • A Xunta de Galicia exerce dende finais de 2016 a administración provisional desta entidade logo de detectar irregularidades na xestión da anterior xunta directiva
  • O obxectivo da Administración galega é que os novos xestores rachen coa xestión da anterior directiva, que obrigou á súa intervención, e manteñan a liña de actuación levada a cabo pola Xunta, que garantiu a viabilidade desta mutua
  • A Unión de Artesanos continúa presentando os seus servizos con total normalidade

Santiago, 15 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia, como administradora provisional da Unión de Artesanos, vén de convocar asemblea xeral desta mutualidade para elixir nova xunta directiva que substitúa á actual xunta directiva provisional, conformada por persoal funcionario da Xunta. O obxectivo da Administración galega é que nesta asemblea, que terá lugar o 6 de abril en Santiago de Compostela, os mutualistas elixan unha nova xunta directiva que consolide a viabilidade da entidade e poña fin ao actual período de transición.

O pasado ano, a Consellería de Facenda decidiu substituír de xeito provisional á xunta directiva de ‘Unión de Artesanos, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa’ logo de detectar irregularidades na xestión desta entidade por parte dos anteriores reitores. Nese momento, a Xunta nomeou a tres administradores provisionais e garantiu a viabilidade económica e a solvencia desta entidade, que opera na área de Santiago de Compostela.

A Consellería de Facenda ten asumidas as competencias de supervisión e control das mutualidades de previsión social que teñen o seu ámbito de actividades exclusivamente en Galicia. En base a esas competencias, decidiu a substitución provisional da xunta directiva da entidade, cuestión que foi comunicada persoalmente a todos os seus mutualistas.

Dende que a Administración galega asumiu a xestión, o obxectivo foi garantir a viabilidade da entidade mutualista. Unha vez conseguido isto, a prioridade foi convocar asemblea xeral para elixir a unha nova xunta directiva que rache coa xestión da anterior directiva, que obrigou á intervención da mutua, e manteña a liña de actuación levada a cabo pola Xunta, que garantiu a súa viabilidade.

A Consellería de Facenda levará a cabo todas as comprobacións que esixe a lexislación vixente coa fin de garantir que os integrantes da xunta directiva cumpran os requisitos de honorabilidade e formación requiridos, e que en todo caso os intereses que primen na súa xestión sexan a defensa dos intereses dos mutualistas e a continuidade da actividade.

A día de hoxe a viabilidade económica da mutualidade está totalmente garantida, e a entidade segue prestando os seus servizos con total normalidade. As medidas adoptadas garantiron a xestión eficiente dos intereses dos mutualistas, e non afectan ao normal funcionamento da mutua, que seguiu atendendo sen ningún tipo de incidencias nin retrasos os pagamentos aos profesionais cos que vén traballando e aos traballadores da entidade.

A XUNTA EXPLICARALLES ESTA TARDE AOS VECIÑOS DE REDONDELA O PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, trasladará neste encontro as vantaxes desta iniciativa posta en marcha polo Goberno galego

 

 

  • O Concello de Redondela xa se adheriu ao Programa de Vivendas Baleiras que incentiva a posta en alugueiro de vivendas desocupadas
  • Esta iniciativa ofrece garantías aos propietarios das vivendas a través dos seguros de impago e asistencia xurídica e o multirrisco do fogar contratados pola Xunta
  • García Porto tamén tratará a normativa que rexerá o programa Rehaluga, a través do cal os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras poderán acceder a subvencións para a rehabilitación e mantemento das mesmas

 

 

Santiago, 14 de marzo de 2017.- O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, participará hoxe nun acto público con veciños de Redondela no que porá de manifesto a importancia que ten o Programa de Vivendas Baleiras para dar resposta á demanda dos máis necesitados, xa que permite poñer no mercado, a prezo reducido, vivendas propiedade de particulares, empresas ou institucións que actualmente se atopan baleiras.

 

O concello de Redondela xa se adheriu ao programa, xunto con outros da provincia de Pontevedra como Ponteareas, Baiona, Gondomar, A Illa de Arousa, Pontecesures, Lalín e proximamente asinaranse as adhesións de Marín, Vilagarcía e Ribadumia. Redondela xa aprobou e publicou en xaneiro as bases polas que se rexe o programa neste concello, polo que os propietarios de vivendas baleiras interesados en sumarse ao mesmo poden dirixirse ao concello.

 

Este programa ofrece garantías aos propietarios das vivendas a través dos seguros de impago e asistencia xurídica e o seguro multirrisco do fogar contratados pola Xunta de Galicia, que resultan gratuítos tanto para os propietarios das vivendas como para os concellos que se adhiren ao programa. Máis información sobre o Programa de Vivendas Baleiras: http://igvs.es/web/actuamos/861

 

García Porto tamén tratará a normativa que rexerá o programa Rehaluga, a través do cal os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras poderán acceder a subvencións para a rehabilitación e mantemento das mesmas. Prevese a súa publicación no DOG nos próximos meses.

 

Nesta xuntanza, o director abordará o Bono de Alugueiro Social, que é un programa dirixido a atender as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos a través dunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello. Concédese por un período de 12 meses prorrogable ata un máximo de 36. As axudas son aplicables en todos os casos recollidos na normativa, estea ou non a vivenda incluída no Programa de Vivendas Baleiras.

 

Ao abeiro deste programa xa se concederon 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra. Máis información sobre o Bono de Alugueiro Social: http://igvs.es/web/actuamos/841

 

En 2017, A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dispón de 2,2 millóns de euros para o Bono do Alugueiro Social, o que supón un incremento do 46 por cento respecto dos fondos presupostados o ano pasado.

 

O comité de Clece, contrata da limpeza de Citroën en Vigo, convoca protestas contra os incumprimentos da empresa

 

  • O cadro de persoal desenvolverá unha concentración diante da fábrica de automoción o vindeiro mércores 15 de 13.00 a 14.30 horas

 

 

VIGO/14-03-2017

O comité de empresa Clece, contrata do servizo de limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, vén de convocar unha concentración diante da fábrica de automoción o vindeiro mércores día 15 de 13.00 a 14.30 horas para rexeitar os incumprimentos en materia laboral e para esixir o mantemento do emprego.

Dende a representación da CIG no comité de Clece (8 delegados/as da CGT, 3 da CIG e 2 da UGT) explican que coa mobilización que desenvolverán na entrada principal de Citroën queren denunciar os incumprimentos da dirección en materia laboral, rexeitar os “abusos” aos que están sometidos/as os empregados/as e reclamar o mantemento de todos os postos de traballo.

Así, sosteñen que dende que esta compañía se fixo cargo do servizo de limpeza das instalacións viguesas de Citroën “os arredor de 250  traballadores/as que integramos o cadro de persoal vimos padecendo discriminación e perda de dereitos a pesar de que supostamente fomos subrogados coas mesas condicións laborais que figuran no convenio”.

Ao mesmo tempo, lamentan que esta situación se manteña a pesar das numerosas xuntanzas mantidas nos últimos meses entre a parte social e a dirección de Clece e despois de ter convocado incluso varias xornadas de folga.

 

A DIRECTORA XERAL DE MAIORES E PERSOAS CON DISCAPACIDADE APOSTA POLA PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA DESTE COLECTIVO

A directora xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fabiola Garc’a, participar‡ na mesa redonda O presente e o futuro dos dereitos das persoas con discapacidade: Incapacitaci—n ou promoci—n da autonom’a?, no marco das xornadas ÔO desaf’o dos dereitos das persoas con discapacidadeÕ.

Santiago, 14 de marzo de 2017.- A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, participou hoxe nunha mesa redonda sobre o presente e o futuro dos dereitos das persoas con discapacidade: incapacitación ou promoción da autonomía?, no marco dunha xornada organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, o Valedor do Pobo e a Federación Down Galicia.

 

No encontro, que serviu para intercambiar opinións, coñecementos e experiencias nesta materia, a titular autonómica destacou que a promoción da autonomía é vital para o desenvolvemento deste colectivo. Así mesmo, engadiu que “a inclusión plena e efectiva das persoas con discapacidade na sociedade en igualdade de oportunidades, guía as políticas sociais da Xunta de Galicia”.

 

Remate de traballos de seguridade en puntos de risco de varias parroquias

A Concellería de Tráfico e Seguridade Vial ven de rematar distintos traballos de mellora en varias parroquias nas que os veciños advertirán que existían puntos con un especial perigo.

A semana pasada acabou a colocación dunha varanda na Pontenova, nun lugar no que, ademais, logo da intervención da concellería que dirixe Orlando Márquez, tamén se acometerá a roza dunha finca preto do río.

No lugar de San Diego, en Mosende, a carón do lavadoiro, colocáronse dúas reixas ás dúas beiras da estrada, nunha zona cun risco moi alto e nas que xa se producirán varios problemas.

Ademais, a Concellería de Parques e Xardíns concluíu o amaño da rotonda de ‘Madeiras Iglesias’, na mesma zona na que a Concellería de Vías e Obras  concluirá unha beirarrúa de preto de 2 quilómetros. Na rotonda ven de plantarse unha oliveira e sementouse herba que a cubrirá nunhas semanas.

O mesmo fíxose en Sequeiras, diante da urbanización As Rochas, na parte axardinada na que retirouse unha palmeira afectada polo picudo vermello, e plantouse unha oliveira e unha nova clase de froles.