ETHEL VÁZQUEZ PON EN VALOR O PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO COMO FERRAMENTA DE COHESIÓN DA ÁREA, NA QUE BONIFICOU 2,6 MILLÓNS DE BILLETES INTERURBANOS EN 2016 A MÁIS DE 40.000 USUARIOS

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda interveu hoxe no xantar coloquio do Círculo de empresarios de Galicia ‘Facer cidade: as infraestruturas e os servizos como elementos de progreso dunha área metropolitana’

 

  • Vázquez Mourelle salienta que o Plan na área de Vigo está incompleto por decisión do alcalde, xa que un veciño que use o autobús urbano e interurbano abonará dous billetes, pero se o Concello entrase, o transbordo sería gratuíto e só pagaría un
  • Explica que o Plan ten moi boa acollida e precisa que Vigo é o concello galego con máis usuarios da tarxeta Xente Nova, que permite desprazamentos metropolitanos gratuítos a menores de 19 anos
  • Subliña  que as grandes cidades do futuro son as áreas metropolitanas, xa que a Xunta ten presente que case a metade do PIB de Galicia se produce nestas
  • No que se refire á intermodal de Vigo, mañá terá lugar unha nova reunión técnica da que agarda que haxa avances cara un acordo sobre os accesos
  • Na liña de cohesionar a área metropolitana, a Xunta está a impulsar a autovía do Morrazo, a maior obra pública viaria que está actualmente en construción en Galicia, cun investimento de 54 millóns de euros
  • En relación á alta velocidade, salienta a necesidade da variante de Cerdedo, infraestrutura que a Xunta está a reivindicar de xeito paralelo á finalización da liña entre Ourense e Madrid, facendo fincapé na urxencia de ambas
  • Recorda que a semana pasada o DOG recollía a licitación das obras da depuradora da Plisan para que este ano se inicie a comercialización dos terreos e que o ano que vén se poidan comezar a implantar empresas

 

Vigo, 16 de marzo de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no xantar coloquio do Círculo de empresarios de Galicia ‘Facer cidade: as infraestruturas e os servizos como elementos de progreso dunha área metropolitana’, onde puxo en valor o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo como ferramenta de cohesión da área, na que bonificou 2,6 millóns de billetes interurbanos en 2016 a máis de 40.000 usuarios.

 

Vázquez Mourelle salientou que o Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo está incompleto por decisión do alcalde, xa que un veciño que empregue o autobús urbano e interurbano deberá abonar dous billetes, mentres que se o Concello entrase no plan o transbordo sería gratuíto e só pagaría un. Lamentou que pese a que o alcalde, Abel Caballero, ten asinada a incorporación da cidade de Vigo ao Plan de Transporte nas mesmas condicións que están vixentes no resto de Galicia, o certo é que non foi quen de facelo efectivo.

 

A titular de Infraestruturas explicou que aínda incompleto, o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo ten demostrado ser unha ferramenta útil e moi ben acollida e precisou que Vigo é o Concello de Galicia con máis usuarios da tarxeta Xente Nova, a tarxeta que dá desprazamentos metropolitanos gratuítos aos menores de 19 anos.

 

A conselleira subliñou que a Xunta ten presente que practicamente a metade do PIB de Galicia se produce nas áreas metropolitanas e por iso se eleva o concepto de cidade a algo máis que un municipio. Neste sentido, fixo fincapé en que as grandes cidades do futuro son supramunicipais, son as áreas metropolitanas.

 

Ethel Vázquez puxo como exemplo que a día de hoxe só existen dúas áreas metropolitanas constituídas como tales en España: Barcelona e Valencia. Así, a Área Metropolitana de Barcelona ten a súa orixe na entidade metropolitana de servizos hidráulicos e tratamento de residuos e na entidade metropolitana de transporte.

 

Estes casos respaldan a postura da Xunta de que, antes de comezar a constituír organismos, haxa unha traxectoria común compartindo servizos. Así, as infraestruturas hidráulicas xa están en certo modo compartidas, coas depuradoras de Bens e de Lagares, por exemplo, e hai certa experiencia no transporte.

 

Intermodal

No que se refire á intermodal de Vigo, mañá terá lugar unha nova reunión técnica da que a conselleira agarda que se produzan avances cara un acordo sobre os accesos. Cómpre lembrar que a Xunta construirá unha terminal de autobuses integrada coa actual estación de FFCC de Urzáiz e leva máis dun ano traballando no seu deseño.

 

Vázquez Mourelle lembrou que foi a Xunta quen tivo que poñer solucións enriba da mesa porque a anulación do PXOM da cidade facía inviable urbanísticamente esta e outras iniciativas clave. Lamentou que o Concello, en canto tivo a pelota da tramitación no seu tellado, invadiuno unha repentina calma que lle levou a tardar case un mes en sacar a documentación que lle mandáramos a información pública. Pola contra, indicou que o Goberno galego segue traballando porque a intermodal significa facer cidade, constituíndo un único punto de referencia para as viaxes de longo percorrido, e potenciando o transporte público.

 

Infraestruturas viarias

Na liña de cohesionar a área metropolitana a través de canles de comunicación, o Goberno galego está a impulsar a autovía do Morrazo, a maior obra pública viaria que está actualmente en construción en Galicia, cun investimento autonómico de 54 millóns de euros.

 

A conselleira salientou que a Xunta está a demostrar solvencia para defender os intereses dos galegos e dos vigueses noutras administracións. Precisou que cando un Goberno solvente presenta unha solicitude seria para facer da Avda. de Buenos Aires un boulevard urbano, o Ministerio de Fomento escoita e analiza a proposta.

 

O Executivo autonómico tamén lle trasladou ao Goberno central a reivindicación formulada desde o Círculo de Empresarios, para que no Ministerio de Fomento se reflexione sobre o impacto que a peaxe da AP-9  entre Vigo e Redondela ten sobre a competitividade da área sur de Galicia.

 

AVE

Ethel Vázquez resaltou que outra canle de vertebración fundamental é a Liña de Alta Velocidade Ferroviaria. Así, a conselleira salientou a necesidade da variante de Cerdedo, infraestrutura que a Xunta está a reivindicar de xeito paralelo á finalización da liña entre Ourense e Madrid, facendo fincapé na urxencia de ambas.

 

Tamén remarcou a necesidade da saída sur ferroviaria que conectará con Portugal, co que se está a coordinar unha mellora dos servizos ferroviarios internacionais. Lembrou que esta mesma semana tiña confirmación deste punto por parte do secretario de Estado de Infraestruturas.

 

Esta infraestrutura será un impulso máis na constitución da estación de Urzaiz como nodo de transporte intermodal, posto que coa saída sur poderíase eliminar a actual estación de viaxeiros de Guixar e ter unha única estación de FFCC en Vigo.

 

Plisan

A conselleira lembrou que a semana pasada o Diario Oficial de Galicia recollía a licitación das obras da estación depuradora desa área loxística para que este ano se poidan comezar a comercializar os terreos e que o ano que vén se poidan comezar a implantar empresas.

 

Os obxectivos da Xunta son que veñan empresas de fóra a promover máis actividade económica e que as factorías da comunidade que queiran nacer ou crecer teñan espazos axeitados para facelo.

 

No ámbito das competencias do departamento que dirixe Ethel Vázquez, atópanse as facilidades de acceso ao solo empresarial. Na Plisan, por exemplo, os primeiros 100.000 metros que se vendan serán a 50 euros.

 

Con estas medidas, en dous anos lévanse adxudicados máis de 700.000 metros cadrados de solo empresarial en Galicia, o que sitúa a comunidade en niveis precrise e deixa patente o interese do sector empresarial por investir cando se lle dan facilidades.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: