REY VARELA COMPROMETE O ESFORZO DA XUNTA DE GALICIA PARA BLINDAR E MELLORAR OS DEREITOS E SERVIZOS EN MATERIA DE POLÍTICA SOCIAL

  • Destacou que a capacidade de garantir as prestacións sociais durante o período de maior gravidade da crise foi posible grazas ao saneamento das contas públicas e a dar prioridade ao gasto social
  • Así mesmo, referiuse aos principais cambios normativos impulsados dende o seu departamento, como o concerto social, o acordo marco coas entidades de iniciativa social, o decreto que regula a Historia Social Única Electrónica e o convenio coa Fegamp para o financiamento das escolas infantís e centros de día de ámbito local que son prestados pola Administración autonómica

 

Madrid, 15 de marzo de 2017.- O conselleiro  de Política Social, José Manuel Rey Varela, interveu hoxe no Senado no marco dun debate sobre dereitos sociais, Comunidades Autónomas e crise económica organizado ao abeiro do VI Foro da Autonomía, e no que destacou a capacidade de Galicia para garantir os servizos sociais durante o período de maior gravidade da crise e avanzou como obxectivo de lexislatura blindar os dereitos e servizos neste ámbito. O responsable da área social da Xunta compartiu mesa de debate co vicepresidente de Dereitos Sociais do Goberno de Navarra, Miguel Laparra, e coa conselleira de Igualdade, Saúde e Políticas Sociais da Junta de Andalucía, María José Sánchez Rubio, así como co catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Barcelona, Joaquín Tornos.

 

Na súa intervención, Rey Varela salientou que o saneamento das contas públicas permitiu salvagardar os servizos sociais nos peores momentos económicos, asegurando que “hoxe Galicia destaca entre as Comunidades Autónomas non soamente por cumprir o déficit, senón tamén porque o beneficio de cumprilo permítenos ter mellores políticas sociais ao dispoñer de máis recursos económicos para esta finalidade”. Así mesmo, engadiu que durante a crise “fomos quen de garantir uns estándares de prestación nun nivel suficiente para atender ás persoas que máis o necesitaban, e na actualidade temos que manter ese esforzo e mellorar as nosas políticas sociais agora que a capacidade da economía galega está a medrar”.

 

O conselleiro expuxo os avances máis importantes en materia social no período que vai dende o ano 2009, en plena crise, ata a actualidade. Entre outras cuestións, referiuse á posta en marcha de programas específicos contra os desafiuzamentos, a pobreza infantil e a enerxética; para a compra de medicamentos ou para contribuír a sufragar os gastos básicos dun fillo ou filla no primeiro ano de vida. Ademais, subliñou a ampliación da rede de recursos infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos; a cobertura do sistema autonómico de atención a persoas dependentes e o incremento do número de prazas públicas para maiores e persoas con discapacidade en residencias, centros de día e centros especializados. E, así mesmo, detívose na Axenda Social Única, que constitúe o marco xeral de coordinación, cooperación e colaboración entre Xunta, Concellos e entidades de iniciativa social e que neste mandato se seguirá desenvolvendo coa inclusión de novas liñas de actuación dirixidas a permitir o acceso ao emprego ás persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia.

 

Por outra banda, Rey Varela abordou as principais modificacións no regulamento autonómico en materia de servizos sociais impulsados dende o seu departamento. En primeiro lugar, fixo mención ao concerto social e ao acordo marco para a xestión dos servizos sociais coas entidades que prestan estes servizos. Trátase de dous novos instrumentos xurídicos aprobados en 2016 cos que, co primeiro, se recoñece o papel das entidades de iniciativa social dotando de maior seguridade xurídica as actividades económicas deste sector; e, co segundo, se atende de forma prioritaria e na medida que sexa posible á libre elección da persoa destinataria do servizo.

 

E en segundo lugar falou do decreto que regula a creación, o uso e o acceso da Historia Social Única Electrónica, aprobado en 2016; así como da lei de medidas fiscais, administrativas e ordenación acordada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en maio dese mesmo ano.

 

Ao respecto da Historia Social Única Electrónica, o conselleiro indicou que esta “é o soporte máis adecuado para a intervención social, xa que facilita o manexo e a accesibilidade da información e documentación social aos profesionais técnicos do sistema de servizos sociais de Galicia; promove que se compartan datos con outros sistemas relacionados co benestar como poden ser o sistema público de saúde, o de educación ou o de emprego e busca como obxectivo último optimizar os recursos públicos prestados ás persoas usuarias que son comúns nos campos sociosanitario, socieducativo e sociolaboral”. En canto ao acordo marco coa Fegamp, Rey Varela lembrou que este garante o financiamento das escolas infantís e centros de día de ámbito local que son prestados pola Administración autonómica a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

 

Por último, o responsable da área social da Xunta indicou que esta lexislatura que vén de comezar suporá novos avances nesta materia, marcándose como obxectivo “manter e asentar os avances que temos dados neste ámbito e dar resposta ás novas realidades sociais”. Nesta liña, Rey Varela concluíu que “a vontade é que Galicia poida ser un referente de modernidade e de cobertura de dereitos que pertencen ás persoas”.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: