Archive | marzo 17, 2017

O PARLAMENTO INSTA Á XUNTA A DOTAR DE SERVIZOS DE BANDA LARGA ULTRARRÁPIDA A AUTÓNOMOS E EMPRESAS ILLADAS DO RURAL

  • “Queremos dar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural”, manifestou Moisés Blanco

 

Santiago, 16 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta á posta en marcha de actuacións que permitan dotar de servizos de banda larga ultrarrápida a aqueles autónomos e empresas illadas situadas no rural que se atopan en situación de desigualdade dixital fronte ás empresas das zonas máis urbanas.

 

O portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco, lembrou que o Plan de Banda Longa 2010-2013 da Xunta de Galicia permitiu que a práctica totalidade da poboación galega dispuxera de cobertura de cando menos 2 megabytes e que a metade da poboación tivera cobertura de redes de nova xeración de máis de 100 megabytes.

 

MELLORA DA COMPETITIVIDADE

 

“Porén, a rápida evolución das tecnoloxías fai preciso, ademais dunha cobertura universal, velocidades de banda larga moito máis elevadas para garantir o acceso a novos e cada vez máis sofisticados servizos dixitais, que posibiliten a mellora da competitividade das empresas, un aspecto fundamental na innovación e o progreso do rural”, indicou.

 

Por este motivo, o Goberno galego puxo en marcha o Plan de Banda Larga de Galicia 2020. Neste momento xa se está a levar a cabo a primeira das actuacións deste Plan, coa que se dotará de redes de banda larga ultrarrápida a 81 polígonos industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. “En concreto, está previsto que para 2018 un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93 por cento da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps”, dixo.

 

Moisés Blanco sinalou que, “lonxe de conformarnos, con esta iniciativa queremos dar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural”. “A dotación destes servizos de banda longa ultrarrápida ás zonas máis illadas do rural facilitarán a igualdade entre as empresas das zonas urbanas e do rural”, apuntou.

 

A XUNTA DE GALICIA REFORZA O SEU COMPROMISO NO APOIO ÁS PERSOAS CON DIFERENTES CAPACIDADES E ÁS SÚAS FAMILIAS

  • O responsable da área social do Goberno galego destacou o reforzo das liñas de colaboración con esta entidade viguesa nas súas residencias e centros de día

 

Santiago, 16 de marzo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse hoxe no seu despacho de Santiago con responsables da Asociación Galega  de San Francisco (Agasfra), entre eles co seu presidente, Eladio Fernández. Rey Varela destacou o labor que realiza esta entidade con sede en Vigo no ámbito da atención a persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias a través dos seus centros de educación especial, de emprego, residenciais e de día.

 

Trala xuntanza, o conselleiro subliñou as liñas de colaboración que a Xunta mantén con esta asociación, e que se viron reforzadas o ano pasado co incremento de cinco novos servizos de atención residencial e outros catro de atención diúrna, en ámbolos dous casos de carácter terapéutico.
Rey Varela avogou por continuar intensificando a colaboración con entidades que, como Agasfra, completan en Galicia a rede asistencial e de servizos a persoas con discapacidade. Na actualidade, esta asociación viguesa atende a 170 persoas con discapacidade intelectual, con moi diferentes capacidades e necesidades, prestando servizos educativos, de formación pre-laboral, ocupacional, residenciais, rehabilitadores, estimulativos, de ocio e deportes e de atención e orientación ás familias.