Archive | marzo 20, 2017

Convocatoria do Premio de Poesía de Afundación

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Poesía, o vindeiro 21 de marzo, Afundación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia convocan a décimo quinta edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega. Na seguinte ligazón pódense consultar as bases.

Afundación amplía a súa oferta de prazas de viaxes para socias e socios dos seus centros de maiores ante a gran demanda

Afundación, dentro dos seus programas de envellecemento activo, ofrece ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de realizaren unha serie de viaxes, coa finalidade de promover un lecer cultural, saudable e un punto de encontro, comunicación e sociabilidade para os seus participantes. Ante a grande acollida deste programa entre as socias e socios da entidade, Afundación acaba de organizar unha segunda quenda de viaxes para Praga e Budapest, Polonia e as vilas brancas de Cádiz, para as que aínda quedan prazas dispoñibles.

Ademais, continúa aberto o prazo de inscrición para o cruceiro polo Mediterráneo, a estancia no Hotel Balneario de Lobios e Tenerife.

 

Os socios ABANCA gozarán dun desconto no prezo final. Quen desexe anotarse pode facelo dirixíndose a calquera dos espazos +60 de Afundación. Os seus enderezos e teléfonos poden consultarse na seguinte ligazón:http://www.afundacion.org/é/envellecemento_activo/centros.

 

Fetén Fetén chega a Vigo da man de Afundación e a súa programación de actividades para escolares

A Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26) albergará o concerto didácticoLa maravillosa historia del violín trompeta, de Fetén Fetén, incluído na programación de actividades para escolares de Afundación. As representacións terán lugar do martes 21 ao venres 24 de marzo con dúas funcións diarias, unha ás 10.00 h e outra ás 12.00 h.

Máis de 3300 alumnas e alumnos de 5.º e 6.º curso de educación primaria de 56 centros escolares de Vigo e comarca daranse cita neste concerto.

A XUNTA PROPÓN A ADXUDICACIÓN DUNHA VIVENDA E FIRMA O CONTRATO DE ALUGUER DOUTRA A PERSOAS EN SITUACIÓN DE EMERXENCIA EN VIGO

 

  • Hoxe mesmo asinouse o contrato de alugueiro dunha vivenda cedida por Abanca e adxudicada a unha persoa en situación de emerxencia social
  • A Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación dunha vivenda cedida pola Sareb a unha persoa de avanzada idade afectada por un desafiuzamento

 

 

Vigo, 20 de marzo de 2017.- A Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra aprobou na súa última reunión a proposta de adxudicación dunha vivenda cedida pola Sareb en Vigo a unha muller de avanzada idade incursa nunha inminente execución hipotecaria, continuando coa aplicación das 12 medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para loitar contra os desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda. Unha vez que a vivenda sexa adxudicada pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinarase o contrato de alugueiro e entregaranse as chaves á beneficiaria.

 

Por outra parte, hoxe mesmo asinouse o contrato de alugueiro doutra vivenda adxudicada directamente en Vigo a unha persoa en situación de emerxencia social. Neste caso trátase dunha vivenda recentemente cedida por Abanca para o seu destino a alugueiro social.

 

Con estas adxudicacións a Xunta de Galicia continúa ofrecendo unha alternativa a todos os afectados que o solicitan e cumpren os requisitos establecidos. No que vai de 2017 xa se realoxou a outras 14 familias en vivendas propiedade do IGVS (5 casos) ou cedidas por Abanca e Sareb. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.

 

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos preto de 1.200 casos en toda Galicia.

 

A XUNTA DE GALICIA REAFIRMA O SEU COMPROMISO COAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL E AS SÚAS FAMILIAS

  • O responsable da área social do Goberno galego avogou por abordar a discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade e a acción positiva, xa que “non se trata tanto de que as persoas con distintas capacidades se adapten para integrarse na sociedade se non que é esta a que as ten que incluír”
  • A Administración autonómica aumentou o ano pasado as prazas concertadas cos centros de Amicos ata chegar ás 60, e que este año se manteñen grazas a un investimento superior aos 730.000 euros.

 

Ribeira (A Coruña), 20 de marzo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe as instalacións en Ribeira da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (Amicos). O conselleiro, que destacou o traballo que esta a facer esta entidade a prol da mellora da calidade de vida deste colectivo, estivo acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

 

Rey Varela reiterou o compromiso da Xunta no apoio ás persoas con discapacidade, xa que “non se trata de persoas diferentes, senón de persoas con distintas capacidades que poden achegar moito á sociedade e das que temos moito que aprender”, dixo. Neste sentido, o titular de Política Social explicou que debemos abordar a discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva, posto que “non se trata tanto de que as persoas con distintas capacidades se adapten para integrarse na sociedade se non  que é esta a que as ten que incluír”, manifestou.

 

Ademais, o responsable da área social do Goberno galego destacou o incremento da colaboración con entidades que interveñen no ámbito da discapacidade. No caso de Amicos, a Xunta aumentou o ano pasado o número de prazas concertadas nos centros da asociación acadando as 60, cantidade que se mantén en 2017 cun investimento superior aos 730.000 euros.

 

Por último, Rey Varela sinalou que a Administración autonómica seguirá coa liña de traballo conxunto coas entidades sociais para avanzar no desenvolvemento da Estratexia Galega sobre Discapacidade, horizonte 2020, a cal contempla seis liñas básicas de intervención para conseguir unha sociedade máis integradora: accesibilidade; autonomía persoal; educación, formación e emprego; saúde e servizos sociais.

A XUNTA INFORMA DA NOVA LIÑA DE AXUDAS AOS ENTES LOCAIS PARA A POSTA EN MARCHA DE INICIATIVAS DIRIXIDAS Á MOCIDADE

  • Cecilia Vázquez avanzou tamén que o seu departamento autonómico está a traballar no novo decreto que desenvolve a Lei de xuventude de Galicia, que contará coas achegas dos técnicos de información xuvenil, das asociacións do sector e das escolas de tempo libre

 

Ourense, 20 de marzo de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, celebrou hoxe nas instalacións de Espazo Xove de Ourense unha xuntanza con  alcaldes, concelleiros de mocidade e técnicos de información xuvenil da provincia coa finalidade de explicarlles as novidades máis destacadas deste departamento autonómico para este ano, como son a nova orde de subvencións aos entes locais e a presentación do novo decreto que desenvolve a Lei de Xuventude.  

 

A responsable de Xuventude reuniuse, en primeiro lugar, cos representantes políticos, e a continuación entrevistouse cos técnicos de mocidade. A estas xuntanzas estiveron convidados os edís e técnicos de xuventude dos municipios de A Bola, A Gudiña, A Merca, A Mezquita, A Peroxa, A Veiga, Allariz, Amoeiro, Arnoia, Avión, Baltar, Bande, Barbadás, Beade, Beariz, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, Esgos, Leiro, Lobios, Maceda, Manzaneda, Montederramo, Monterrei, Muiños, Nogueira de Ramuín, O Barco, Carballiño, Oimbra, Os Blancos, Ourense, Pereiro de Aguiar, Piñor,Pobra de Trives, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, Rubiá, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambia e Xunqueira de Espadañedo.

 

En canto á nova liña de axudas destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade, Cecilia Vázquez remarcou a importancia de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil, potenciando que se fagan conxuntamente entre varios concellos. Así, se incrementan os importes máximos ao dobre nas axudas individuais, pasando de 3.000 € a 6.000 €. de 8.000 nos programas que interveñan dous concellos a 15.000 €; e de 15.000 no que participen  tres concellos ou a máis a 22.000 euros.

 

Poden solicitar estas axudas os concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; as agrupacións de concellos, colindantes e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta.

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comunicou que con esta orde se pretende potenciar os mellores proxectos nas  áreas de Dinamización da información para a mocidade e nas Iniciativas locais emprendedoras, nas que se pretende que se presenten proxectos relacionados co emprendemento e coa empregabilidade da mocidade. Así mesmo, tamén se fai fincapé na promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a mocidade, na sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, no fomento da inclusión social e laboral e na accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

 

Outros aspectos relevantes que se buscan reforzar coa nova orde son o fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna, a dinamización da lingua galega, o fomento da participación e o empoderamento das  mozas galegas, a conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural, e a creación de espazos para a comunicación e as tecnoloxías da información e comunicación.

 

Por outra banda, Cecilia Vázquez expuxo tamén que se está a traballar no novo decreto de Xuventude, que desenvolve a Lei de Xuventude de Galicia, no que pretende contar cos técnicos que traballan no ámbito da mocidade. Con esta finalidade, levaranse a cabo xornadas provinciais cos técnicos de información xuvenil e xuventude, coas asociacións xuvenís e coas escolas de tempo libre  para que saia un texto o máis participativo posible.

 

Tras o encontro de hoxe en Ourense e o mantido a semana pasada na Coruña, esta responsable autonómica continuará con estas reunións para explicar a rexedores, concelleiros e técnicos no ámbito xuvenil as novidades das políticas da Xunta de Galicia dirixidas á mocidade. Así, as seguintes xuntanzas terán lugar os días 29 e 31 de marzo en Vigo e Lugo, respectivamente. Cecilia Vázquez rematará esta rolda de xuntanzas o día 3 de abril en Santiago de Compostela cos concellos da provincia da Coruña que non asistiron a este primeiro encontro.

A XUNTA E FEGADACE UNEN ESFORZOS PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS CON DANO CEREBRAL E APOIAR AS FAMILIAS

  • O responsable da área social do Goberno galego avogou por continuar coa sensibilización social con respecto ao alcance e a dimensión deste problema

 

Santiago, 20 de marzo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou hoxe o labor que está a realizar a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e as asociacións que forman parte da mesma na defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida destas persoas, tras  manter unha xuntanza de traballo con responsables desta entidade no seu despacho de San Caetano. Este encontro enmárcase na nova rolda de entrevistas que o titular de Política Social está a manter co amplo tecido de entidades sociais de Galicia.

 

Rey Varela reiterou o compromiso da Xunta de continuar a apoiar ás persoas con dano cerebral na procura de “achegar solucións que contribúan a normalizar a situación destas persoas na sociedade”. Nesta liña, apuntou que “debemos seguir no camiño de sensibilizar á sociedade con respecto ao alcance e á dimensión deste problema, así como impulsar e apoiar todas aquelas iniciativas que se dirixan a favorecer a plena integración deste colectivo”.

 

Ademais, o conselleiro destacou que Galicia é pioneira en dotarse dunha carteira específica de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, que abrangue doenzas como o alzhéimer, a discapacidade física ou intelectual, o dano cerebral e a parálise cerebral. Nestes momentos, a Xunta está a continuar co despregue de servizos de atención temperá co obxectivo de ampliar paulatinamente a rede de cobertura a este colectivo e facendo especial fincapé na atención ás persoas nos primeiros estadios da doenza.

 

A Consellería de Política Social incrementou o ano pasado o convenio de colaboración que mantén con Fegadace, ata chegar a un total de 211.511 euros, un 26% máis que en 2015. Esta contía destínase, ao financiamento dos programas de atención ambulatoria, de rehabilitación funcional e inclusión social de persoas con dano cerebral adquirido, ademais de ao mantemento da federación e das entidades que integran a mesma.

 

ABANCA entrega ao Banco de Alimentos 2.500 quilos recollidos nunha campaña

  • Clientes e empregados da entidade financeira envorcáronse coa iniciativa solidaria “Ti, o elo máis importante”, desenvolvida durante a segunda semana de marzo en once oficinas de Vigo e a súa área de influenza
  • As dúas institucións reeditan unha colaboración estable, grazas á que se puxeron en marcha outras campañas de recolección de alimentos na provincia
20170320-abanca-banco-alimentos-2
O director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez (segundo pola dereita), xunto a representantes do Banco de Alimentos de Vigo durante a entrega.

 

20170320-abanca-banco-alimentos
O director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez, xunto a representantes do Banco de Alimentos de Vigo durante a entrega.

 

20170320-abanca-banco-alimentos-3
Alimentos doados por clientes e empreados na campaña conxunta de ABANCA e o Banco de Alimentos de Vigo.

ABANCA entregou esta mañá á Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo un total de 2.500 quilos de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene recollidos durante a iniciativa solidaria “Ti, o elo máis importante”. No acto celebrado en Vigo participaron, por parte do Banco de Alimentos, o seu vicepresidente Ernesto Badía, o seu tesoureiro Álvaro Janeiro e Antonio Rodríguez Lijo; e por parte da entidade financeira, o seu director territorial en Vigo, Jorge Martínez.

Grazas a esta campaña solidaria, os clientes e empregados de ABANCA puideron depositar as dúas doazóns nos contedores especificamente habilitados en once oficinas de Vigo, Redondela, Porriño, Moaña, Nigrán, Ponteareas e A Guarda, así como na sede institucional de ABANCA en Vigo. Unha iniciativa que se estendeu durante a segunda semana de marzo e na que se recolleron bricks de leite, alimentos infantís, paquetes de pasta, arroz ou legumes, botes de conservas vexetais ou produtos de hixiene, entre outros.

Ambas entidades manteñen unha colaboración estable e impulsaron conxuntamente diversas iniciativas para facilitar a recolección de alimentos nos últimos meses. Sen ir máis lonxe, na pasada primavera ABANCA e o Banco de Alimentos activaron por segundo ano consecutivo unha campaña de doazón de cestas de produtos básicos en dez oficinas do Baixo Miño. Esta participación solidaria tamén tivo o seu reflexo nas ceas de Nadal de empregados da entidade financeira, nas que se recolleron alimentos non perecedoiros.

Sobre o Banco de Alimentos de Vigo

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo é unha ONG creada hai agora 22 anos. Na actualidade axuda a uns 150 colectivos sociais da provincia, que dan cobertura a preto de 25.000 persoas con dificultades.

O pasado ano repartiu máis de 2,1 millóns de quilos de comida, cifra que supón un 25% máis que no 2015. Unha das principais campañas do ano, a Gran Recollida Solidaria que tivo lugar no último fin de semana de novembro, serviu para encher os almacéns da ONG con 309.000 quilos de comida. Nas vindeiras semanas porá en marcha a primeira Operación Quilo do ano, para recuperar o stock de produtos básicos nos seus almacéns de Vigo e Pontevedra.