A XUNTA PUBLICA HOXE NO DOG A NOVA ESTRUCTURA DA AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS, QUE SE REFORZA PARA AFRONTAR A EXECUCIÓN DAS PRINCIPAIS OBRAS PÚBLICAS QUE PROMOVE A XUNTA

  • Dótase ao organismo da estrutura necesaria para a execución, ademais das infraestruturas viarias, dos equipamentos sanitarios e educativos, entre outros
  • O decreto optimiza o funcionamento da administración, consolidando á Axencia na súa vertente técnica e de contratación, especializándose neses eidos, co apoio da Secretaría Xeral Técnica nos aspectos xurídicos
  • Para o reforzo da estrutura créanse o servizo de contratación, coa fin de axilizar a tramitación de expedientes; e o de obra de edificación, que asumirá o seguimento da execución das actuacións
  • Cómpre lembrar que este incremento de responsabilidades xa se iniciou na pasada lexislatura coas primeiras encomendas da Consellería de Sanidade, como a xestión dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, xa finalizados
  • Neste lexislatura prevese a encomenda de máis de 20 actuacións estratéxicas, polo que o volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros

 

Santiago, 10 de abril de 2017.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, co obxectivo de consolidar este organismo como centro de execución das principais obras públicas da Administración autonómica. Dótase así a Axencia da estrutura necesaria para a construción de, ademais das infraestruturas viarias, os equipamentos sanitarios ou educativos, entre outros. Para obter información máis detallada pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/rfpnn9.

 

A Xunta de Galicia proxectou para esta lexislatura a potenciación da Axencia Galega de Infraestruturas como órgano especializado na contratación e execución de obras promovidas pola Administración Autonómica, máis alá das propias en materia de estradas de titularidade autonómica.

 

Cómpre lembrar que este incremento de responsabilidades xa se iniciou na pasada lexislatura coas primeiras encomendas por parte da Consellería de Sanidade, que aproveitando a súa capacidade en materia de contratación e de control e seguimento de obras, foi solicitando a súa colaboración ou directamente encomendando a licitación e execución de obras. Neste sentido, pódense citar encomendas como a xestión dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, xa finalizados; ou da construción de centros de saúde como o de Ares, cuxos traballos comezaron esta semana; ou de Gondomar, coas actuacións xa licitadas.

 

O novo decreto optimiza o funcionamento da administración, reforzando á AXI na súa vertente técnica e de contratación, de modo que se especialice neses eidos. A Axencia Galega de Infraestruturas contará coa colaboración da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, que se encargará das labores transversais de apoio xurídico, en materia de xestión de persoal, ou de desenvolvemento normativo.

 

Dous novos servizos

Para o reforzo da estrutura da Axencia Galega de Infraestruturas créanse dous novos servizos, un deles o de contratación, para darlle resposta ao incremento da carga de traballo derivada da asunción de novas funcións en materia de edificación e axilizar a tramitación de expedientes contractuais.

 

Esta estrutura tamén se consolida co Servizo de Obra de Edificación, que terá o obxectivo de levar a cabo o seguimento e control da execución das obras de edificación encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas. Este organismo dependerá da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria. O actual Servizo de Obras cambia a súa denominación a Servizo de Obra Civil, de modo que continúe a exercer o seu traballo en materia de construción e acondicionamento de estradas.

 

Proxectos estratéxicos

Unha vez convertida a Axencia Galega de Infraestruturas no órgano da administración autonómica especializado na execución de obras máis alá das propias de estradas, prevese a encomenda de máis de 20 actuacións estratéxicas nesta lexislatura. O volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros.

 

As actuacións con maior volume serán as relativas á construción de centros de saúde promovidos polo Sergas, continuando cos xa licitados de Gondomar ou Ares, cuxas obras veñen de comezar; e a ampliación do hospital da Costa en Burela.

 

O eido da mobilidade tamén será obxectivo do traballo da AXI, sobre todo, as estacións intermodais das cidades galegas, derivadas dos proxectos que agora están en redacción.

 

A AXI tamén contempla entre as súas liñas de actuacións a desenvolver aquelas infraestruturas de carácter educativo ou social promovidas polo Executivo autonómico.

 

Ademais destas novas competencias, a Axencia Galega de Infraestruturas continuará a desenvolver a súa labor de xestión e mellora da Rede Autonómica de Estradas, na que se enmarcan actuacións sobre a rede de altas prestacións como por exemplo a autovía do Morrazo; o Plan de sendas de Galicia; o Plan de reforzos de firme; ou a conservación e mantemento da vialidade invernal da rede.

 

 

Esta reestruturación realízase sen que supoña custo adicional para o Goberno galego, reorganizando e reasignando as prazas necesarias do xeito máis adecuado.

 

Axencia Galega de Infraestruturas

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional cuarta, outorgou autorización ao Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Infraestruturas. Así, no Consello da Xunta de 4 de agosto de 2011 creuse a AXI e aprobouse o Decreto 173/2011, polo que se aprobaba o seu estatuto.

 

A AXI iniciou a súa actividade dando continuidade á competencia autonómica en materia de estradas, e acadando os seus obxectivos no período máis intenso de crise económica, con fitos como a aprobación da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, o seu Regulamento Xeral, aprobado por Decreto 66/2016, e estendendo a rede de vías de altas prestacións un 66 % dende o ano 2009 de modo que máis dun 80% da poboación de Galicia se atopa a día de hoxe a menos de 15 minutos dun eixo de altas prestacións.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: