Archive | abril 13, 2017

Substitución de 400 metros de canalizacións nas rúas Progreso e Bos Aires

A alcaldesa do Porriño e presidenta do Consorcio de Augas do Louro, visitou o remate da obra que se ven de facer nas rúas Bos Aires e Progreso para a renovación duns 400 metros da rede de abastecemento.

Coma salientou o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez, esta obra fíxose en coordinación coa Axencia Galega de Infraestruturas e contou cun orzamento duns 45.000.

Os traballos consistiron na retirada das canalizacións de fibrocemento, que nalgúns puntos presentaban crebaduras, o cal causaba fugas, e se substituíron por conducións de fundición-de 90 milímetros de diámetro-, na rúa Progreso e por outras de polietileno-de 200 milímetros de diámetro-, na Avenida de Bos Aires.

Eva García de la Torre subliñou que con esta obra, que se aproveitou para o cambio da capa de rodaxe, “o pavimento das dúas rúas”, garántese o subministro evitando avarías e, tamén, ter que estar levantando o  firme cada vez que aparece unha filtración ou se produce o rompemento dun tubaxe.

 

A CIG-Saúde reclama que se transformen as prazas de clérigos en prazas de persoal estatutario

A CIG-Saúde reclama do Sergas que as prazas de capelán, que figuran no Sergas e que reciben un salario con cartos dos orzamentos públicos, sexan convertidas en prazas de persoal estatutario.

Coa política de ausencia de substitucións que leva esta Administración, coa perda de postos de traballo que na CIG-Saúde xa temos denunciado (derivados da aplicación da taxa de reposición, da derrogación do Plan Mellora e do Plan de Saúde Mental…), e co necesarias que son as prazas estruturais para desenvolver a prestación sanitaria, pensamos que os cartos públicos deben ser empregados en incrementar os recursos humanos que prestan asistencia sanitaria ao conxunto da cidadanía.

A CIG-Saúde entende que as funcións que desenvolven os capeláns, para atender as necesidades dun determinado grupo de persoas, non deben ser financiadas cos cartos que o conxunto da sociedade paga cos seus impostos e que eses cartos deben ser dedicados a financiar á asistencia sanitaria.