‘Cociñando na fin do mundo’ nas sedes Afundación Vigo e A Coruña
Afundación acollerá o vindeiro mes de maio a presentación por primeira vez en Galicia do documental Cociñando na fin do mundo, unha peza audiovisual producida por Esmerarte que trata sobre a nova cociña galega e a súa revolución silenciosa. A produción foi recentemente galardoada co Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro e acaba de participar nos festivais de cine internacionais de San Sebastián e de Málaga. Alberto Baamonde, director do documental; Joaquín Martínez, produtor; Javier González e Rafael Centeno, membros do Grupo Nove; e Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación presentaron esta mañá en rolda de prensa o proxecto.
As datas programadas para a súa estrea na comunidade galega son o venres 5 e o sábado 6 de maio no Auditorio da Sede Afundación de Vigo e o xoves 11 e o venres 12 de maio no Auditorio da Sede Afundación da Coruña.