A XUNTA DE GALICIA FAI EFECTIVA A COLABORACIÓN CON 11 ENTIDADES PARA FACILITAR O SEU TRABALLO NO EIDO DA DISCAPACIDADE
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe os convenios cos representantes das asociacións
-
O conselleiro de Poltica Social, Jos Manuel Rey Varela, asinar os convenios de colaboracin coas entidades que integran o CERMI.
A Consellería de Política Social destina máis de 3,5 millóns de euros a estes acordos de colaboración que beneficiarán de xeito directo a 100.000 persoas
- Os convenios nominativos foron subscritos con Autismo Galicia, COGAMI, Down Galicia, FAXPG, FEAFES- Galicia, FEGADACE, FADEMGA Plena Inclusión Galicia, ASPACE Galicia, FAGAL, FEGEREC e ASPAYM
Santiago, 5 de maio de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe os convenios de colaboración nominativos coas 11 entidades de discapacidade de Galicia destinados ao mantemento das súas estruturas e á realización de programas de interese xeral. A través deles, a Xunta de Galicia destina 3,5 millóns de euros, unha contía que repercutirá de xeito directo en 100.000 persoas que se beneficiarán dos programas e actividades que desenvolvan as entidades.
O orzamento total se distribuirá entre once federacións que aglutinan a 150 asociacións. Estas son Autismo Galicia, que en virtude deste convenio recibirá 155.044€; COGAMI obterá 946.012€; Down Galicia recibirá 446.838€; a achega da administración autonómica para FAXPG ascenderá a 723.644€; FEAFES- Galicia obterá 588.434€; FEGADACE recibirá 211.511€; a axuda destinada a FADEMGA Plena Inclusión Galicia ascenderá 198.571€ e tanto ASPACE como FAGAL recibirán 85.000. As dúas entidades non adscritas ao CERMI, ASPAYM e FEGEREC, recibirán 42.992€ e 22.200€ respectivamente.
Con este investimento, mantense o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia en canto á blindaxe do financiamento destinado ao mantemento das entidades de discapacidade. “Elas son unha peza fundamental de cara a asesorar, representar, axudar e fomentar a inclusión social das persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial e por elo, hoxe renovamos o noso compromiso con elas”, explicou Rey Varela tras a sinatura.
Ademais das propias entidades e dos seus usuarios, este acordo tamén repercute na totalidade do colectivo de persoas con discapacidade en Galicia, que representa ao redor do 8% da poboación (máis de 227.000 persoas). “Coa intención de chegar a todo o colectivo, estes convenios de colaboración están destinados a federacións que teñen un eido de atención específico para a súa área de discapacidade, e polo tanto, desenvolven actividades distintas con persoas xordas, con síndrome de Down, con parálise cerebral ou Alzheimer entre outras discapacidades”, engadiu o conselleiro.
Aposta da Xunta de Galicia pola atención á discapacidade
Desde a Consellería de Política Social, continúase a apoiar as medidas necesarias para acadar o obxectivo da inclusión social, efectiva e real, das persoas con discapacidade a través da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020.
Actualmente, en Galicia hai máis de 5.000 prazas públicas en centros de día, centros residenciais e centros ocupacionais para persoas con discapacidade, estando previsto un incremento a través do aumento que experimentou o orzamento da Consellería nesta área, que pasa de 50 millóns de euros en 2016 a 54 millóns en 2017.
Así mesmo, neste ano, tamén se continuará coas liñas de subvencións como as destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como para a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal. Tamén está prevista a convocatoria da liña de axudas, dirixidas a entidades do ámbito da discapacidade, para o desenvolvemento de accións de asesoramento e formación de persoas con discapacidade cun orzamento que supera o millón de euros.
En 2017 incrementouse por cuarto ano consecutivo o orzamento para a discapacidade, alcanzando a cifra de 95,2 millóns de euros.