PATRIMONIO DESBLOQUEA AS OBRAS QUE PERMITIRÁN COMPLETAR AS ESCALEIRAS MECÁNICAS PROXECTADAS NA RÚA II REPÚBLICA EN VIGO
- Autoriza ao Concello vigués a realización das sondaxes manuais e do control arqueolóxico para actuar na mellora da accesibilidade peonil da zona
Vigo, 13 de maio de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o visto bo ao proxecto de sondaxes manuais e control arqueolóxico da obra para a mellora da accesibilidade peonil na rúa II República, de xeito que desbloquea a actuación que permitirá completar as escaleiras mecánicas proxectadas entre a Porta do Sol e o Paseo de Granada. Esta actuación viuse afectada polo achado de parte da antiga muralla que rodeaba a cidade.
A resolución, asinada o pasado 10 de maio, recolle que o proxecto para o que o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra.
A intervención deberá cumprir unha serie de condicións como que a planimetría e topografía da intervención arqueolóxica, entre a Porta do Sol e Abeleira Menéndez, deberá estar xeorreferenciada. Así mesmo, deberanse comunicar coa suficiente antelación as datas de inicio e remate da intervención á devandita Xefatura Territorial e, de aparecer restos arqueolóxicos en posición primaria informarase, de inmediato, ó departamento autonómico para a adopción das medidas oportunas.
Por último, a resolución recorda que unha vez rematada a actuación debera presentarse, no prazo máximo de 10 días, o informe valorativo da intervención e, durante os seis meses seguintes, a memoria técnica e a copia da acta de depósito. Derradeiro trámite que lle corresponderá aos responsables do Museo Municipal Quiñones de León, onde está previsto que se depositen os materiais arqueolóxicos.