Visita representantes concellos de Burdeos a O Porriño
REPRESENTANTES DE VARIOS CONCELLOS DE BURDEOS ESTARÁN ESTA SEMANA NO PORRIÑO PARA POÑER EN MARCHA DISTINTOS PROXECTOS CONXUNTOS EN EIDOS COMA A EDUCACIÓN, A CULTURA, A VITICULTURA OU O COMERCIO
Catro representantes da Communauté de Communes du Fronsadais, entidade que integra a 18 concellos franceses cos que o Goberno local ven de establecer unha relación de cooperación en diferentes eidos, estarán no Porriño do mércores, día 21, ao domingo, día 28.
Devolven, deste xeito, a visita que os concelleiros de Limpeza, Seguridade e Parques e Xardíns, Orlando Márquez, e Educación, Lourdes Moure, fixeran a Francia o pasado mes de marzo e que serviu para que O Porriño poida desenrolar con Fronsadais proxectos semellantes aos que estes concellos de Burdeos xa teñen en marcha con rexións de China e Italia, e que abranguen ámbitos de tanto interese coma a educación, xuventude, cultura, economía, comercio, viticultura, alimentación ou turismo.
Os catro días que os representantes da Communauté de Communes du Fronsadais estarán no Porriño visitarán a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, dependente do Consorcio de Augas do Louro, presidido pola alcaldesa, Eva García de la Torre; tamén terán a oportunidade de coñecer unha as Adegas La Val; asistirán a diferentes actos do Festival de Cans, coma ‘Debuxa Cans’, a saída dos chimpins ou asistirán á proxección dunha das curtas; terán unha cita nunha das canteiras da vila e tamén gozarán da gastronomía da zona.
Representantes porriñeses e franceses manterán distintas xuntanzas nas que concretarán varias das propostas que estiveron en estudo durante a viaxe dos concelleiros Orlando Márquez e Lourdes Moure a rexión de Burdeos e porán en marcha os primeiros acordos de colaboración.
Dentro destes está moi avanzada a presentación dun proxecto europeo conxunto en base a propostas educativas que permitan, nun primeiro paso, o intercambio de coñecementos entre estudantes e profesores de Educación Secundaria desta comunidade de vilas de Francia e dos centros educativos do Porriño.