LÓPEZ-CHAVES SUPERVISA A DOTACIÓN DE MOBILIARIO E EQUIPAMENTO NO COMEDOR E A BIBLIOTECA DO CEIP DE COUTADA-BEADE EN VIGO
A Consellería de Educación leva investidos 17 millóns de euros na mellora dos centros escolares en Vigo
- O Goberno galego vén de licitar a segunda fase do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que suporá a creación de 450 novas prazas escolares en Navia
Vigo, 23 de maio de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou xunto ao xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez, o CEIP de Coutada-Beade no que o departamento autonómico leva investidos nos últimos anos preto de 90.000 euros. A última actuación correspóndese coa dotación de mobiliario e equipamento no comedor e a biblioteca do devandito centro, cuxa correcta recepción quixo supervisar en primeira persoa o representante do Goberno galego na cidade.
López-Chaves non perdeu oportunidade de destacar o esforzo inversor da Administración autonómica a prol de modernizar o sistema educativo. Neste senso, destacou a adquisición para o centro de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento asumidos ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE). Precisamente no marco de este programa o CEIP de Coutada-Beade recibiu máis de 28.000 euros.
En paralelo, a Xunta de Galicia está a completar a dotación mobiliaria do comedor cun total de 19 mesas e 76 cadeiras, cunha inversión de preto de 9.000 euros, das que xa goza o centro. E non é esta unha actuación illada posto que a Consellería de Educación destinou uns 17 millóns de euros na mellora dos centros escolares de Primaria e de ESO en Vigo desde o ano 2009.
Ás melloras no CEIP de Coutada-Beade hai que engadir outras importantes coma os 163.000 euros do CEIP García Barbón (mellora das instalacións), 2,6 millóns de euros investidos no CEIP Virxe do Rocío (mellora de comedor e reforma do edificio), reforma de comedor e acondicionamento do CEIP Pombal (preto de 460.000 euros), novo ximnasio e reforma de comedor no CEIP Pintor Laxeiro (487.000 euros), ampliación do comedor do CEIP Illas Cíes (147.000 euros), ao igual que no CEIP Balaídos (230.000 euros) e no CEIP Sárdoma-Moledo (170.000 euros).
Unha mostra do compromiso da Xunta con Vigo é que a Consellería vén de licitar a segunda fase do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha obra que absorbe un orzamento de 3 millóns de euros e que suporá a creación de 450 novas prazas escolares na zona de Navia, unha das de maior crecemento da cidade. Tamén lembramos que a Consellería está a investir máis de un millón de euros na mellora do IES de Teis para acoller novos ciclos formativos.