A XUNTA DE GALICIA DESTINA PRETO DE MEDIO MILLÓN DE EUROS A AXUDAS PARA ADQUIRENTES DE VIVENDA
- Poderán beneficiarse as persoas adquirentes de vivendas ao abeiro do Plan de Vivenda 2009-2012 que cumpran os requisitos establecidos
- A axuda está dirixida a colectivos preferentes e o importe mínimo é de 2.000 euros
- No caso de persoas procedentes de operacións de erradicación do chabolismo ou emigrantes retornados a axuda acada un máximo de 17.000 euros
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017.- A Xunta de Galicia destinará un mínimo de 499.000 euros á concesión de axudas para a adquisición, a adxudicación ou a promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, segundo establece a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. Na mesma Orde establecese que a contía da convocatoria poderá ser ampliada no caso de que sexa necesario (https://goo.gl/iFYsog).
Poderán beneficiarse destas axudas as seguintes persoas:
- a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.
- b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.
- c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral
promovidas en réxime de cooperativa.
- d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de
réxime especial ou xeral.
É requisito necesario para acceder ás axudas os solicitantes estean acollidos ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012. A Orde regula outros requisitos para acceder ás axudas, como dispoñer de escritura rexistrada, non ter recibido anteriores axudas para o mesmo fin, etc.
Poderán beneficiarse da axuda as persoas que se atopen incluídas nalgún dos seguinte colectivos:
- Unidades familiares con ingresos que non excedan de 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM)
- Persoas que acceden por primeira vez á vivenda.
- Mozos menores de 35 años.
- Persoas maiores de 65 años.
- Mulleres vítimas da violencia de xénero.
- Vítimas do terrorismo.
- Afectados por situacións catastróficas.
- Familias numerosas.
- Familias monoparentais con fillos.
- Persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecida, e as familias que as teñan ao seu cargo.
- Persoas separadas ou divorciadas, ao corrente do pago de pensións alimenticias e compensatorias.
- Persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo.
- Outros colectivos en situación ou risco de exclusión social determinados pola comunidade autónoma.
O importe da axuda será de 2.000 euros por cada colectivo no que se atope incluído o beneficiario.
Por outra parte, ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, corresponderalles, como subvención, o 25 por 100 do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, a suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros e os ingresos familiares non poderán exceder de 1,5 veces o Iprem.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, 25 de maio.