O DOG PUBLICA O DECRETO DE TRANSFERENCIA A PROL DO CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO DO TRAMO DA ESTRADA PO-408 QUE PERCORRE O SEU TERMO MUNICIPAL
- Trátase dun treito da estrada PO-408, situado entre os pp.qq 0+000 e 1+280, cunha lonxitude de 1,28 km
- A Xunta levou a cabo un acondicionamento desta estrada, que incluíu a rectificación de trazado ao seu paso polo núcleo de Fornelos, tras o que se lle deu ao tramo antigo da vía a denominación de PO-408
- A estrada PO-408 rexistra un tráfico principalmente local, posto que conta cunha alternativa viaria clara, a estrada PO-403, con mellor nivel de servizo
- Con esta transferencia, o Concello poderá actuar sobre esta vía, que pasa a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada PO-408, situado entre os pp.qq. 0+000 e 1+280, cunha lonxitude de 1,28 quilómetros, a prol do Concello de Salvaterra de Miño. https://goo.gl/uwP8nv.
A estrada PO-408, de 1,62 km de lonxitude, é un tramo antigo da PO-403, resultante do acondicionamento realizado esta estrada. O tramo que percorre o Concello de Salvaterra de Miño correspóndese co comprendido entre os pp.qq 0 e 1+280.
Cómpre lembrar que a Xunta levou a cabo un acondicionamento desta estrada, que incluíu a rectificación de trazado ao seu paso polo núcleo de Fornelos, tras o que se lle deu ao tramo antigo da vía a denominación de PO-408. Deste xeito, a PO-408 rexistra un tráfico principalmente local, posto que conta cunha alternativa viaria clara, a estrada PO-403, con mellor nivel de servizo.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou proposta favorable á transferencia de titularidade e o Pleno do Concello de Salvaterra de Miño aceptou o cambio de titularidade do mesmo.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.
Con esta transferencia, o Concello poderá actuar sobre esta vía, que pasa a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas.