Archive | junio 2, 2017

Novo curso de cociña para nenos na Sede Afundación de Vigo

A Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26) albergará durante o mes de xuño o curso de cociña «Alta cociña de excursións e praia» dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 14. Será impartido por Adriana del Río e ten como obxectivo achegar aos máis novos o mundo da cociña mediante un método didáctico e divertido. Así, aproveitando a proximidade das vacacións estivais, prepararán uns menús axeitados para levar de excursión, receitas á altura dos grandes cociñeiros elaborados con produtos sans e beneficiosos para a saúde.

A XUNTA DE GALICIA DESTACA A IMPORTANCIA DA EDUCACIÓN EN VALORES PARA FACER FRONTE A SITUACIÓNS DE ACOSO NAS AULAS

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe no Parlamento a un pleno infantil sobre respecto e convivencia contra o acoso escolar

  • O acto forma parte dun programa formativo de Aldeas Infantís desenvolvido ao longo deste curso escolar en colexios de Infantil e Primaria das catro provincias galegas

 

Santiago, 2 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu esta mañá na cámara parlamentaria de Galicia a unha sesión plenaria infantil sobre o acoso escolar que se enmarca no programa en valores para Infantil e Primaria desenvolvido ao longo deste curso escolar por Aldeas Infantís.  Alumnado dos colexios San Rosendo de Ferrol, Monte Baliño de Pantón (Lugo), Inmaculada (Ourense) e Monterrey de Vigo, expuxeron as súas ideas para facer fronte a situacións de abuso e malos tratos nas escolas.

 

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que “mellorar a calidade de vida dos nenos e asegurar o seu benestar é un dos propósitos fundamentais que guía a labor do Goberno e do Parlamento de Galicia”. Ao respecto, apuntou que, aínda que a escola debería ser un espazo de seguridade, “para moitos alumnos converteuse na fonte dunha violencia que é exercida polos propios compañeiros”.

 

O conselleiro avogou porque “entre todos, responsables públicos, familias, profesores e estudantes digamos non ás mofas, insultos e acosos nos centros educativos, para que estes sexan verdadeiros lugares de convivencia, nos que aprender, desenvolverse como persoas, facer amigos e compartir experiencias”. Neste sentido, defendeu o respecto e a educación en valores para combater calquera tipo de abuso, discriminación ou acoso, xa que son os principios que “nos prepara para convivir en sociedade e construír un mundo mellor”, dixo.

 

Por último, o titular de Política Social manifestou que “a información e a formación son básicas en todo tipo de materia e, especialmente, nunha tan sensible e actual como o acoso escolar”. De aí, que subliñou a importancia de programas formativos como este de Aldeas Infantís no que participaron numerosos centros de Educación Primaria e Secundaria das catro provincias galegas.

O Teatro Afundación de Vigo acolle o espectáculo familiar ‘Chiquijamming’

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) albergará o vindeiro venres 9 de xuño, ás 18.30 h, o espectáculo teatral para toda a familiaChiquijamming.

Trátase dun evento dirixido especialmente a nenas e nenos de 5 a 12 anos que toma como base a improvisación e a participación activa do público. As entradas pódense adquirir a través das vías habituais de comercialización da entidade: na páxina web Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.

A XUNTA APROBA O BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL PARA A FAMILIA AFECTADA POR UN DESAFIUZAMENTO EN VIGO

 

  • O caso foi posto en coñecemento da administración autonómica hai so tres días
  • A resposta da Xunta foi inmediata, solicitando o aprazamento do lanzamento e iniciando a tramitación do Bono de Alugueiro Social que hoxe se concedeu

 

 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017.- A Xunta de Galicia aprobou hoxe o Bono de Alugueiro Social para unha muller con fillos afectada por un desafiuzamento en Vigo. Previamente, as xestións realizadas pola Xunta de Galicia permitiron aprazar durante dez días o lanzamento previsto para onte.

 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo tivo coñecemento do caso o martes día 30 a última hora da mañá, indicando aos afectados a posibilidade de solicitar o Bono de Alugueiro Social e comunicando o caso á consellería de Política Social para que solicitase o aprazamento do lanzamento.

 

A solicitude do Bono de Alugueiro Social foi presentada no IGVS o mércores e so dous días despois xa foi aprobada a concesión do mesmo, unha vez comprobada a documentación e tramitada a solicitude.

 

A Xunta fai un chamamento a todos os afectados por desafiuzamentos e ás organizacións sociais para que se poñan en contacto coa administración o antes posible, sen agardar ao último momento, para que o goberno autonómico poida ofrecer unha resposta eficaz dentro das 12 medidas para loitar contra os desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda adoptadas pola Xunta de Galicia.

 

 

 

A XUNTA PON EN MARCHA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA RURALIZARTE! PARA FOMENTAR O TALENTO XUVENIL E O RURAL GALEGO

  • Un grupo de 14 mozos e mozas con idades entre os 12 e os 17 anos participarán nunha serie de convivencias nos albergues xuvenís de Melide, Palas de Reis e Riós, nas que traballarán con artistas galegos para desenvolver as súas habilidades en distintas disciplinas escénicas
  • Os asistentes coñecerán tamén proxectos emprendedores no rural que recibiron axuda da Xunta e que están centrados nas alternativas de futuro que ofrece o noso agro

 

Melide (A Coruña), 2 de xuño de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; e a de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presentaron hoxe en Melide a segunda edición do programa Ruralizarte!, unha serie de xornadas de convivencia creativas orientadas como master class coa implicación de artistas galegos. Están destinadas a un total de 14 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos que, divididos en dous grupos de convivencia, compartirán durante catro días experiencias nos albergues xuvenís de Melide –do 12 ao 16 de xullo,a primeira quenda- e de Palas de Rei –do 28 de xullo ao 1 de agosto, a segunda-. Os dous grupos xuntaranse no albergue de Riós do 10 ao 14 de agosto para participar no décimo festival de artes escénicas que se celebra en Riós, momento no que os mozos e mozas amosarán o aprendido durante as convivencias. Na presentación tamén estiveron presentes a alcaldesa de Melide, Dalia García, e o director creativo das xornadas, Rubén Riós.

 

Ruralizarte! busca fomentar a creatividade e talento xuvenil, potenciar o rural galego, promover e desenvolver a intelixencia emocional e as capacidades artísticas, así como apoiar a adquisición de competencias e capacidades dos máis novos en disciplinas escénicas como as artes plásticas, a interpretación, a música e o baile.

 

Durante a rolda de prensa, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez,  destacou que “achegar ferramentas que axuden ao impulso do talento dos mozos é unha das máis firmes apostas da Xunta de Galicia”, e puxo como exemplo o programa Xuventude Crea, posto en marcha hai 11 anos para mozos e mozas de 17 a 30 anos de idade. Neste caso, o programa Ruralalizarte! céntrase en potenciar a creatividade desde idades máis temperás co fin de “abrirlles unha porta para que experimenten coas súas habilidades e descubran as súas potencialidades artísticas, quen sabe se tamén profesionais nun futuro, á vez que se divirten, estimulan a súa curiosidade e aprenden a diseccionar a realidade que lles rodea, neste caso a do mundo rural”, explicou.

 

Así mesmo, para a responsable do departamento autonómico de Xuventude esta iniciativa tamén aportará aos participantes unha experiencia na que aprenderán a compartir e a cooperar así como valores como a implicación en proxectos e a responsabilidade, que son algunhas das habilidades que lles servirán no seu futuro persoal e profesional como cidadás activos e que son a base das apostas xuvenís, de participación e de voluntariado do Goberno galego.

 

Pola súa banda, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou a importancia desta iniciativa para poñer en valor o rural galego como ámbito cultural, económico e social vivo e con futuro. Destacou ademais a implicación da Consellería neste evento e a oportunidade que supón para potenciar a marca de garantía do leite galego de calidade diferenciada “Galega 100%”, que formará parte da dieta dos participantes nos campamentos.

 

Por outra parte, a directora xeral incidiu en que esta experiencia permitirá tamén aos nenos participantes coñecer diferentes iniciativas de emprendedores no rural. Estes explicarán os seus proxectos, que recibiron axudas de Medio Rural a través das liñas de incorporación de mozos e mellora de explotacións, para ilustrar aos asistentes sobre as alternativas de futuro que ofrece o noso agro.

 

 

 

 

 

Saen á venda as entradas para o Ballet Nacional Ruso en Vigo e Pontevedra o vindeiro mes de decembro

O Ballet Nacional Ruso visitará Vigo e Pontevedra durante o vindeiro mes de decembro. Así, a compañía representará O quebranoces, de P. Tchaikovsky, o día 11 de decembro no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) e o día 12 de decembro no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2). Ámbalas dúas funcións están programadas para as 20.30 h. As entradas pódense adquirir a partir de hoxe a través das vías de comercialización habituais da entidade: na web Ataquilla.como ou no teléfono 902 504 500.

A XUNTA DE GALICIA DEFENDE O DEREITO DOS NENOS E NENAS DE TER UNHAS CONDICIÓNS DE VIDA ADECUADAS PARA O SEU DESENVOLVEMENTO

  • O obxectivo deste encontro é compartir o proceso de implantación do programa CAI en Galicia, que pretende mellorar o benestar da infancia impulsando políticas municipais que garantan o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes
  • O evento estivo organizado pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en colaboración con UNICEF comité Galicia e a el acudiron profesionais do ámbito dos servizos sociais

 

Santiago, 2 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe a importancia de garantir o dereito de todo neno ou nena a ter unhas condicións de vida adecuadas para o seu desenvolvemento físico, mental, moral e social, tal e como recolle o documento resultante da Convención sobre os dereitos do neno. Así o fixo durante a inauguración da I Xornada informativa sobre Cidades Amigas da Infancia (CAI) impulsadas por UNICEF, que se está a celebrar hoxe en Santiago de Compostela.

 

O obxectivo deste encontro é compartir o proceso de implantación do programa CAI en Galicia, que pretende mellorar o benestar da infancia impulsando políticas municipais que garantan o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes. Para elo, no transcurso do encontro deuse a coñecer as bases do selo de recoñecemento CAI e relatouse a experiencia de concellos galegos e asturianos que xa contan con esta distinción. Ser CAI implica respectar e aplicar nas súas políticas, normas e programas,  os dereitos da infancia contidos na Convención sobre os dereitos do neno, como por exemplo o de “recoñecer aos menores o seu dereito a que todos teñan as mesmas oportunidades, con independencia da súa orixe, relixión, nivel de ingresos, xénero ou discapacidade”, explicou Rey Varela.

 

O evento estivo organizado pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en colaboración con UNICEF Comité Galicia e a el acudiron profesionais do ámbito dos servizos sociais, educación ou protección de menores, así como técnicos e responsables políticos de diversas localidades da comunidade autónoma.

 

O conselleiro lembrou que un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia é contribuír ao benestar e á mellora da calidade de vida de todos os galegos e galegas, especialmente daqueles que están a pasar por maiores dificultades e dos nenos e nenas “xa que eles son o futuro da nosa terra”, afirmou Rey Varela.

 

Por elo, desde a Administración autonómica apóianse iniciativas como a de Cidades Amigas da Infancia que teñen un enfoque baseado nos dereitos dos nenos e nenas, un plantexamento compartido tamén pola Estratexia galega para a infancia e adolescencia 2016-2020 (EGIA). “Esta folla de ruta para os próximos anos contribúe ao desenvolvemento dun sistema integral de atención aos menores, a través de actuacións coordinadas e sinérxicas a nivel territorial e institucional capaces de cubrir as súas necesidades dun xeito flexible e adaptativo, garantindo en todo momento os seus dereitos”, explicou o titular da carteira social.

 

Rey Varela lembrou a importancia da coordinación e da colaboración entre administración para acadar melloras no benestar do conxunto da sociedade. “Un exemplo destas sinerxías é o proxecto para loitar contra a pobreza infantil que leva a cabo a Xunta nas principais cidades galegas en colaboración cos concellos e coa Obra social La Caixa”, explicou. A través del, estase a identificar e analizar a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores.

 

O conselleiro concluíu a súa intervención animando aos concellos a tomar parte na iniciativa de UNICEF e agradeceu o labor diario que realiza a entidade “para conseguir unha sociedade máis solidaria, participativa e concienciada cos problemas sociais”, afirmou Rey Varela.

 

 

PATRIMONIO AUTORIZA AS SONDAXES ARQUEOLÓXICAS NO PARQUE CAMILO JOSÉ CELA E A RÚA JUAN RAMÓN JIMÉNEZ EN VIGO

  • A Xunta recibiu o pasado día 29 de maio a solicitude para o proxecto de humanización do entorno da rúa Rosalía de Castro e García Barbón

 

Vigo, 2 de xuño de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o visto bo ao proxecto de sondaxes arqueolóxicas no parque Camilo José Cela e a rúa Juan Ramón Jiménez (entre Torrecedeira e Pi y Margall) en Vigo.

 

A resolución, asinada o pasado 30 de maio, recolle que o proxecto para o que o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra.

 

A intervención deberá cumprir unha serie de condicións como que as sondaxes deberá chegar, en profundidade, ata o substrato natural. Así mesmo, deberanse comunicar coa suficiente antelación as datas de inicio e remate da intervención á devandita Xefatura Territorial e, de aparecer restos arqueolóxicos en posición primaria informarase, de inmediato, ó departamento autonómico para a adopción das medidas oportunas.

 

Por último, a resolución recorda que unha vez rematada a actuación debera presentarse, no prazo máximo de 10 días, o informe valorativo da intervención e, durante os seis meses seguintes, a memoria técnica e a copia da acta de depósito. Derradeiro trámite que lle corresponderá aos responsables do Museo Municipal Quiñones de León, onde está previsto que se depositen os materiais arqueolóxicos.

 

Por outra banda, con data do 24 de maio ten entrada na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitude de autorización do Concello de Vigo en relación co proxecto de humanización do entorno da rúa Rosalía de Castro e García Barbón (rúas Serafín Avendaño, Roupeiro e Heraclio Botana), xunto co informe  da arqueóloga municipal.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) Sector de Correos a través do seu secretario nacional

DENUNCIA

O recorte aprobado nos Orzamentos Xerais do Estado de 60,5 millóns de euros á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos afondara na precariedade laboral e no desmantelamento do Servizo Postal Universal, afectando na Galiza dun xeito moito máis negativo que no resto do Estado, tanto pola súa especial configuración xeográfica como pola idade e dispersión da súa poboación. Un servizo postal moi deteriorado nos últimos anos pola falta de contratación e pola amortización de miles de postos de traballo, que impide en moitos casos que os cidadáns  non reciban diariamente o correo nos seus domicilios nas grandes cidades; situación que se agrava dun xeito moi especial no rural.

Na CIG estamos moi preocupados/as polo recorte que quere impoñer o Goberno español a Correos pois esquécese que é un servizo público, e ten encomendado por lei o Servizo Postal Universal. Como servizo público debe garantir un acceso en condicións de igualdade non discriminatorias e a un prezo alcanzable a todos/as os cidadáns con independencia da súa residencia, o cal é endemicamente deficitario polas súas condicións de prestación.

Nos últimos oito anos as políticas de recortes en Correos significaron uns 20.000 postos de traballo menos, 1000 puntos menos de atención en pequenos núcleos de poboación -o que afecta máis directamente a Galiza por ter no seu territorio un 50% destes núcleos de poboación- 1113 carteiros/as rurais menos en todo o Estado e un longo etcétera de recortes.

Por outra banda, dende a CIG felicitámonos e dámoslle a benvida a esta loita aos sindicatos estatais CCOO, CSIF, UGT e SL, loita que a CIG vén desenvolvendo dende hai moitos anos para reverter esta política de recortes practicada polos sucesivos Gobernos.

Dende a CIG continuaremos a loitar por uns servizos postais de calidade e usaremos todo os medios ao noso alcance para ter un correo diario a prezos asequibles no noso país, como por outra banda manda a Directiva Postal Europea e a propia Lei Postal, non desbotando ningún tipo de mobilización para conseguilo.