Archive | junio 3, 2017

A XUNTA DE GALICIA COMPROMETE O SEU RESPALDO AO COLECTIVO DE PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL DE GALICIA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse hoxe no seu despacho de San Caetano con responsables de Feafes Galicia

  • O titular autonómico en materia de políticas sociais encomiou a labor desenvolta pola entidade nos máis de vinte anos que leva traballando a prol destes doentes e dos seus familiares

 

Santiago, 2 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse esta mañá no seu despacho de San Caetano con membros da xunta directiva da Federación  de Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), encabezados polo seu presidente Xosé Ramón Girón García. Un encontro no que o titular autonómico lles debullou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia “co propósito de mellorar os servizos e prestacións especializadas para facer fronte a unha doenza que representa a segunda causa de discapacidade despois da física”.

 

O titular de Política Social destacou o labor que realiza FEAFES Galicia e as súas entidades asociadas nos ámbitos do emprego e a formación, a sensibilización e a información, apoio e asesoramento personalizado. Neste sentido, Rey Varela subliñaba a labor que a entidade desenvolve na mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias, a defensa dos seus dereitos e o apoio e coordinación das diferentes asociacións que traballan neste eido na Comunidade Galega. E, ao fío, lembrou que en Galicia máis de 41.500 persoas padecen unha enfermidade mental e delas, preto de 5.000 son socios da Federación nas máis de 30 localidades galegas nas que está presente.

 

Baixada do desemprego no Porriño no mes de maio

O número de parados descendeu o mes pasado no Porriño en 65 persoas, segundo os datos difundidos este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.777 desempregados anotados na oficina do Servizo Galego de Emprego.

Trátase do mellor dato de emprego dos últimos oito anos e sitúa o paro na vila no 19,5%-por debaixo do 20% por primeira vez dende 2009- e tamén en menos de 1.800 persoas, algo inédito dende outubro de 2008-hai máis de100 meses.

En relación co mes de maio de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 309 persoas, pasando de 2.086 a 1.777 e, porcentualmente, do 23,4 ao 19,5%, preto de 4 untos nun ano.

Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego no  Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.777 este mes de maio, o que supón a creación de 362 postos de traballo e unha caída do paro de preto dun 4,5%.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, subliña que as iniciativas promovidas dende o Concello funcionan, como os acordos con empresas para a formación de traballadores desempregados-máis dunha ducia o mes pasado; os  ‘Plans de Emprego’, impulsados dende a concellería que dirixe Soledad Girón, posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra, e do investimento de fondos municipais, que se achegan aos 400.000€ no que vai deste ano; ou a colaboración con outras administración, coma a Xunta de Galicia.

García de la Torre insiste en que a creación de emprego “é a nosa principal prioridade” e adianta que “dende o Goberno local seguiremos apostando pola formación, pola cooperación coas empresas dos nosos polígonos, que fan do Porriño un dos concellos máis industrializados, e por traballar xunto con outras administracións para facer posible que as porriñesas e porriñeses que estean sen traballo o atopen canto antes”

A XUNTA PON EN MARCHA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA RURALIZARTE! PARA FOMENTAR O TALENTO XUVENIL E O RURAL GALEGO

  • Un grupo de 14 mozos e mozas con idades entre os 12 e os 17 anos participarán nunha serie de convivencias nos albergues xuvenís de Melide, Palas de Reis e Riós, nas que traballarán con artistas galegos para desenvolver as súas habilidades en distintas disciplinas escénicas
  • Os asistentes coñecerán tamén proxectos emprendedores no rural que recibiron axuda da Xunta e que están centrados nas alternativas de futuro que ofrece o noso agro

 

Melide (A Coruña), 2 de xuño de 2017.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; e a de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presentaron hoxe en Melide a segunda edición do programa Ruralizarte!, unha serie de xornadas de convivencia creativas orientadas como master class coa implicación de artistas galegos. Están destinadas a un total de 14 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos que, divididos en dous grupos de convivencia, compartirán durante catro días experiencias nos albergues xuvenís de Melide –do 12 ao 16 de xullo,a primeira quenda- e de Palas de Rei –do 28 de xullo ao 1 de agosto, a segunda-. Os dous grupos xuntaranse no albergue de Riós do 10 ao 14 de agosto para participar no décimo festival de artes escénicas que se celebra en Riós, momento no que os mozos e mozas amosarán o aprendido durante as convivencias. Na presentación tamén estiveron presentes a alcaldesa de Melide, Dalia García, e o director creativo das xornadas, Rubén Riós.

 

Ruralizarte! busca fomentar a creatividade e talento xuvenil, potenciar o rural galego, promover e desenvolver a intelixencia emocional e as capacidades artísticas, así como apoiar a adquisición de competencias e capacidades dos máis novos en disciplinas escénicas como as artes plásticas, a interpretación, a música e o baile.

 

Durante a rolda de prensa, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez,  destacou que “achegar ferramentas que axuden ao impulso do talento dos mozos é unha das máis firmes apostas da Xunta de Galicia”, e puxo como exemplo o programa Xuventude Crea, posto en marcha hai 11 anos para mozos e mozas de 17 a 30 anos de idade. Neste caso, o programa Ruralalizarte! céntrase en potenciar a creatividade desde idades máis temperás co fin de “abrirlles unha porta para que experimenten coas súas habilidades e descubran as súas potencialidades artísticas, quen sabe se tamén profesionais nun futuro, á vez que se divirten, estimulan a súa curiosidade e aprenden a diseccionar a realidade que lles rodea, neste caso a do mundo rural”, explicou.

 

Así mesmo, para a responsable do departamento autonómico de Xuventude esta iniciativa tamén aportará aos participantes unha experiencia na que aprenderán a compartir e a cooperar así como valores como a implicación en proxectos e a responsabilidade, que son algunhas das habilidades que lles servirán no seu futuro persoal e profesional como cidadás activos e que son a base das apostas xuvenís, de participación e de voluntariado do Goberno galego.

 

Pola súa banda, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou a importancia desta iniciativa para poñer en valor o rural galego como ámbito cultural, económico e social vivo e con futuro. Destacou ademais a implicación da Consellería neste evento e a oportunidade que supón para potenciar a marca de garantía do leite galego de calidade diferenciada “Galega 100%”, que formará parte da dieta dos participantes nos campamentos.

 

Por outra parte, a directora xeral incidiu en que esta experiencia permitirá tamén aos nenos participantes coñecer diferentes iniciativas de emprendedores no rural. Estes explicarán os seus proxectos, que recibiron axudas de Medio Rural a través das liñas de incorporación de mozos e mellora de explotacións, para ilustrar aos asistentes sobre as alternativas de futuro que ofrece o noso agro.