A XUNTA DE GALICIA PARTICIPA NA ELABORACIÓN DUN PLAN ESTRATÉXICO QUE AXUDE A REVERTER A SITUACIÓN DEMOGRÁFICA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu a reunión de traballo da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE)

  • Está baseado en tres eixos de actuación: a mellora da calidade de vida das persoas maiores, o fomento das políticas que teñen que ver coa conciliación nos contornos de carácter rural e a innovación sociosanitaria aplicada ao benestar da poboación
  • O documento presentarase a finais de xuño en Castela e León e permitirá enfocar o traballo colaborativo para o horizonte 2020 e tamén para as seguintes décadas
  • Na reunión estiveron representadas Asturias, Cantabria, Castela e León e as rexións centro e norte de Portugal
  • Rey Varela destacou que implementar esta estratexia con Portugal “vai dar un carácter internacional ás nosas propostas e propiciará a captación de fondos europeos” para traballar neste ámbito

Santiago, 5 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a reunión de traballo da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE), á que acudiron representantes das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, Castela e León, así como das rexións centro e norte de Portugal, para abordar temas de índole demográfica. Deste xeito, o titular autonómico, acompañado polo coordinador do grupo de traballo da RESOE, João Malva, explicou que todas as rexións presentes están unidas polo reto de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes no que respecta ao coidado dos nenos e nenas e tamén das persoas maiores.

 

Neste sentido, Rey Varela anunciou que a RESOE está a elaborar un plan estratéxico que permita traballar para responder a estes desafíos comúns, baseado en tres eixos de actuación: a mellora da calidade de vida das persoas maiores, o fomento das políticas que teñen que ver coa conciliación nos contornos de carácter rural e a innovación sociosanitaria aplicada ao benestar da poboación. “Buscamos que o desenvolvemento deste plan nos permita establecer proxectos a curto prazo para mellorar as políticas nestes campos”, afirmou o conselleiro.

 

Este documento global presentarase a finais deste mes de xuño en Castela e León e permitirá enfocar o traballo colaborativo para o horizonte 2020 e tamén para as seguintes décadas.

 

Ao fío disto, o conselleiro lembrou que a Xunta contempla dous ámbitos fundamentais relacionados co reto demográfico como é poñer o foco nas medidas de conciliación e, por outra banda, “isto vai asociado ao coidado dos nosos maiores, que é un fenómeno que temos que estudar e prever”. Na actualidade, un 24% da poboación galega supera os 65 anos e para o 2050 os indicadores arroxan que, se a taxa de natalidade se mantén nos datos dos últimos 30 anos, Galicia terá un 34% de persoas que superarán esta idade. “Temos que prepararnos para eses novos tempos e por elo, o reto demográfico ten moito que ver co coidado dos máis pequenos, pero tamén co coidado das persoas maiores: queremos que vivan máis, pero tamén que vivan mellor”, afirmou Rey Varela.

 

O titular autonómico explicou que “implementar esta estratexia con Portugal vai dar un carácter internacional ás nosas propostas, fundamentalmente no ámbito da Unión Europea, e propiciará unha captación de fondos europeos que nos pode axudar a mellorar as políticas que xa estamos a desenvolver así como a incorporar novas medidas”.

 

No encontro tamén se abordou a necesidade de atopar medidas de apoio social que eviten a perda poboacional baseada no coñecemento, a transferencia de información e a tecnoloxía de cara a xerar emprego para os mozos e mozas das rexións implicadas.

 

Ambos mandatarios saudaron a celebración desta reunión de vital importancia para reverter a situación demográfica a través deste plan estratéxico no que está a traballar a RESOE, co que se comeza a preparar o traballo de sensibilización política de Bruxelas para que as preocupacións destas rexións, sexan tamén as preocupacións de Europa.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: