A CIG de Vigo celebra este sábado a VII Asemblea Comarcal, que escollerá a dirección do sindicato para os vindeiros catro anos

O encontro, no que participarán 460 delegados/as, será no Centro Cultural e Veciñal de Valadares ás 9.00h

 

A CIG de Vigo celebra este sábado 10 de xuño a súa VII Asemblea Comarcal, na que se escollerán os organismos que dirixirán a central sindical na bisbarra durante os vindeiros catro anos. No encontro, que se celebrará no Centro Cultural e Veciñal de Valadares a partir das 9.00 horas e no que participarán 460 delegados/as, elixiranse os integrantes da Secretaría e da Executiva comarcais e os membros que formarán parte do Consello Confederal en representación da Unión Comarcal.

 

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto a membros da actual Executiva para presentar a VII Asemblea, que terá lugar o vindeiro sábado no Centro Cultural e Veciñal de Valadares a partir das 9.00 horas. Gonçalves explicou que o encontro, no que participarán un total de 460 delegados/as escollidos entre a afiliación e no que intervirá o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, celébrase baixo o lema “Loita obreira nas empresas e na rúa. Non nos resignamos!”.

 

En canto aos obxectivos desta VII asemblea, detallou que servirá tanto para avaliar o treballo desenvolvido pola central sidical na bisbarra ao longo dos catro últimos anos como para renovar os órganos que dirixirán o sindicato durante os vindeiros catro. Así, escolleranse os 12 membros da nova Executiva, o secretario/a comarcal e os 13 representantes da Unión Comarcal de Vigo no Consello Confederal, máximo órgano de dirección da CIG entre Congresos.

 

O secretario comarcal sinalou que o Informe de Xestión, que resume a labor desenvolvida pola central sindical na bisbarra nos últimos catro anos e que deberá ser ratificado na VII Asemblea, foi aprobado por unanimidade na Executiva. “Nel valoramos moi positivamente o traballo que se levou a cabo, sobre todo neste contexto de ofensiva do capital e dos Gobernos español e galego contra a clase traballadora que supuxo unha perda de dereitos laborais e sociais moi importante”, indicou.

 

Tamén salientou que neste contexto a CIG fose “motor da mobilización e da contestación social aos recortes”, ao tempo que se consolidou como primeira forza da comarca tanto a nivel de afiliación como de representación. “Desenvolvemos un intenso traballo organizativo, coa posta en marcha dos colectivos de Desempregados/as e de Xubilados/as e Pensionistas”. Fixo unha mención especial a outra das iniciativas que viron a luz: o Plan Solidario de Axuda Alimentaria, que permite que centos de compañeiros/as con problemas económicos accedan a alimentos básicos.

 

Ademais, destacou que se seguiu coa mellora dos servizos que presta o sindicato, como a asesoría xurídica, que conta con oito avogados/as, tres graduados/as sociais e cinco técnicos. “Neste tempo estivemos presentes en máis de 9000 xuízos”, comentou a modo de resumo da actividade desenvolvida polo gabinete xurídico.

 

Outro aspecto no que incidiu foi a solvencia económica do sindicato, que se mantivo a pesar da baixada da afiliación derivada da crise económica e da perda de emprego. “En definitiva, continuamos a fortalecer a central como expresión organizada da clase traballadora, coa finalidade de afianzar a loita obreira e a nosa presenza nas empresas e na rúa”.

 

Candidatura unitaria

 

O secretario comarcal da CIG de Vigo adiantou que polo momento hai presentada unha única candidatura á VII Asemblea Comarcal, aínda que o prazo de presentación de candidaturas remata 48 horas antes da celebración da Asemblea. Á cabeza desta candidatura figura o actual secretario comarcal, Alberto Gonçalves, que aspira a renovar a súa responsabilidade á fronte do sindicato durante catro anos máis.

 

“Fomos quen de artellar unha candidatura de consenso na que están representadas as distintas sensibilidades internas, sempre co horizonte da defensa do noso modelo sindical: asambleario, participativo, de combate, nacionalista e de clase”. Segundo sostivo, esta situación interna de unidade “permítenos enfrontar con maiores garantías a dura realidade sociolaboral que padecemos”.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: