A XUNTA INSISTE NA NECESIDADE DE QUE O CONCELLO DE VIGO SE ADHIRA AO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS

  • López-Chaves reclama á Administración local a súa implicación dado o elevado volume de persoas e familias nunha situación de especial vulnerabilidade   
  • Recorda que ata o de agora é o Executivo autonómico o que atende todos os  desafiuzamentos, tendo que recorrer mesmo a vivendas en municipios próximos
  • Xa son 45 os concellos galegos que forman parte desta iniciativa social posta en marcha polo Goberno galego e pioneira no Estado 

 

Vigo, 23 de xuño de 2017.-  O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo hoxe un novo chamamento ao Concello de Vigo para que se adhira ao Programa de vivendas baleiras posto en marcha polo Executivo autonómico. Ata o de agora son xa 45 os concellos que forman parte desta medida social pioneira no Estado, que ten como obxectivo crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados. Entre eles, da área metropolitana, figuran Redondela, Baiona e Gondomar, estando Cangas en trámites.

 

Neste senso, López-Chaves reclamou á Administración local a súa implicación dado o elevado volume de persoas e familias en situación de especial vulnerabilidade na cidade. Segundo dixo, o obxectivo que persegue esta iniciativa non é outro que ofrecer unha solución real a un problema real en materia de vivenda e para isto pediu a complicidade do Concello de Vigo, que segue sen responder á invitación da Xunta de mobilizar inmobles desocupados para usos sociais.

 

“A situación na cidade é grave, xa que nela se concentran un preocupante número de casos que requiren atención das administracións, moitos deles con problemas para acceder a unha vivenda”, advertiu o representante do Goberno galego en Vigo, ao tempo que indicou que é o Executivo autonómico o que atende todos os desafiuzamentos, tendo que recorrer mesmo a municipios próximos ante a falla de vivendas dispoñibles neste concello.

 

Cómpre recordar que o pasado mes de maio o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, trasladoulle por carta á concelleira de Urbanismo, María José Caride, o interese da Xunta de que Vigo se sumase ao Programa de vivendas baleiras, froito dun convenio asinado coa Fegamp, no que a colaboración das administracións locais considérase imprescindible.     

 

Un programa que, tal e como incidiu o representante do Goberno galego na cidade, non suporá custe algún para o Concello de Vigo e permitirá pór no mercado un importante volume de inmobles para usos sociais. Segundo apuntou López-Chaves, todas son vantaxes. O propietario recibirá unha renda dun máximo de 350 euros no caso de Vigo e o arrendatario beneficiarase dun alugueiro accesible é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir das distintas administracións. Razóns suficientes, a xuízo do delegado, para que o goberno local tome a decisión de adherirse.

 

Todas as vivendas que se incorporen ao programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, e sen custe para o propietario.  

 

Asemade, o delegado subliñou que esta non é unha medida illada e que a Xunta está a impulsar unha ducia delas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impago do alugueiro. Entre elas, citou a dación en pago, o aprazamento xudicial, o plan rehaVita ou o bono de alugueiro social. Respecto a este último, segundo os datos que obran en poder do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no que atinxe á cidade de Vigo concedéronse 67 bonos de alugueiro na suma de 2016 e o que vai de ano.  

 

Renda de Inclusión Social

López-Chaves aproveitou o fío para reclamar as autoridades locais máis axilidade á hora de xestionar a Renda de Inclusión Social (Risga), que este ano supera por primeira vez os 58 millóns de euros. Así as cousas, remarcou o feito de que o tempo medio de resolución –calcúlase en función da data de entrada do expediente no concello ata que se resolve, sen computar o tempo que está en subsanación á espera de documentación- no Concello de Vigo quintuplique nalgúns casos ao da súa contorna. Mentres que Pontevedra arroxa un tempo medio de 35,64 días (a data de abril) o de Vigo dispárase ata os 181,45 días. Malia iso, a Xunta atendeu na cidade o pasado ano a preto de 2.500 persoas que reciben unha axuda.

 

Cómpre indicar que Vigo é un dos concellos de Galicia no que máis se reforzou o persoal dos servizos socias comunitarios a través do Plan Concertado. Así, a Xunta habilitou unha partida económica de 188.379 euros para contribuír a financiar a ampliación deste equipo, que pasaría a estar formada por 9 traballadores sociais, 1 educador e 1 psicólogo.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: