A XUNTA ENMARCA A MELLORA DO BENESTAR DOS MAIORES E O ACCESO A MÁIS SERVIZOS NO RURAL NA LOITA FRONTE A PERDA DE POBOACIÓN

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na cidade aragonesa de Teruel no VII Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD)

  • Os representantes das comunidades de Galicia, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura e A Rioxa avanzan nunha estratexia común para cambiar a actual tendencia demográfica e piden a implicación do Goberno central e da Unión Europea
  • Os principais eixos desta estratexia son cinco: favorecer un envellecemento activo e saudable, a creación de contornas favorables para as familias, xerar maiores oportunidades para a xuventude, atraer nova poboación e propiciar un desenvolvemento económico e social sostible do medio rural

 

Teruel (Aragón), 26 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asistiron hoxe en Teruel ao sétimo Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD). Neste encontro, que se desenvolveu na sede territorial da Deputación Xeral de Aragón, tamén participaron representantes de Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura e A Rioxa co obxectivo de seguir buscando solucións e medidas para paliar o declive de poboación que arrastran estas comunidades.

 

Esta xuntanza serviu para fixar os principais eixos de traballo para avanzar na elaboración dunha estratexia nacional fronte ao declive de poboación. De feito, no encontro desta mañá participou tamén a Comisionada do Goberno para o Reto Demográfico, Edelmira Barreira Diz, figura a cuxa creación contribuíu de maneira decisiva o Fredd e a quen os representantes autonómicos deste foro trasladaron os obxectivos que debe conter a devandita estratexia. Entre outras propostas, destaca a da necesidade de fortes e prolongados compromisos orzamentarios do Estado e do resto das administracións que teñan en conta a singularidade da problemática demográfica e impulsen o reequilibrio territorial entre zonas densamente poboadas e zonas en declive demográfico.

 

Así, os membros do Foro, acordaron de maneira unánime, que a nova estratexia demográfica deberá responder a cinco eixos fundamentais. Estes son: favorecer unha vellez activa e saudable, de tal xeito que a lonxevidade da poboación se converta nunha oportunidade; a creación de contornas favorables para as familias coa finalidade de aproximar a natalidade realizada coa desexada; xerar maiores e mellores oportunidades para a xuventude; promover o establecemento das condicións de vida necesarias para atraer nova poboación e propiciar un desenvolvemento económico e social sostible do medio rural.

 

Cada un destes eixos inclúe unha batería de propostas. No tocante ás persoas maiores, o Foro suxire, entre outras cuestións, favorecer que as persoas maiores vivan no seu ámbito habitual mediante a creación de contornas amigables que favorezan unha forma de vida autónoma e sostible no tempo; fomentar a conexión interxeracional e promover unha vellez activa; favorecer a innovación social e a investigación nos distintos sectores relacionados coa vellez así como promover a economía do envellecemento como xeradora de oportunidades, fundamentalmente nos contornos rurais; e dotar de infraestruturas e equipamentos o territorio para garantir a accesibilidade, a mobilidade e o transporte.

 

Tamén se propoñen  medidas dirixidas á familia, como o impulso da conciliación e a corresponsabilidade desde a educación, mediante axudas, ampliando os permisos de paternidade e maternidade e fomentando a racionalización de horarios. Ademais, apóstase por unha maior dotación de prazas públicas en escolas infantís e fomentar os servizos de proximidade; e por continuar con políticas en prol da igualdade e  que garantan o acceso á vivenda, en especial no medio rural, con medidas que incentiven a familias con baixos niveis de renda e membros con discapacidade ou dependencia, así como as vítimas de violencia de xénero.

 

Outro dos eixos nos que ten que facer fincapé a estratexia contra o reto demográfico é a xuventude. Neste sentido, as comunidades do FREDD avogan polo desenvolvemento de políticas orientadas a favorecer o retorno da mocidade e a recuperación do talento novo, así  como por favorecer o empoderamento xuvenil e apoiar a formación e a xeración de emprego de forma específica no medio rural, fomentando a cultura emprendedora.

 

O cuarto eixo da estratexia pasa por atraer nova poboación promovendo as condicións de vida necesarias para conseguilo. Neste apartado inclúense medidas como estender a conectividade e a banda ancha aos núcleos rurais; apostar polos sectores do turismo, a artesanía, a agricultura, a gandería, e o da biomasa e outras enerxías renovables e impulsar programas comunitarios de benvida a novas persoas residentes para facilitar a súa integración.

 

E unha quinta liña de actuación da estratexia pasa por propiciar un desenvolvemento tanto económico como social sostible nos núcleos rurais, impulsando accións de economía verde e circular, avanzando cara a equidade de servizos entre o urbano e o rural e fomentando o emprendemento nestas zonas.

 

Xunto con estas actuacións de ámbito nacional, o FREDD propón fixar unha estratexia común co Goberno central que posibilite unha maior contribución de fondos europeos, de tal xeito que na súa distribución se recolla especificamente a problemática da demografía e se establezan medidas específicas financeiras complementarias para os territorios afectados.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: