A XUNTA TRABALLA NA ESTRATEXIA GALEGA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS MAIORES

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, clausurou hoxe unha xornada da Asociación galega de persoas maiores, xubilados e pensionistas

  • Ao abeiro deste documento, a Administración autonómica segue apostando por programas como o de benestar en balnearios e se manteñen diversos convenios con entidades para a realización de actividades de ocio e tempo libre, entre outras medidas
  • Na actualidade, máis de 48.000 persoas se benefician das diferentes prestacións de dependencia que ofrece a Administración autonómica

 

Vigo, 28 de xuño de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, clausurou a xornada nacional sobre estratexias de envellecemento activo organizada pola Asociación galega das persoas maiores, xubilados e pensionistas (Asogapem), á que acudiron representantes de federacións de maiores de comunidades como Asturias, Cantabria, Castela e León ou Andalucía. O obxectivo da mesma foi afondar nas oportunidades e necesidades que presentan as persoas que superan os 65 anos.

 

Durante a súa intervención, Rey Varela lembrou que os maiores son unha peza fundamental da sociedade e un colectivo prioritario nas políticas sociais. “Como goberno galego, temos a obriga de axudalos a manter unha vida plena e activa e para elo, poñeremos á súa disposición as ferramentas necesarias para conseguilo”, asegurou Rey Varela. En base a isto, o Goberno galego está traballando de maneira transversal na implantación da Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación, horizonte 2020. Este documento “xorde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media en Galicia, onde unha de cada catro persoas supera os 65 anos”, declarou Rey Varela. Tendo en conta esta premisa, a Estratexia basea as súas accións nos seguintes eixos fundamentais: a participación na sociedade, a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

 

Ao abeiro desta estratexia, a Administración autonómica segue apostando por programas como o de benestar en balnearios co que se ofertan estadías e tratamento termal para maiores de 60 anos. Así mesmo, mantén diversos convenios para a realización de actividades de ocio e tempo libre con Asogapem, coa Confederación galega de organizacións de maiores, coa Federación territorial de asociacións provinciais de pensionistas e xubilados de Galicia e coa Asociación cultural galega de formación permanente de adultos. Ademais, “ofrecemos a todos os maiores que o precisen o servizo de teleasistencia e xeolocalización, servizos de apoio á mobilidade persoal, programas como o acollemento familiar ou o respiro familiar para coidadores de persoas en situación de dependencia”, engadiu o responsable da carteira social galega.

 

Ao fío disto, o conselleiro fixo referencia a que na actualidade máis de 48.000 persoas estanse a beneficiar das diferentes prestacións de dependencia como prazas de día e residenciais, coidados no contorno familiar ou servizos especializados de coidados terapéuticos e de rehabilitación entre outros. Asemade, en 2016 a Xunta de Galicia incrementou nun millón de horas o Servizo de axuda no fogar e aprobou o plan director para a construción de sete novas residencias para maiores nas principais cidades galegas.

 

Por último, Rey Varela agradeceu o labor diario de Asogapem na defensa dos dereitos das persoas maiores, así como a celebración desta xornada, e reiterou o firme compromiso da Xunta de Galicia en continuar avanzando na mellora da calidade de vida dos maiores. Un obxectivo cuxo cumprimento pasa por “continuar afondando na coordinación sociosanitaria, xuntar forzas entre profesionais e administración e aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar a atención”, concluíu.

 

Programa POCTEP

Por outra banda, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, foi a encargada de inaugurar a xornada e durante a súa intervención anunciou que o Programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) aprobou un proxecto da Xunta de Galicia que ten como finalidade achegar os servizos e recursos ás persoas maiores que viven no medio rural, así como empoderar a este colectivo. “A través deste proxecto, poderemos experimentar con iniciativas piloto e con novos modelos de atención ás persoas maiores para que ninguén quede excluído dos recursos e programas por razón do lugar no que reside”, explicou a directora xeral. A nosa meta, incidiu González, é mellorar a calidade de vida dos maiores promovendo unha vida plena, activa e saudable.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: