A XUNTA DE GALICIA ABORDA O RETO DEMOGRÁFICO NUN ENCONTRO DA UNIVERSIDADE INTERNACIONAL MENÉNDEZ PELAYO

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, participou no seminario sobre baixa natalidade, envellecemento e estado de benestar

  • Na actualidade, máis do 24% da poboación galega supera os 65 anos e as proxeccións do Instituto Galego de Estatística indican que no 2020, máis da cuarta parte dos galegos e galegas superarán a dita idade
  • A titular autonómica repasou as principais liñas de actuación para xestionar a situación demográfica, postas en marcha ao abeiro do Plan estratéxico rexional de Galicia 2015-2020

 

Santander, 29 de xuño de 2017.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, sinalou hoxe que o cambio demográfico, cunha poboación cada vez máis envellecida e cun menor índice de nacementos, “é hoxe en día unha realidade indiscutible no conxunto de España e na maioría dos países da Unión Europea que as administracións e os axentes sociais debemos  xestionar con accións que teñan continuidade e sexan prolongadas no tempo, xa que os resultados neste campo non se producen nunca dun día para outro”.  Así o expuxo esta mañá en Santander nun seminario sobre baixa natalidade, envellecemento e estado de benestar organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e no que participou como relatora.

 

Na súa intervención, a responsable autonómica de Dinamización Demográfica explicou as políticas de apoio á familia e á natalidade que se están a levar a cabo Galicia para facer fronte ao reto demográfico, as cales “están moi presentes na axenda política ao tratarse dun eixo transversal que compete a todas as áreas do executivo autonómico”. Así mesmo, apuntou que a xestión do cambio demográfico é unha cuestión que “compete ao conxunto da sociedade: administracións; organizacións políticas, empresariais e socias; institucións; profesionais e expertos na materia, etc, posto que se trata dun desafío de país que cómpre abordar entre todos e de maneira integral”.

 

Neste sentido, a titular autonómica fixo referencia ao cambio demográfico que está a experimentar Galicia. Na actualidade, máis do 24% da poboación galega supera os 65 anos e as proxeccións do Instituto Galego de Estatística indican que no 2020, máis da cuarta parte dos galegos e galegas superarán a dita idade. É por iso que “a cuestión demográfica está na axenda do noso goberno e a súa xestión e unha tarefa fundamental de cara ao futuro”, insistiu Amparo González.

 

Deste xeito, o camiño iniciado co Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016 cristalizou en sucesivos documentos de planificación culminando no Plan estratéxico rexional de Galicia 2015-2020, que entende a cuestión demográfica como un principio transversal a todos os eixos de actuación do goberno autonómico no convencemento de que “o cambio das dinámicas demográficas non se consegue a través de accións illadas, senón que requiren dunha estratexia global e sostida no tempo”, afirmou a titular autonómica.

 

Neste contexto, a directora xeral destacou a importancia que teñen as familias de cara ao futuro demográfico. De aí que o obxectivo da Xunta de Galicia é a atención integral ás familias e a creación de contornos favorables para o seu desenvolvemento, de xeito que se poida superar a fenda existente hoxe en día entre a natalidade desexada e a realizada.

 

No ámbito estritamente social, o Goberno galego está a desenvolver dende o ano 2015 o Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), con medidas como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís en contornos empresariais e de casas niño no rural, o incremento de prazas públicas ou financiadas con fondos públicos para nenos/as de 0-3 anos en escolas infantís, entre outras. Ao respecto, indicou como dato positivo que dende a implantación deste programa, a taxa de fecundidade experimentou un continuado aumento,  pasando de 1,07 en 2014 a 1,10 ao ano seguinte e chegando a 1,12 en 2016.

 

Por outra banda, Amparo González sinalou tamén o carácter prioritario que para o Goberno galego ten a atención ás persoas maiores e que o obxectivo da Consellería é que os galegos e galegas envellezan dun xeito activo, libre de discapacidade e no seu contorno habitual, tal como recollen a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia e a Estratexia de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020.

 

Ademais, a directora xeral aludiu á Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, un documento que aborda as consecuencias do cambio demográfico como un factor a ter en conta na análise da pobreza e a exclusión social, suscitando medidas específicas para combater a exclusión territorial, expresión coa que se fai referencia á falta de oportunidades vitais e á existencia de barreiras de acceso en condicións de igualdade aos servizos nas zonas rurais das provincias do interior de Galicia.

 

Cómpre destacar que Galicia é unha das comunidades que forman parte do Foro de rexións españolas con desafíos demográficos, un organismo que na última reunión acordou solicitar das institucións comunitarias un impulso decidido e contundente ao desafío demográfico no vindeiro marco financeiro plurianual, o reforzo dos servizos e infraestruturas conducentes á inclusión social e unha maior contribución da política de cohesión para paliar os problemas derivados dos desafíos demográficos.

 

Amparo González rematou a súa intervención facendo fincapé en que “desde a Xunta de Galicia abordaremos o reto demográfico co maior consenso para remar xuntos nunha mesma dirección, con políticas e medidas axeitadas para xestionar esta realidade”.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: