A XUNTA DE GALICIA COMPROMETE APOIO E COLABORACIÓN AOS AFECTADOS POR LESIÓN MEDULAR E GRANDES DISCAPACITADOS FÍSICOS
- José Manuel Rey Varela lembrou que en España preto de 1.000 persoas ao ano se ven afectadas por esta doenza coas que, asegurou, “as administracións temos a obriga de favorecer que poidan desenvolver unha vida plena e autónoma”
A Coruña, 4 de xullo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, clausurou esta mañá no Hospital Marítimo de Oza-CHUAC a xornada “Lesión Medular. Expectativas”, organizada polas entidades Cogami, Íntegro e a Fudación Averhó, en colaboración coa Universidade da Coruña e o SERGAS. Un encontro no que reiterou o máximo apoio e colaboración do goberno da Xunta de Galicia co colectivo de persoas afectadas por lesión medular e grandes discapacitados físicos.
Neste contexto, Rey Varela, que lembraba que preto de 1.000 persoas se ven afectadas cada ano por esta doenza, insistía na necesidade de implementar políticas encamiñadas a favorecer a autonomía persoal deste colectivo. “Como administración e como sociedade – declaraba – debemos afrontar esta e calquera outro tipo de discapacidade dende a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva”, ao tempo que lembraba o esforzo realizado pola Xunta de Galicia nos últimos anos para atender aos galegos e galegas que padecen unha eiva deste tipo.
“Non se trata de que as persoas con discapacidade se adapten para integrarse na sociedade, senón que é esta a que as ten que incluír” – subliñaba o responsable das políticas sociais da Xunta de Galicia antes de lembrar que esa é precisamente a filosofía que guía a Estratexia Galega sobre a Discapacidade Horizonte 2020 que pilota o goberno galego.
Finalmente, o conselleiro de Política Social asegurou a consolidación do convenio coas federacións de atención á discapacidade que forman parte do CERMI, así como a axuda e contribución con todas cantas iniciativas desenvolva a Asociación de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos “porque non debemos de esquecer que estamos a falar dunha situación que se debe abordar dende o ámbito sanitario, pero tamén dende unha perspectiva social”.
A XUNTA, O PORTO E A ZONA FRANCA DE VIGO INICIAN HOXE O PAGO DE MÁIS DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS A EXPROPIADOS DA PLATAFORMA LOXÍSTICA DE SALVATERRA-AS NEVES
- Os abonos realízanse ao longo de toda esta semana e rematarán o vindeiro luns, día 10 de xullo
- As distintas administracións procederán a realizar pagos están despois do verán
- As obras dos sistemas xerais da Plisan están a piques de rematar
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- A Xunta, o Porto e a Zona Franca de Vigo inician hoxe o pago de máis de 1,5 millóns de euros aos propietarios expropiados da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan).
Os abonos, que se realizarán ao longo de toda esta semana e rematarán o vindeiro luns, día 10 de xullo, acadarán un importe de máis de 1,5 millóns de euros As distintas administracións procederán a realizar novos pagos despois do verán.
Neste momento, na Plisan estanse executando distintas actuacións que corresponden ás obras da primeira fase dos servizos xerais, que xa se atopan a piques de rematar.
A obra da EDAR (Estación depuradora de augas residuais) xa foi licitada no mes de marzo do ano 2016 e, actualmente, o proxecto da ETAP xa se atopa redactado.
Así mesmo, está en supervisión e en redacción o proxecto de execución da urbanización da zona LE, que foi adxudicada o pasado mes de maio pola Zona Franca de Vigo.
A XUNTA URXE AO CONCELLO DE SALCEDA DE CASELAS A QUE CEDA A PARCELA PARA CONSTRUÍR O NOVO CENTRO DE SAÚDE
- A referencia catastral que figura no convenio asinado en marzo entre o conselleiro de Sanidade e o alcalde non existe como tal no Rexistro da Propiedade
- O Servizo Galego de Saúde reclama a documentación que certifique o novo número de finca a ceder e poder así continuar coa tramitación que foi suspendida
Vigo, 4 de xullo de 2017.- A Xunta reclama ao Concello de Salceda de Caselas a modificación urxente do catastro que mantén bloqueada a tramitación da cesión da parcela na que está proxectado construír o novo centro de saúde da localidade pontevedresa. A referencia catastral que figura no convenio asinado en marzo de 2016 entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde, Marcos David Besada Pérez, non existe como tal no Rexistro da Propiedade de Tui.
A finca en cuestión, cuxa recepción foi aprobada no Consello da Xunta do 28 de abril de 2016, viuse afectada polo Proxecto de Reparcelación da UE-2 mudando o seu número de rexistro. Esta situación motivou que o pasado 10 de marzo non se puidera firmala escritura tal e como estaba previsto.
Neste senso, unha vez constatado o erro, o Servizo Galego de Saúde solicitou ao goberno de Salceda de Caselas a documentación precisa para continuar coa tramitación da cesión do terreo. Nun escrito enviado o pasado 25 de abril, e reiterado nun segundo requirimento o 31 de maio, solicita ao Concello o novo certificado do Rexistro da Propiedade onde figure o número corrixido da finca, o seu carácter patrimonial e a confirmación de que está libre de cargas. Ademais, deberá acreditar que a finca a ceder segundo o acordo celebrado en sesión plenaria o 12 de maio de 2011 é a mesma que a que figura no novo certificado do Rexistro da Propiedade.
A Xunta insiste na necesidade de reinicialos trámites o antes posible e demanda ao Concello que lle remita a documentación que enviou incompleta o pasado 6 de xuño. Neste senso, recorda que é esencial que no rexistro figure a parcela como ben patrimonial e sen cargas.
Compromisos
Segundo o convenio asinado o pasado mes de marzo de 2016, o Concello de Salceda comprométese á cesión gratuíta ao Sergas dunha parcela para a construción do centro de saúde. Ademais, asumirá os gastos derivados de facer chegar as infraestruturas existentes ao edificio, como son os accesos rodados e peonís, conexións aos sistemas de abastecemento, saneamento, subministro eléctrico, alumeado, telefonía e aparcamento, entre outros. Tamén facilitará toda a documentación necesaria para a redacción do proxecto de obras, incluídas as licenzas e demais permisos urbanísticos.
Pola súa banda, a Administración sanitaria galega comprométese á elaboración, supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos.
Tamén asumirá os gastos en bens correntes e servizos do terreo cedido, como son os gastos derivados de reparacións, mantemento e conservación, material, subministracións, comunicacións e transportes, entre outros.
O convenio ten unha vixencia de tres anos, podendo ser prorrogado por mutuo acordo das partes asinantes antes da data da súa finalización, ata a consecución do seu obxectivo. Foron os trámites urbanísticos pendentes de reparcelación e impacto ambiental os que impediron iniciar antes estas actuacións.
LÓPEZ-CHAVES VISITA O COMPLEXO RESIDENCIAL DE ATENCIÓN A PERSOAS DEPENDENTES VIGO I
Vigo, 4 de xullo de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe as instalacións do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes Vigo I, sito na Entidade Menor de Bembrive a escasos seis quilómetros do centro olívico. Acompañado pola xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, e o director do centro, Oscar Arroyo Riaño, coñeceu de primeira man o funcionamento do complexo, que dispón de 454 prazas e rexistra unha ocupación permanente do 100%.
PECHADO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DO IV CERTAME DE RELATOS VIGO HISTÓRICO CON CASE 170 OBRAS
Vigo, 4 de xullo de 2017. O IV Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira e patrocinado polo Concello de Vigo e a empresa Tressis, pechou o prazo de presentación de relatos con case 170 obras admitidas, un número moi similar ao das edicións anteriores.
O IGE DETECTA UNHA MELLORA DA SITUACIÓN ECONÓMICA DOS FOGARES GALEGOS E UN AUMENTO DA CONFIANZA DOS CONSUMIDORES
- O número de fogares que chegan con dificultades a fin de mes é o máis baixo de toda a serie histórica
- No último ano melloraron as súas perspectivas sobre a situación económica de Galicia, a evolución do desemprego e a capacidade de aforro
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) detecta unha mellora da situación económica dos fogares galegos e, ao mesmo tempo, un aumento da confianza dos consumidores, segundo reflicte a Enquisa coxuntural a fogares referente ao segundo trimestre do ano, publicada hoxe.
En concreto, o número de fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumentou ata o 54,5%, mentres que o a cifra de fogares con dificultade ou moita dificultade descendeu ata o 45,5%. Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010.
De feito, o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes medrou en Galicia en máis de 10 puntos no último ano, mentres que o incremento é de 6,4 puntos en comparación co primeiro trimestre de 2017.
Ademais, a enquisa do IGE mostra tamén unha redución dos fogares que no segundo trimestre tomaron medidas para reducir gastos, aumentar ingresos ou afrontar pagos. Por exempo, o instituto estadístico ratifica que baixan os fogares que cambian os seus hábitos de compra para aforrar, que diminúen outros gastos comúns –como roupa, calzado ou transporte- e que reciben axuda económica de familiares ou amizades.
Máis confianza
En canto á confianza dos fogares, o indicador de confianza do consumidor tamén acadou no segundo trimestre o mellor resultado de toda a serie histórica, ao situarse no -8,18. Isto supón unha mellora de máis de 8 puntos respecto ao mesmo trimestre de 2016 (-16,37), e un incremento de 1,4 puntos sobre o trimestre anterior.
Esta mellora é consecuencia das mellores perspectivas que teñen os fogares galegos sobre a situación financeira persoal, sobre a situación económica de Galiica ou sobre a evolución do desemprego nos vindeiros meses.
IESIDE e ESIC organizan unha masterclass sobre marketing no Campus de IESIDE en Vigo
Tras o éxito do evento «Hoy es marketing» en Santiago de Compostela, IESIDE e ESIC continúan adiante coa súa alianza estratéxica, nesta ocasión organizando a masterclass «Queres saír comigo? MOTs, os Moments of Truth cos nosos clientes». Terá lugar mañá mércores 5 de xullo, entre as 19.00 e as 21.00 h no Campus de Vigo de IESIDE (Av. de Madrid, 60) e será impartida por Juan Ignacio Pérez Martín, profesor de Vendas, Estratexia, Márketing, Coaching, Equipos e Habilidades Directivas de ESIC. No evento os asistentes abordarán os momentos da verdade dos seus clientes e falarase sobre as técnicas máis novas para atraer, captar e fidelizar clientes potenciais.
A XUNTA DE GALICIA PUBLICA HOXE NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA A TRANSFERENCIA A PROL DO CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO DA ESTRADA PO-409, ENTRE ESTE MUNICIPIO E A RAÑADA
- O Goberno galego rematou recentemente as obras de renovación dos servizos de saneamento e drenaxe e o acondicionamento do firme nesta vía, cun investimento duns 270.000 euros
- Esta vía, cun total de 1,79 km de lonxitude, pode dividirse en dous subtramos: o primeiro, dende a intersección coa PO-403 ata o paso sobre o Tea; e o segundo, desde este punto ata o final da estrada, na intersección coa PO-510
- Con esta transferencia, o Concello poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características urbanas, e nela xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Salvaterra de Miño da estrada PO-409, que conecta esta localidade coa Rañada. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace https://goo.gl/2jsFCU.
O Concello do Salvaterra manifestou á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o seu interese polo cambio de titularidade da estrada PO-409, que discorre integramente polo seu termo municipal, unha vez que a administración autonómica acondicionase o treito urbano.
A estrada PO-409 (Salvaterra-A Rañada), pertencente á rede secundaria de titularidade autonómica, conta cunha alternativa viaria de maior nivel de servizo: a estrada PO-510 (Atios-Oleiros), que forma parte da rede primaria básica de estradas e discorre practicamente en paralelo. Polo que rexistra un tráfico principalmente local.
Esta vía, cun total de 1,79 quilómetros de lonxitude, pode dividirse en dous subtramos: o primeiro, dende a intersección coa PO-403 ata a obra de paso sobre o Tea; e o segundo, desde este punto ata o final da estrada, na intersección coa PO-510.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.
Con esta transferencia, o Concello poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características urbanas, e nela xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, ao tempo que se reducirán as cargas administrativas sobre os cidadáns dos núcleos polos que discorre.
Mellora da estrada
Cómpre lembrar que a Xunta rematou o acondicionamento no tramo urbano da PO-409 e posteriormente, logo do acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou proposta favorable á transferencia de titularidade.
En 2016, a Axencia Galega de Infraestruturas licitou as obras de renovación dos servizos de saneamento e drenaxe e o acondicionamento do firme nesta vía, que se remataron a principios de 2017. O Goberno galego financiou estas actuacións cun custe duns 270.000 euros.
A XUNTA COLABORARÁ NO DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO E APOIO A PERSOAS SEN TEITO DE CRUZ ROJA
A administración autonómica e a entidade asinaron hoxe un convenio de colaboración

A Coruña
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinará un convenio de colaboración coa Cruz Vermella.
04/07/2017
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
- En virtude deste acordo estableceranse liñas de derivación e integración na sociedade das persoas sen fogar a través do traballo coordinado dos equipos técnicos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela
- Tamén se efectuarán labores de sensibilización e estudos sobre as persoas sen fogar e unha xornada técnica sobre a situación deste colectivo, entre outras accións
- A Consellería de Política Social inviste 165.000 euros neste programa
A XUNTA DE GALICIA ANALIZA CO ALCALDE DE CERCEDA A SITUACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS DESTE MUNICIPIO CORUÑÉS
O conselleiro de Política Social reuniuse hoxe co primeiro edil da localidade, José García Liñares

A Coruña
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, manterá un encontro co alcalde de Cerceda, José García Liñares.
04/07/2017
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
- A Xunta de Galicia vén de incrementar en máis dun 18% o número de horas dispoñibles no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
- Ambos mandatarios abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración entre administracións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas