A XUNTA PUBLICA HOXE NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA A AUTORIZACIÓN DAS EXPROPIACIÓNS PARA A EXECUCIÓN DUNHA SENDA PEONIL E CICLISTA NA ESTRADA PO-325, EN NAVIA, NO CONCELLO DE VIGO
- A senda executarase nunha marxe da estrada, no tramo comprendido entre o Pq. 0, no que conectará coas beirarrúas existentes na glorieta de intersección coa circunvalación de Vigo VG-20, e o Pq. 1+700, na intersección coa estrada a Samil
- No tramo inicial, de aproximadamente 340 metros, a senda construirase pola marxe esquerda da PO-325, comunicando a beirarrúa da glorieta da VG-20 coa existente á altura da urbanización de Navia
- O itinerario continúa pola marxe dereita da estrada, desde a glorieta existente coa rúa das Ufas ata o remate da actuación, e no tramo final conectará coas beirarrúas na estrada a Samil e co paseo do río Lagares
- Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que para a comarca de Vigo contempla 11 treitos e un orzamento que se achega aos 5 millóns de euros
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción do itinerario peonil e ciclista na PO-325, en Navia, no Concello de Vigo. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/gwzZNF.
O decreto de utilidade pública comprende a expropiación dunha finca necesaria para a execución desta senda. A súa base técnica é o proxecto de construción redactado pola Xunta, que conta cun orzamento base de licitación próximo a 300.000 euros.
A senda executarase nunha marxe da estrada, no tramo comprendido entre o Pq. 0, no que conectará coas beirarrúas existentes na glorieta de intersección coa circunvalación de Vigo VG-20, e o Pq. 1+700, na intersección coa estrada a Samil.
Este tramo da PO-325 sitúase no Concello de Vigo e é coñecido coma Avenida Ricardo Mella. O treito conta con beirarrúa en pequenos tramos que se aproveitará, polo que a lonxitude aproximada de senda a construír é de 1.470 metros.
No tramo inicial, de aproximadamente 340 metros, a senda construirase pola marxe esquerda da PO-325, comunicando a beirarrúa da glorieta da VG-20 coa existente á altura da urbanización de Navia.
O itinerario continúa pola marxe dereita da estrada, ao carón do muro de contención da VG-20, desde a glorieta existente coa rúa das Ufas ata o final da actuación. No tramo final conectará coas beirarrúas existentes na estrada a Samil e co paseo do río Lagares.
A sección tipo consta dunha senda cun mínimo de 1,8 m de ancho, de formigón coloreado e separada da calzada por un bordo e cuneta nos treitos que é precisa.
Plan de Sendas en Vigo
Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, para que o que proxectan 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.
A Axencia Galega de Infraestruturas licitou o pasado mes de marzo o contrato para execución doutra senda na PO-325, dende a intersección da Av. Praia América coa rúa Francisca lago, ata a intersección coa rúa Foz, punto no que comeza o paseo litoral existente ata Baiona.
No paseo marítimo existente na PO-552, na travesía de Baiona, diferenciaranse os espazos destinados a peóns ciclistas na zona próxima ao Parador. O contrato de obras xa está adxudicado, e está previsto iniciar os traballos no mes de setembro para non causar molestias ao importante número de usuarios do paseo nos meses de verán.
Na mesma estrada PO-552, prevese tamén complementar o itinerario peonil e ciclista de Baiona na zona de Santa Marta; o proxecto xa está redactado e complementa a outro redactado por Costas. O contrato de obras licitarase neste ano, unha vez sexa licitada a actuación do Goberno estatal, prevista en datas próximas.
Tamén na PO-552, a Axencia Galega de Infraestruturas ten previsto licitar nos próximos días o contrato para execución de tres tramos de senda; os dous primeiros, á saída de Coruxo e en San Miguel de Oia, situados no Concello de Vigo, e o terceiro entre Priegue e As Rexas, no termo municipal de Nigrán.
A consellería de Infraestruturas adxudicou tamén xa o contrato para a construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-331, dende O Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín, no Concello de Mos.
A Axencia Galega de Infraestruturas licitou o pasado mes de marzo os contratos para execución da senda entre Amoedo e Pazos de Borbén, na PO-250.
O proxecto da senda para peóns e ciclistas na PO-340, entre Gondomar e A Ramallosa, foi sometido a información pública en novembro de 2016. Nestes momentos estase a ultimar a supervisión do proxecto, para a súa próxima aprobación e licitación das obras neste verán. Por último, está actualmente en fase de información pública o proxecto dunha senda na PO-411 en Parderrubias, no Concello de Salceda de Caselas.