O CONSELLEIRO DE FACENDA AVANZA QUE A XUNTA REVISARÁ Á ALZA A PREVISIÓN DE CRECEMENTO PARA ESTE ANO, ATA ACHEGARSE AO 3%

  • Valeriano Martínez presentou no Parlamento o proxecto de Lei que permitirá reforzar o gasto social e fortalecer o crecemento da economía galega
  • Esta lei conta cunha dotación de 228 millóns de euros, froito do mellor comportamento da economía galega
  • Unha das actuacións será a suba salarial do 1% aos 100.000 traballadores dos servizos públicos da Xunta, que se fará efectiva este mes e con carácter retroactivo
  • O gasto social contará cunha partida de 102 millóns de euros para reforzar o eido sanitario, a política social e o eido laboral
  • Ademais, destinaranse 53 millóns de euros para impulsar políticas de crecemento económico en liña co Plan Estratéxico de Galicia ata 2020

Pleno del Parlamento

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia actualizará o seu cadro macroeconómico e revisará á alza a previsión de crecemento do PIB galego para este ano 2017, fixada nos Orzamentos no 2,4% e que se achegará ao redor do 3%.

 

Na súa intervención na Cámara para presentar o proxecto de lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social, o titular de Facenda explicou que a Xunta de Galicia procederá a modificar á alza a estimación de crecemento para este 2017. Esta revisión concretarase durante a presentación do teito de gasto non financeiro para 2018, que se realiza de xeito ordinario a finais deste mes de xullo.

 

Precisamente, Valeriano Martínez indicou que o proxecto de lei presentado hoxe no Parlamento ten como obxectivo fortalecer e impulsar o crecemento económico que segue rexistrando a economía galega. É por iso que a proposta normativa do Goberno galego servirá para levar a cabo no segundo semestre deste ano actuacións en diversos eidos por un importe total de 228 millóns. “Esta lei permitirá subir os salarios dos empregados públicos ao servizo da Xunta, consolidará o crecemento da nosa economía e reforzará o gasto social, posto que a prioridade deste Goberno seguen sendo os galegos e o seu benestar”, sinalou.

 

Incremento salarial

Valeriano Martínez explicou que grazas a esta lei a Xunta destinará 73 millóns de euros máis para gasto de persoal. Neste marco, unha das primeiras actuacións será a suba salarial do 1% aos 100.000 traballadores dos servizos públicos da Administración galega, incluído o persoal da sanidade, educación, universidades públicas e ensino concertado.

 

A Xunta xa ten habilitación legal do Estado, e polo tanto o incremento retributivo poderase facer efectivo nas nóminas que se aboen a partir deste mes. Dado que esta suba salarial ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, tamén se aboarán os atrasos devindicados desde esta data. “Con esta suba e coa recuperación do complemento específico, os empregados públicos recibirán de media este ano uns 1.400 euros máis”, apuntou.

 

Un segundo bloque de gastos ten que ver co eido sanitario e coa política social, para o que se destinarán un total de 102 millóns de euros. A Xunta reserva 60 millóns de euros a actuacións prioritarias na sanidade pública, o que permitirá universalizar os fármacos da hepatite C, co que se poderían ampliar a unhas 2.000 persoas no que queda de ano. Ademais, o Sergas reforzará os programas de vacinación, investirá na mellora dos centros hospitalarios e reforzará a actividade cirúrxica e asistencial nos centros sanitarios galegos.

 

A política social tamén será un eixo prioritario na asignación dos novos recursos, cunha dotación total de 14 millóns de euros. Así, a Xunta disporá de fondos para atender a 3.000 novos dependentes, o que permitirá manter unha cobertura de servizos superior á media estatal. Na inclusión social, o Goberno galego activa 3 millóns para dar un novo impulso á RISGA, o que permitirá beneficiar a un milleiro de galegos en risco de exclusión.

 

Ademais, a Xunta contará con 11 millóns cos que se realizarán programas de interese xeral para atender fins de interese social con cargo á asignación tributaria do IRPF. E no eido laboral, destinaranse 5 millóns a desenvolver plans de emprego e de formación que incrementarán as oportunidades laborais de colectivos prioritarios para a Xunta.

 

Máis recursos para as políticas de crecemento económico

Valeriano Martínez tamén explicou que se destinarán 53 millóns de euros máis para impulsar políticas de crecemento económico que desenvolvan as liñas mestras do Plan Estratéxico de Galicia ata 2020. Neste sentido, para o eido educativo destinaranse 11 millóns de euros para proxectos de I+D nas universidades públicas; obras de reforma e mellora en centros educativos; equipamentos en centros de FP; impulso do plan de plurilingüismo posto en marcha pola Administración galega; e ao desenvolvemento do libro dixital.

 

A innovación tamén contará con actuacións por 3 millóns para reforzar a aposta polo talento, as novas tecnoloxías e a Industria 4.0, con especial atención ás pemes. Así mesmo, destinaranse outros 2 millóns ao programa Reforma17 para dinamizar o tecido empresarial.

 

O conselleiro de Facenda explicou que se destinarán 3 millóns ao turismo para accións de potenciación e promoción dun sector que está a consolidarse como un motor da recuperación económica. En canto ás infraestruturas, destinaranse 19 millóns de euros na rede viaria e no solo industrial. Ademais, inclúese unha partida para o equipamento do Auditorio de Lugo e para a nova Axencia Galega da Industria Forestal.

 

Tamén se activarán 5 millóns para acelerar proxectos pioneiros de mobilidade de terras e para reforzar as políticas de prevención contra os incendios, incluíndo a creación de novos puntos de auga,peches gandeiros e mantenementos de corte lumes.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: