Archive | julio 14, 2017

PATRIMONIO AUTORIZA AO CONCELLO DE VIGO A INSTALACIÓN DE PLACAS EN 9 EDIFICIOS PARA SINALIZAR O PASEO LITERARIO CARLOS CASARES

  • Trátase dunha actuación nuns inmobles recollidos no ámbito do Plan especial e catálogo complementario de edificios, conxuntos e elementos a conservar

 

Vigo, 14 de xullo de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o visto e prace á solicitude do Concello de Vigo para a instalación de placas nos 9 edificios que conformarán o Paseo Literario Carlos Casares na cidade.

Así, a resolución, asinada o pasado 5 de xullo, recolle que o proxecto para o cal o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra. Segundo argumenta, trátase dun tipo de intervención no contemplada na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia nin nas normativas do PEEC, que regula os rótulos comerciais máis non placas conmemorativas coma as que se van a instalar. Neste caso, considerase unha actuación de valorización por canto está vinculada a un persoeiro da cultura galega.

O Paseo Literario Carlos Casares inclúe varios edificios recollidos no ámbito do Plan especial e catálogo complementario de edificios, conxuntos e elementos a conservar do Concello de Vigo e por tanto do patrimonio cultural de Galicia. Entre eles figuran os inmobles de Reconquista 1, Compostela 4, Urzáiz 18, Oporto 1 (con protección estrutural) e Praza da Princesa 2 (catalogado no PEPRI Casco Vello co nivel de protección integral). Outro dos edificios incluídos no paseo é o do instituto San Tomé de Freixeiro.

 

As placas a instalar teñen unhas dimensións de 20×25 centímetros en aceiro inoxidable e colocaríanse con adhesivos que permitan a retirada sen afectar á pedra. Nelas se incluirá a denominación do Paseo, a identificación da parada e un código QR para acceder a información, ademais da identificación e logos dos promotores do paseo.  

A XUNTA PREMIARÁ O TALENTO DA MOCIDADE GALEGA A TRAVÉS DO CERTAME XUVENTUDE CREA

  • Os participantes poderán amosar as súas habilidades a través de 12 especialidades como cociña, teatro ou fotografía entre outras
  • Cada unha das materias contará con premios de 3000, 1500 e 1000 euros para os tres primeiros clasificados
  • O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de agosto

 

Santiago, 14 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha nova edición do certame Xuventude Crea que servirá para premiar o talento de arredor de medio cento de novos autores de 12 especialidades distintas na maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega, e na que a Administración autonómica inviste 112.778 euros.

 

Na convocatoria deste ano poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro de 3.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000 euros.

 

Os participantes poderán amosar as súas habilidades no eido da cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias.

 

A presentación de solicitudes poderá facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e o prazo comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de agosto de 2017.

 

A través deste e doutros programas postos en marcha pola Consellería de Política Social, a administración autonómica adopta accións tendentes a que a xuventude teña facilidades de creación do seu propio posto de traballo.

 

Cómpre destacar que Xuventude Crea inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e a participación xuvenil.