A XUNTA PREMIARÁ O TALENTO DA MOCIDADE GALEGA A TRAVÉS DO CERTAME XUVENTUDE CREA
- Os participantes poderán amosar as súas habilidades a través de 12 especialidades como cociña, teatro ou fotografía entre outras
- Cada unha das materias contará con premios de 3000, 1500 e 1000 euros para os tres primeiros clasificados
- O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de agosto
Santiago, 14 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha nova edición do certame Xuventude Crea que servirá para premiar o talento de arredor de medio cento de novos autores de 12 especialidades distintas na maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega, e na que a Administración autonómica inviste 112.778 euros.
Na convocatoria deste ano poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro de 3.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000 euros.
Os participantes poderán amosar as súas habilidades no eido da cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias.
A presentación de solicitudes poderá facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e o prazo comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de agosto de 2017.
A través deste e doutros programas postos en marcha pola Consellería de Política Social, a administración autonómica adopta accións tendentes a que a xuventude teña facilidades de creación do seu propio posto de traballo.
Cómpre destacar que Xuventude Crea inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e a participación xuvenil.