MÁIS DE 700 PERSOAS ESTÁN CONVOCADAS MAÑÁ AO PRIMEIRO EXAME DAS OPOSICIÓNS A 20 PRAZAS DE AXENTES DE GARDACOSTAS
- O exame terá lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda
- Estes axentes terán entre as súas funcións custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia e controlar o seu aproveitamento
Santiago, 21 de marzo de 2017.- Un total de 711 persoas están convocadas ao primeiro exame das oposicións a 20 prazas de axentes do Servizo de Gardacostas da Xunta, que se celebrará mañá no recinto feiral de Silleda. Esta proba será de carácter teórico, e os aspirantes que a superen terán que facer un segundo exame de tipo físico.
O exame de mañá terá lugar no auditorio do recinto da Feira Internacional de Galicia, en chamamento único que se iniciará ás dez da mañá. As persoas participantes aspiran a unha das 20 prazas da escala de axentes de Servizo de Gardacostas, pertencentes ao subgrupo C1 da Administración autonómica.
Este primeiro exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 100 preguntas tipo test, 20 delas da parte xeral e 80 da parte específica, máis cinco preguntas de reserva. Cada pregunta ten catro respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta.
Posteriormente, tal e como dispón a orde de convocatoria, as persoas que superen este primeiro exercicio serán convocadas para o segundo, consistente en realizar probas de aptitude física de carácter eliminatorio, incluída unha carreira de mil metros, unha subida por unha escada e unha proba de natación.
Protexerán os recursos mariños de Galicia
Os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia –adscrito á Consellería do Mar– teñen entre outras, as funcións de custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia e controlar o aproveitamento destes recursos, así como vixiar e previr a contaminación mariña, participando nas tarefas de eliminación.
A XUNTA DE GALICIA COLABORA COA UNIVERSIDADE DA CORUÑA NA SENSIBILIZACIÓN DA SOCIEDADE COA DIVERSIDADE E A INCLUSIÓN SOCIAL
A secretaria xeral da Igualdade e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participaron na xornada inaugural dun curso de verán da UDC
- Cecilia Vázquez lembrou que a xuventude “ten nas súas mans o futuro da nosa sociedade e unha parte moi importante do noso presente, por iso cómpre ofrecerlles todas as ferramentas para que ese cambio social que necesitamos teña en conta a aqueles colectivos minoritarios ou máis desfavorecidos, porque só así seremos capaces de ter no futuro unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria”
- Pola súa banda, Susana López Abella puxo en valor o papel fundamental que deben ter a mocidade para construír unha sociedade con igualdade de oportunidades entre homes e mulleres
- A iniciativa está destinada a profesionais da saúde, da educación e dos servizos sociais e comunitarios e desenvolverase dende hoxe e ate o vindeiro venres
Sada (A Coruña), 19 de xullo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participaron hoxe, en Sada, na xornada inaugural do curso de verán que organiza a Universidade da Coruña baixo o título “Diversidade, Inclusión e Intervención sociocomunitaria” e no que tamén colabora a Xunta de Galicia. Coa súa presenza, ambas quixeron amosar a sensibilidade do Goberno Galego coas persoas e os colectivos máis desfavorecidos e a necesidade de intensificar as accións de todos os axentes implicados a prol da súa plena inclusión.
Nesta liña, a responsable das políticas xuvenís da Xunta de Galicia aseguraba no transcurso da súa intervención, que levaba por título “Xuventude, diversidade e cambeo social”, que “a mocidade ten nas súas mans o futuro da nosa sociedade e unha parte moi importante do noso presente, por iso cómpre ofrecerlles todas as ferramentas para que ese cambio social que necesitamos teña en conta a aqueles colectivos minoritarios ou máis desfavorecidos, porque só así seremos capaces de construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria”. Neste punto, Cecilia Vázquez lembrou que a Xunta de Galicia ofrece aos xóvenes un ambicioso programa de de educación non formal, que permite validar as competencias e darlle visibilidade aos coñecementos, habilidades e formación derivados desa participación, en tanto que contribúen ao desenvolvemento persoal, enriquecen o seu currículo vital e favorecen a participación activa na sociedade.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor o papel fundamental da mocidade para construír unha sociedade baseada na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Neste sentido, apelou á necesidade de seguir superando as barreiras de xénero a través da educación nos valores de respecto, liberdade e igualdade, un labor especialmente prioritario entre a mocidade que configurará a sociedade do mañá. Ao respecto, considerou que a xuventude e a poboación adolescente deben contribuír de xeito singular á fin da violencia contra a muller, de aí a importancia de iniciativas que promovan a concienciación social e a sensibilización nesta materia.
O curso inaugurado esta mañá se estenderá ate o vindeiro venres e non busca quedarse só nas aulas. Por iso, a través das mesas de traballo que ofrece, recollerá nunha memoria as diferentes propostas que de aquí saian para envialas aos asistentes e a diferentes entidades interesadas. Por outra banda, este documento e o tratado no curso difundirase a través da súa web, dos medios de comunicación e das vías TICs, para achegar o coñecemento realizado no curso á cidadanía. A actividade esta dirixida a estudantes e profesionais da saúde, a educación, os servizos sociais e comunitarios así como á poboación femenina en xeral, para posibilitar a formación continuada e promover o debate acerca da inclusión social e comunitaria e dos grupos en risco de exclusión nestes ámbitos.
MÁIS DE 250 FUNCIONARIOS DA XUNTA ACADAN UN ASCENSO LOGO DE SUPERAR AS OPOSICIÓNS DE PROMOCIÓN INTERNA
- Todos eles ingresarán nunha categoría superior á que formaban parte, o que implica un aumento salarial
- 172 funcionarios tomarán posesión do seu novo posto de traballo no prazo máximo dun mes, e outros 79 non precisarán mudar de posto ao estar aberto ao seu novo grupo
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017.- Máis de 250 funcionarios de carreira da Xunta de Galicia acadaron un ascenso logo de superar as oposicións para a promoción interna convocadas pola Administración galega. Todos eles ingresan nunha categoría superior á que formaban parte ata agora, tal como publicou onte martes o Diario Oficial de Galicia (DOG), o que lles implicará unha promoción profesional, un incremento salarial e a posibilidade de poder desempeñar postos de maior responsabilidade.
En concreto, 40 funcionarios da Xunta ascenderán ao corpo de xestión da Administración Xeral –o subgrupo A2-, mentres que 80 accederán ao corpo administrativo (subgrupo C1) e outros 131 funcionarios ascenden ao corpo auxiliar, o subgrupo C2 da Xunta.
As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría sempre que reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo. Con estas oposicións, a Xunta garante o dereito dos empregados públicos á súa promoción profesional.
O Diario Oficial de Galicia do martes, 18 de xullo, publica os nomeamentos como funcionarios de carreira nas súas novas categorías dos 251 funcionarios que acadan o ascenso. Deles, 172 traballadores tomarán posesión dun novo posto de traballo no prazo máximo dun mes, mentres que os 79 restantes non precisarán mudar de posto ao estar aberto ao seu novo grupo.
A XUNTA AMPLÍA ATA O VINDEIRO LUNS O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE OFERTAS AO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA ATENDENDO Á SOLICITUDE DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS
As ofertas poderán presentarse ata as 12:00 horas do día 24 de xullo
- O incremento do período facilitará a máxima participación no procedemento de contratación das novas liñas de transporte
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2017.-A Xunta de Galicia amplía ata o vindeiro luns o prazo para a presentación de ofertas para prestar os servizos do Plan de transporte público de Galicia. En atención ás numerosas solicitudes de pequenas e medianas empresas de transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade aprobou hoxe unha resolución que establece que as ofertas poderán presentarse ata as 12:00 horas do vindeiro día 24 de xullo.
Con esta decisión, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda pretende fomentar a máxima participación no procedemento das novas liñas de transporte, facilitando o acceso das pequenas e medianas empresas do sector que demandaron un maior prazo para poder presentar mellores ofertas para a prestación dos servizos.
A vontade de facilitar a participación das pequenas e medianas empresas é un dos grandes obxectivos do Goberno galego na posta en marcha do Plan de transporte público. Así o demostra o feito de que o prego de condicións estableza que cada empresa, grupo empresarial ou empresas vinculadas poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 contratos de transporte público.
Ademais, no proceso de contratación dos dez contratos de menor volume priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas.
Outro dos grandes obxectivos neste proceso de contratación é o de primar a calidade e a seguridade na prestación dos servizos sobre os aspectos económicos das ofertas. Con ese fin, na valoración das ofertas teranse en conta aspectos tales como a antigüidade máxima e media dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa que permita acurtar os tempos de resposta.
Estes criterios obxectivos establecidos para a adxudicación dos contratos terán un peso diferente en función do tipo de servizo do que se trate. Desa forma, por exemplo, para as liñas que operen nos entornos metropolitanos puntuarase o compromiso de instalación de dispositivos de cobro homologado coas tarxetas do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG).
Ademais, o prego prevé xa as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra.
No caso dos servizos de transporte escolar de uso compartido cobrará especial relevancia a adscrición de vehículos provistos de cintos de seguridade. Nestes servizos valorarase tamén a estabilidade e a seguridade do persoal acompañante para garantir a calidade do servizo.
Terase en conta o incremento de quilómetros de servizos sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta que se presente para a realización de servizos complementarios.
Garantía de empregos e transporte a partir de agosto
O inicio do prazo para a presentación de ofertas é un paso máis na tramitación prevista para a posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia no vindeiro mes de agosto. Será entón cando se materialicen as renuncias presentadas polas empresas ás concesións de transporte, que deixarán sen funcionamento máis de 570 liñas de transporte público.
Conforme á nova normativa europea, que prohibe as prórrogas das concesións de transporte, a Xunta de Galicia activou un procedemento extraordinario para garantir a existencia de servizos de autobús nos ámbitos afectados polas renuncias empresariais. Ese procedemento está recollido nesta primeira fase do Plan de transporte público de Galicia, que prevé contratos por un período de dous anos, ata que no ano 2019 se poña en marcha a reordenación integral de concesións en Galicia.
O Plan de transporte público de Galicia non só permitirá manter eses servizos e o emprego, senón que mellorará notablemente as posibilidades de mobilidade no medio rural. Iso será posible ao permitir que os veciños empreguen as prazas vacantes das liñas de autobús de transporte escolar, un sistema que ten unha rede territorial moito máis extensa que o transporte de uso xeral.
Ese uso compartido do transporte irá acompañado de melloras tamén para os escolares, cuxa atención estará blindada nos contratos, mantendo intactos os tempos de percorrido e os horarios de saída e chegada.
Ademais, incluiranse garantías máis elevadas que as previstas pola Lei, ao asegurarse a presenza dun acompañante escolar en todas as rutas de transporte compartido.
REY VARELA DESTACA EN BOIMORTO A COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS COMO A MELLOR FÓRMULA PARA TECER UNHA VERDADEIRA REDE DE RECURSOS SOCIAIS
O conselleiro de Política Social visitou hoxe o Punto de Atención á Infancia, o Centro de Día e a Miniresidencia deste municipio coruñés
REY VARELA DESTACA EN BOIMORTO A COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS COMO A
- sinalou que é o entendemento entre administracións o que fai posible que “prestemos un mellor servizo tanto aos nenos nenos e nenas como aos nosos maiores”
Boimorto (A Coruña), 18 de xullo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Boimorto para coñecer de primeira man a rede de recursos asistenciais cos que conta na actualidade este municipio coruñés, tanto no eido da infancia, como no dos maiores e persoas dependentes.
Rey Varela principiaba a súa visita no Punto de Atención á Infancia (PAI), un recurso de titularidade municipal que está a dar servizo a nenos e nenas de tres meses a tres anos de idade de Boimorto e dos concellos veciños de Mesía, Vilasantar, Arzúa e Frades. Conta cunha unidade de 20 prazas para a que a Consellería de Política Social achega 9.211,22 euros e que permite situar a ratio de cobertura no 87%. De seguido, o titular do goberno galego en materia social se desprazaba ata o Centro de Día e Miniresidencia municipal. Un recurso que se poñía en marcha no ano 2011 e para o que a Administración galega achegou 1.3 millóns de euros para a atención de 30 usuarios no recurso diúrno e 29 no caso do residencial.
Neste contexto, José Manuel Rey Varela indicaba ao remate das dúas visitas que froito desa colaboración entre administracións “Boimorto conta hoxe cunha rede de recursos asistencias de primeiro nivel, un mapa de infraestruturas que permiten que os veciños e veciñas desta vila desfruten duns servizos tanto no eido da infancia como dos maiores e persoas dependentes ao nivel dunha cidade”. E, ao fío, xa avanzou o compromiso da Xunta de Galicia para intensificar a colaboración entre administracións “porque a cuestión de fondo non é delimitar competencias nin o seu financiamento senón prestar o mellor servizo, neste caso aos nosos pequenos e pequenas e aos nosos maiores”.
Ademais, o conselleiro subliñou o reforzo do servizo de coidados a persoas dependentes no entorno familiar, ao incrementar nun 13% as horas dispoñibles. Así, a Xunta vén de aumentar en 116 horas mensuais o Servizo de Axuda no Fogar neste municipio ourensán, o que supón 1392 horas máis ao ano e que garante que a ratio de atención sexa do 95%.
O responsable da área social do Goberno galego estivo acompañado durante a visita pola directora de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, así como pola rexedora María Jesús Novo Gómez
A XUNTA DE GALICIA ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE PARA A CREACIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS EN POLÍGONOS INDUSTRIAIS
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria de subvencións para a posta en marcha deste recurso de conciliación
- A convocatoria subvencionará a realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación da escola, o acondicionamento da parcela e o equipamento das instalacións
- Poderán obter financiamento ata sete novas escolas que constarán dun mínimo de tres unidades e 41 prazas o que permitirá a posta a disposición das familias galegas de 287 novas prazas de atención á infancia
Santiago, 17 de xullo de 2017.- A Consellería de Política Social publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde de axudas que permitirá a creación de escolas infantís de 0 a 3 anos en polígonos industriais e parques empresariais que porán a disposición das familias galegas un mínimo de 287 novas prazas de atención á infancia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá martes.
Ao abeiro desta orde, poderán ser beneficiarias as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que dispoñan dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono, parque empresarial ou nas súas inmediacións. Así mesmo, deberán achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos e nenas menores de tres anos potenciais usuarios da escola e un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de cinco anos.
A convocatoria subvencionará a realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación da escola, o acondicionamento da parcela e o equipamento das instalacións que inclúe o material didáctico e de xogo. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100% do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola e entidade beneficiaria de 200.000 euros.
Cómpre destacar que a convocatoria conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros distribuído en dúas anualidades, correspondendo 350.000 ao ano 2017 e 1.050.000 euros ao ano 2018. Estes importes están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Con este crédito poderán obter financiamento ata sete novas escolas que constarán dun mínimo de tres unidades e 41 prazas. Todas elas estarán separadas da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores e contarán coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, o ruído, a contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.
A Consellería de Política Social traballa no desenvolvemento dos mecanismos precisos para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar e laboral, mellorando a oferta de recursos e servizos para que respondan ás necesidades dos pais e nais e ao mesmo tempo contribúan ao desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico das e dos menores.
Así, este é o segundo ano que a Xunta realiza unha convocatoria de axudas coma esta, grazas á cal xa se está a financiar a construción de dúas escolas, unha no Parque científico tecnolóxico Río do Pozo (Narón) e outra no polígono industrial da Tomada (A Pobra do Caramiñal).
Este recurso complementa as axudas que a Xunta ten en marcha para facilitar a conciliación, como a rede de escolas infantís dependentes da Administración autonómica, as prazas en escolas infantís de iniciativa social, o programa Bono Concilia ou as casas niño no rural (na actualidade xa están a funcionar 30 e poranse en marcha outras 30 grazas á convocatoria deste ano).
MÁIS DE 6.300 FAMILIAS PODERÁN BENEFICIARSE ESTE ANO DOS DIFERENTES PROGRAMAS DE AXUDA E FOMENTO DA REHABILITACIÓN, AOS QUE A CONSELLERÍA DE VIVENDA DESTINA 40 MILLÓNS DE EUROS
-
O Goberno galego máis que duplica este ano o montante do investimento para a rehabilitación de vivendas
-
Os 16 programas de rehabilitación da Consellería de Vivenda chegan a todos os destinatarios e ás distintas formas de intervención, desde as reformas interiores e exteriores á mellora da accesibilidade, pasando pola recuperación de ruínas e espazos urbanos degradados
-
Proximamente convocaranse as axudas para ascensores de nova instalación, que cubrirán ata o 60% do custo da instalación, cun máximo de 40.000 euros
-
Por primeira vez a Xunta subvenciona ata o 100% dos xuros dos préstamos que soliciten os particulares para a reforma das súas vivendas
-
A estratexia de rehabilitación refórzase coas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas á eficiencia enerxética e que subvencionan a renovación de fiestras, ascensores ou cubertas, entre outras
A XUNTA DE GALICIA APOIA O LABOR DE INCLUSIÓN QUE DESENVOLVE PROXECTO HOME EN VAL DO DUBRA
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o centro da entidade na localidade.
- Os usuarios das instalacións poden participar na oferta formativa que inclúe cursos de auxiliar de turismo ecuestre e canteiro, ambos subvencionados pola Administración autonómica
- Tamén realizan outras actuacións encamiñadas á inserción sociolaboral, atención, rehabilitación e reinserción social de persoas con problemas de adicción
Val do Dubra (A Coruña), 17 de xullo de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe o centro de Proxecto Home en Val do Dubra, unhas instalacións dedicadas ao desenvolvemento de programas asistenciais e de prevención dirixidos á reinserción social de persoas adictas.
Esta comunidade terapéutica é un recurso residencial dirixido a aquelas persoas que requiren un distanciamento da súa contorna habitual para continuar o proceso de rehabilitación. Ofrece nun espazo de contención psicolóxica, un modelo de tratamento estruturado en etapas que reflicten niveis cada vez maiores de responsabilidade persoal e social. Unha característica esencial na Comunidade Terapéutica é o establecemento dunha intensa experiencia grupal, convertendo á persoa usuaria en suxeito activo e protagonista da dinámica comunitaria, e podendo así vivir a experiencia de participar nun clima de mutua axuda: tanto a que recibe como a que achega ás demais persoas.
As persoas usuarias da comunidade terapéutica compaxinan a residencialidade coa resposta ás súas responsabilidades familiares e a capacitación profesional mediante a asistencia a cursos de formación internos e externos. O obxectivo é facilitar o proceso educativo e psicoterapéutico da persoa e dotala dos recursos necesarios para o cambio persoal.
No centro, impártense cursos de auxiliar de turismo ecuestre e canteiro, ambos financiados pola Xunta de Galicia. Así mesmo, realizan actuacións encamiñadas á inserción sociolaboral, de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas con problemas de adicción grazas ao convenio de colaboración que a Consellería de Política Social mantén con esta entidade e mediante o cal se financian o 100% das 12 prazas na fase de reinserción social.
Precisamente o pasado mes de xuño se asinou este acordo co obxecto de minguar, na medida do posible, as consecuencias sociais asociadas ao consumo de substancias aditivas, propiciando un apoio efectivo cara a integración social e laboral deste colectivo. Entre estas medidas, figuran programas de tratamento das adiccións ao alcohol, á cocaína ou ao xogo entre outros, que se desenvolverán en Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña e Pontevedra.
A Xunta de Galicia inviste neste programa 149.365,44 euros, unha suma que permitirá subvencionar os gastos do persoal necesario para a execución das actividades así como gastos de auga e saneamento, luz, gas, carburante, telefonía e formación entre outros.
O titular autonómico saudou a sinatura deste acordo, e felicitou aos traballadores e directiva do centro polo seu labor diario, así como tamén aos usuarios e usuarias, que se esforzan a diario para mellorar a súa situación e a súa calidade de vida. “O noso camiño pasa por prestar axuda aos que máis o precisan nos momentos máis difíciles e por iso tendemos a man a programas como os de Proxecto Home, porque as súas metas, coinciden coas nosas”, explicou Rey Varela.
AS EMPRESAS QUE ASPIRAN A PRESTAR OS SERVIZOS DO NOVO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA TERÁN DE PRAZO ATA O VINDEIRO MÉRCORES PARA PRESENTAR AS SÚAS OFERTAS
O prego de condicións dos 41 contratos de transporte público responde á vontade de facilitar a participación das pemes e de primar a calidade e a seguridade na prestación do servizo sobre os aspectos económicos das ofertas
AS EMPRESAS QUE ASPIRAN A PRESTAR OS SERVIZOS DO NOVO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA TERÁN DE PRAZO ATA O VINDEIRO MÉRCORES PARA PRESENTAR AS SÚAS OFERTAS
- Nos dez contratos de menor volume priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas
- As ofertas valoraranse conforme criterios obxectivos tales como a antigüidade dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa
- Algúns dos aspectos terán un peso diferente segundo o tipo de servizo, primando por exemplo os cintos de seguridade nos transportes escolares integrados e os dispositivos de cobro para tarxeta TMG nas áreas metropolitanas
- O prego prevé xa as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra
- Nas ofertas para transportes escolares compartidos puntuarase a estabilidade e a experiencia laboral do persoal acompañante
- Terase en conta o incremento de quilómetros de servizos sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta para servizos complementarios
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017.- As empresas que aspiran a prestar os servizos do Plan de transporte público de Galicia terán de prazo ata o vindeiro mércores, 19 de xullo, para presentar as súas ofertas. Será entón cando finalice o período de cinco días naturais que establece o prego para a remisión de propostas, a contar desde a xornada seguinte á da recepción das convocatorias, que foron remitidas no día de hoxe pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
O prego de concidións que rexe o proceso de contratación das 41 novas concesións de transporte público de Gailcia recolle a vontade de facilitar a participación das pequenas e medianas empresas e de primar a calidade e a seguridade na prestación dos servizos sobre os aspectos económicos das ofertas.
Co primeiro dos obxectivos, e na liña do acordo do Consello da Xunta, cada grupo empresarial poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 contratos de transporte público. Ademais, nos dez contratos de menor volume priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas.
Na procura do reforzo da calidade e da seguridade na prestación dos servizos de autobús, na valoración das ofertas teranse en conta aspectos tales como a antigüidade máxima e media dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa que permita acurtar os tempos de resposta.
Estes criterios obxectivos establecidos para a adxudicación dos contratos terán un peso diferente en función do tipo de servizo do que se trate. Desa forma, por exemplo, para as liñas que operen nos entornos metropolitanos puntuarase o compromiso de instalación de dispositivos de cobro homologado coas tarxetas do Transporte Metropolitano de Galicia (TMG).
Ademais, o prego prevé xa as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra.
No caso dos servizos de transporte escolar de uso compartido cobrará especial relevacia a adscrición de vehículos provistos de cintos de seguridade. Nestes servizos valorarase tamén a estabilidade e a seguridade do persoal acompañante para garantir a calidade do servizo.
Terase en conta o incremento de quilómetros de servizos sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta que se presente para a realización de servizos complementarios.
O inicio do prazo para a presentación de ofertas é un paso máis na tramitación prevista para a posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia no vindeiro mes de agosto. Será entón cando se materialicen as renuncias presentadas polas empresas ás concesións de transporte, que deixarán sen funcionamento máis de 570 liñas de transporte público.
Conforme á nova normativa europea, que prohibe as prórrogas das concesións de transporte, a Xunta de Galicia activou un procedemento extraordinario para garantir a existencia de servizos de autobús nos ámbitos afectados polas renuncias empresariais. Ese procedemento está recollido nesta primeira fase do Plan de transporte público de Galicia, que prevé contratos por un período de dous anos, ata que no ano 2019 se poña en marcha a reordenación integral de concesións en Galicia.
O Plan de transporte público de Galicia non só permitirá manter eses servizos e o emprego, senón que mellorará notablemente as posibilidades de mobilidade no medio rural. Iso será posible ao permitir que os veciños empreguen as prazas vacantes das liñas de autobús de transporte escolar, un sistema que ten unha rede territorial moito máis extensa que o transporte de uso xeral.
Ese uso compartido do transporte irá acompañado de melloras tamén para os escolares, cuxa atención estará blindada nos contratos, mantendo intactos os tempos de percorrido e os horarios de saída e chegada.
Ademais, incluiranse garantías máis elevadas que as previstas pola Lei, ao asegurarse a presenza dun monitor acompañante escolar en todas as rutas de transporte compartido.
A XUNTA PREMIARÁ O TALENTO DA MOCIDADE GALEGA A TRAVÉS DO CERTAME XUVENTUDE CREA
- Os participantes poderán amosar as súas habilidades a través de 12 especialidades como cociña, teatro ou fotografía entre outras
- Cada unha das materias contará con premios de 3000, 1500 e 1000 euros para os tres primeiros clasificados
- O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de agosto
Santiago, 14 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha nova edición do certame Xuventude Crea que servirá para premiar o talento de arredor de medio cento de novos autores de 12 especialidades distintas na maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega, e na que a Administración autonómica inviste 112.778 euros.
Na convocatoria deste ano poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro de 3.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000 euros.
Os participantes poderán amosar as súas habilidades no eido da cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias.
A presentación de solicitudes poderá facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e o prazo comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de agosto de 2017.
A través deste e doutros programas postos en marcha pola Consellería de Política Social, a administración autonómica adopta accións tendentes a que a xuventude teña facilidades de creación do seu propio posto de traballo.
Cómpre destacar que Xuventude Crea inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e a participación xuvenil.