O ISSGA ORGANIZA EN VIGO UNHA XORNADA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS APLICADA Á CONSTRUCIÓN
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na inauguración desta iniciativa
- Esta acción formativa enmárcase dento da colaboración con institucións e entidades no eido da seguridade no traballo, coas que o ISSGA está a realizar accións informativas e formativas para dar resposta a novidades técnicas e normativas
- A sinistralidade laboral no sector da construción descendeu un 35,81% nos primeiros nove meses do ano, ao pasar dun total de 4.473 accidentes nos primeiros nove meses de 2011 ata 2.871 no mesmo período de 2012
Vigo, 17 de outubro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e Asociación Profesional de Técnicos en Seguridade Laboral de Galicia (APROSAL) organizaron hoxe en Vigo unha xornada de prevención de riscos laborais aplicada á construción. Esta actividade está dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, tanto dos servizos de prevención, coma das sociedades de prevención das mutuas, das empresas construtoras, asociacións empresariais e representantes dos traballadores. Tamén se dirixe a coordinadores de seguridade e directores de obras dos distintos colexios profesionais que interveñen no sector e, en xeral, a todos aqueles que poidan ter relación coa prevención no sector da construción. A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na inauguración desta iniciativa e lembrou que o instituto organizou recentemente en Ourense unha importante xornada técnica para o sector da construción. Tamén adiantou que o vindeiro día 25 de outubro terá lugar no centro da Coruña a presentación dunha Guía de prevención de riscos nas obras de construción. Esta acción formativa enmárcase dento da colaboración con institucións e entidades no eido da seguridade no traballo, coas que o ISSGA está a realizar accións informativas e formativas para dar resposta a novidades técnicas e normativas. No Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2012, inclúense tamén outras accións encamiñadas á redución da sinistralidade na construción, sector de alto risco pola súa perigosidade, tales como o Plan de Grandes Obras, que comprende visitas coordinadas coa inspección de traballo e seguridade social; o programa de obras singulares; o programa de loita contra a sinistralidade absoluta e recorrente; ou actuacións relacionadas cos traballos con amianto. A sinistralidade laboral no sector da construción descendeu un 35,81% nos primeiros nove meses do ano, ao pasar dun total de 4.473 accidentes nos primeiros nove meses de 2011 ata 2.871 no mesmo período de 2012.