A DEPUTACIÓN EDITA A FADA DAS CAMELIAS, UN LIBRO INFANTIL QUE ACHEGA AOS MÁIS CATIVOS AO MUNDO DUNHA FLOR CARACTERÍSTICA DAS RÍAS BAIXAS

Begoña Estévez subliñou o gran potencial da camelia na provincia, que non só supón un recurso paisaxístico, senón tamén económico e social de primeiro orde.
O mundo da camelia e a súa presenza nas Rías Baixas chega agora ao mundo infantil da man da obra A fada das camelias, editado pola Deputación de Pontevedra e destinado aos primeiros lectores. Nel, esta flor tan característica das Rías Baixas convértese en protagonista dunha historia na que tamén hai espazo para os sentimentos, a arte ou a música.
Así se puxo de manifesto esta mañá, na rolda de prensa de presentación que tivo lugar na sede viguesa da Deputación e onde Francisco Castro, representante da editorial Galaxia (encargada da produción do libro), destacou que o obxectivo desta publicación “é divulgar o mundo da camelia” e a súa “dimensión enorme” na provincia pero sempre coa vista posta en sacar á rúa un produto de “alta calidade literaria” e cunha presentación atractiva para o público obxectivo.
Iso logrouse cos textos de Enrique Mauricio e as ilustracións de Carlos Taboada, dous activistas culturais que forman o colectivo Polo Correo do Vento, especializado en contacontos para os máis pequenos.
Desta forma, e tal e como subliñou a deputada Begoña Estévez, conséguese un libro “especialmente bonito” para un público para o que, ademais, aínda non se tiña feito nada en relación a unha planta de especial arraigo na provincia e “coa que a Deputación ten unha especial sensibilidade”.
Neste sentido, fixo fincapé na relevancia deste recurso tanto a nivel turístico como económico e de dinamización social e cultural. Así, lembrou o éxito do Congreso Internacional da Camelia impulsado pola propia Deputación e a Sociedade Internacional da Camelia en Pontevedra e que trouxo a esta idade a 250 congresistas de 16 países do mundo, a vista dunha delegación de 15 empresarios chineses que estiveron onte nas Rías Baixas interesados en facer negocio no ámbito da camelia e tamén doutros sectores, ou as 23 exposicións da camelia que se celebrarán en 2015, das cales 15 serán na provincia de Pontevedra e o resto en Galicia e o norte de Asturias.
No que respecta ao contido de A fada das camelias, créase unha historia protagonizada por unha nena e a súa avoa. Ambas as dúas pasean por un xardín cheo de camelias no cal a avoa lle vai explicando á pequerrecha historias fermosas asociadas a cada tipo de camelia. Así, a neta descobre que hai camelias relacionadas coa música, coa literatura, co amor… e, sobre todo, vai establecendo e apuntalando unha especial relación de confianza e agarimo coa súa avoa.
Un xeito diferente, a partir dun álbum ilustrado producido pola Editorial Galaxia, de explicarlle aos nenos e ás nenas que son as camelias e o fermoso universo que con elas ten que ver.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario