A AXENCIA TRIBUTARIA DE GALICIA CUMPRIU O OBXECTIVO DO PLAN ESPECIAL DE CONTROL PARA 2014 E FIXO AFLORAR MÁIS DE 50 MILLÓNS

  • A ATRIGA detectou 50,7 millóns de euros de importes non declarados, superando o 100% da previsión inicial
  • O importe obtido é froito do incremento das actuacións de inspección e de xestión
  • No 90% dos casos a autoliquidación presentada polo contribuínte é correcta
  • A Administración tributaria galega obtivo 143 euros por cada euro investido
  • A loita contra a fraude fiscal vén sendo unha das prioridades da ATRIGA dende a súa posta en marcha en 2013

 

O plan especial de control da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) permitiu detectar en 2014 importes non declarados por un importe de 50,7 millóns de euros, segundo reflicte un informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Isto supón que se cumpre o 100% da previsión inicial, que era acadar un importe de 50 millóns durante o pasado exercicio.

No marco deste plan, o organismo tributario galego practicou 13.016 liquidacións no Imposto de Sucesións e Doazóns (ISD), un 38% máis que o ano anterior. Isto é consecuencia do aumento do labor de comprobación das autoliquidacións, cun incremento do 22% ata acadar as 115.600 comprobacións.

 

Estes resultados indican que en preto do 90% dos casos a Administración confirmou que a autoliquidación do imposto presentada polo contribuínte era correcta. No resto dos casos, a ATRIGA procedeu a practicar unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade.

 

Ademais, no eido deste plan extraordinario de control a Axencia Tributaria de Galicia incrementou un 12% o número de requirimentos –máis de 5.000- e aumentou un 26% os trámites de audiencia. Tamén creceu a cifra de bens valorados (un 17%), uns 447.000. Por outra banda, as comprobacións practicadas detectaron que só o 2,8% das autoliquidacións presentadas polos contribuíntes tiñan aplicados de forma incorrecta algúns dos beneficios fiscais que ten en vigor o Goberno galego.

 

No eido da inspección tributaria, a ATRIGA incrementou un 34% os importes detectados nos impostos de Sucesións e Doazóns (ISD) e no de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD). Así, como consecuencia dos procedementos de inspección detectouse un importe de 15,1 millóns de euros, que se suman aos 35,6 millóns acadados a través das actuacións de xestión.

 

En canto á eficiencia do plan especial de control, os datos mostran que a Administración tributaria galega obtivo 143 euros por cada euro investido.

 

Plan de control

O plan especial da ATRIGA enmárcase no plan de control tributario para 2014, que estableceu no ámbito da xestión e da inspección tributaria as liñas de actuacións de carácter xeral e actuacións de carácter preferente. A loita contra a fraude fiscal vén sendo unha das prioridades da Axencia Tributaria de Galicia dende a súa posta en marcha en 2013.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario