FRANCISCO CONDE ABORDA COA CEP ESTRATEXIAS DE TRABALLO CONXUNTO CARA A NOVA LEXISLATURA
- Internacionalización e innovación centraron o encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e membros da directiva como eixos fundamentais para a recuperación do crecemento
- A reunión forma parte da rolda de primeiros contactos cos axentes económicos e sociais que está a desenvolver o conselleiro de Economía e Industria
Santiago, 9 de xaneiro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e membros da directiva desta entidade dentro da primeira rolda de contactos cos axentes económicos e sociais que se están a desenvolver para continuar avanzando na busca de actuacións conxuntas coas que facer fronte á actual conxuntura económica.
Na reunión o conselleiro trasladoulle aos representantes da CEP as principais estratexias que está a desenvolver a Xunta para a recuperación do crecemento, e que quedan de manifesto nos orzamentos para este ano.
Así, Francisco Conde adiantoulles as liñas fundamentais de apoio aos emprendedores, a innovación e a internacionalización, así como o impulso aos distintos sectores estratéxicos, como o naval e a automoción, de importancia estratéxica para o tecido empresarial da provincia de Pontevedra.
Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria resaltou o impulso á tramitación da Lei do Emprendedor, ou a nova achega de 35 millóns de euros para a I+D+i galega a través do convenio e2i, mediante o cal Galicia participará na Estratexia Estatal de Innovación.
Pola súa banda, os directivos da Confederación de Empresarios trasladáronlle á Xunta as súas propostas e o plan de actuacións para o 2013, centrado tamén na innovación e na internacionalización, eidos no que a Consellería de Economía e Industria e a CEP colaboran de xeito habitual.
Neste sentido, fíxose especial fincapé na cooperación transfronteiriza, e en iniciativas como o proxecto europeo liderado polo Igape POCTEP ECICII, no que participa a CEP e que ten por obxectivo promover alianzas e sinerxias entre as empresas de Galicia e Norte de Portugal en diferentes canles de negocio.