FEIJÓO SUBLIÑA QUE O CHAMAMENTO DO PRESIDENTE DO GOBERNO CENTRAL DE RIGOR E RESPONSABILIDADE NO GASTO PÚBLICO É INCOMPATIBLE CON CALQUERA RECURSO CONTRA O CATÁLOGO DE FÁRMACOS
“É incompatible estar dicindo que as comunidades teñen que axustar o gasto, cumprir o orzamento e que teñen que estar na estabilidade orzamentaria, co recurso inxusto fronte a unha comunidade autónoma que cumpre coas súas obrigas, como é a de financiar, entre dous medicamentos iguais, o de prezo menor”, afirma
- Subliña que dous días aplicando o catálogo de fármacos supoñen “financiar ao cen por cen unha gardería de 43 rapaces que se pode instalar en calquera concello de Galicia que o necesite”
- Remarca que a Xunta vai facer “todo o posible para seguir construíndo escolas infantís, e para seguir facendo residencias da terceira idade, centros de día, tres novos hospitais públicos, para construír o 50 por cento de novas camas do Servizo Galego de Saúde, e para non gastar máis do que temos e pagar o que se debe”, apunta
- Amosa o seu desexo de que o presidente do Goberno central sexa “coherente co que di e lle mande unha mensaxe aos seus ministros de coherencia, de rigor económico e de respecto ás competencias da comunidade autónoma”
Neste sentido, Feijóo salientou que “un día de catálogo de fármacos coma hoxe na Cañiza, supón financiar o 50 por cento desta gardería. E dous días supoñen financiar ao cen por cen unha gardería de 43 rapaces que se pode instalar en calquera concello de Galicia que o necesite”. Diante deste panorama, o presidente da Xunta espera e desexa que “o Goberno central se tome en serio a necesidade dun rigor nas contas públicas; e se iso é así –precisou-, está claro que non recorrerán o catálogo de fármacos. Se, pola contra, se di unha cousa e se fai a contraria e se responsabiliza ás comunidades e despois se vai contra elas, é evidente que este país non avanzará, que a solvencia de España non crecerá e que a política social en vez de manterse, diminuirá”. Pola súa banda, Feijóo garantiu que “en Galicia imos facer todo o posible para seguir facendo escolas infantís; para seguir facendo residencias da terceira idade, centros de día, tres novos hospitais públicos, para construír o 50 por cento de novas camas do Servizo Galego de Saúde e para non gastar máis do que temos e pagar o que se debe”. E, así mesmo, incidiu en que “dous días de catálogo de fármacos supoñen unha escola infantil”. Logo de lembrar que a Xunta segue disposta ao diálogo, “como se lle propuxo á ministra de Sanidade cando tivemos as primeiras advertencias de que o Goberno de España ía recorrer unha lei aprobada polos dous terzos no Parlamento galego”, Feijóo amosou o seu desexo de que o presidente do Goberno central sexa “coherente co que di e lle mande unha mensaxe aos seus ministros de coherencia, de rigor económico e de respecto ás competencias da comunidade autónoma”, concluíu.