MATO DEMANDA UN PACTO DE ESTADO PARA A DEMOGRAFÍA QUE CONTE COA IMPLICACIÓN DE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS E INSTITUCIÓNS

  • la foto 1  A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Zaragoza no II Encontro interterritorial polo cambio demográfico, no que participan outras cinco comunidades autónomas: Aragón, Asturias, Castela e León, Estremadura, e Castela – A Mancha
  • Estes seis territorios subscribiron hoxe unha declaración institucional, na que reclaman tamén unha Estratexia nacional que, segundo Mato, permitirá garantir a igualdade entre todos os cidadáns e previr a exclusión social
  • As comunidades acordaron reunirse en abril co comisario europeo de Traballo e Asuntos sociais, László Andor, para analizar vías de financiamento europeo, así como organizar unha xornada con distintas rexións europeas afectadas polo problema demográfico
  • Ademais, decidiuse solicitar unha nova ponderación das variables de densidade, dispersión, envellecemento, e poboación protexida na revisión do sistema de financiamento autonómico

 

Zaragoza, 24 de febreiro de 2014.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, demandou hoxe, xunto con representantes doutras cinco comunidades autónomas, un Pacto de Estado para a demografía, que conte coa implicación de todas as forzas políticas e institucións do país. O obxectivo é poñer en común ferramentas para garantir a viabilidade do actual sistema de benestar. Ademais, sinalou que esta iniciativa permitiría promover a igualdade entre todos os cidadáns, e previr “esa nova modalidade de exclusión social que se produce nas entidades de poboación máis pequenas”.

 

Así o salientou hoxe en Zaragoza tras participar no II Encontro Interterritorial polo cambio demográfico. Neste encontro, déronse citas os responsables de seis comunidades autónomas, incluída Galicia. En concreto, as participantes foron Aragón, Asturias, Castela e León, Estremadura e Castela-A Mancha. Estes seis territorios representan o 60 por cento do territorio, pero non chegan ao 30 por cento da poboación. Ao finalizar a reunión, os participantes elaboraron unha declaración institucional que recolle as aspiracións destes seis territorios.

 

Así, as comunidades acordaron entre todas demandar ao Goberno central a creación dun grupo de traballo para que fixe as medidas posibles e a súa implantación, e pediron tamén a elaboración dunha Estratexia nacional para o cambio demográfico.

 

Nesta mesma liña, e tendo en conta que esta problemática é tamén común á Unión Europea, as comunidades participantes decidiron manter no mes de abril unha xuntanza co Comisario europeo de Emprego e Asuntos sociais, Lázsló Andor, para expoñer as demandas e as necesidades destas seis rexións, ademais de para analizar as posibles vías de financiamento por parte da Unión Europea para mellorar a prestación de servizos, fixar poboación e mellorar os datos demográficos.

 

Esta mesma data aproveitarase tamén para celebrar unha xornada de traballo con outras zonas europeas coa mesma problemática, especialmente con aquelas que teñan conseguido afrontar con éxito os desafíos demográficos. A finalidade é buscar alianzas, intercambiar información e experiencia, tal e como a propia Unión Europea recomenda.

 

No documento pactado, tamén se acordou demandar unha nova ponderación das variables de densidade, dispersión, envellecemento, e poboación protexida na revisión do sistema de financiamento autonómico. Ao respecto, solicitarán tamén ao Goberno central un maior investimento nas políticas de desenvolvemento rural, xa que afectan directamente na vertebración e ordenación do territorio.

 

O III Encontro de rexións –o primeiro foi en Asturias- celebrarase en xuño en Mérida, e nel poranse en común as accións realizadas, as conclusións, os resultados e os próximos pasos a seguir neste ámbito.

 

Actuacións en Galicia

Segundo destacou Mato, Galicia ten o segundo maior índice de envellecemento do Estado, e tamén o segundo índice de fecundidade máis baixo. Máis do 23 por cento do total da poboación galega ten máis de 65 anos e Galicia é, ademais, unha das rexións máis afectadas polo inverno demográfico, segundo o Informe Europeo rexións 2020, que sitúa a esta comunidade autónoma no posto 25 de 267 rexións analizadas nun ranking de vulnerabilidade ante os cambios demográficos.

 

A conselleira resaltou que a esta situación súmase unha “característica propia” de Galicia, que é a dispersión da poboación. Máis de 1,2 millóns de galegos residen en entidades de poboación inferiores a 1.000 habitantes, o que supón máis do 44,5 por cento da poboación galega. É precisamente esta situación a que provoca a “nova modalidade de exclusión social” que expuxo Mato, e que se basea fundamentalmente en que os habitantes de núcleos pequenos teñen unha maior dificultade para acceder a recursos e servizos en igualdade de condicións co resto da poboación.

 

Para facer fronte a estas circunstancias, a Xunta está desenvolvendo o primeiro Plan de dinamización demográfica da historia da autonomía galega, que inclúe un total de 69 medidas divididas en catro áreas: sensibilización; impulso socioeconómico á maternidade; apoio ás familias; e coordinación interdepartamental e transversalidade.

 

Os primeiros pasos que se están a dar céntranse no desenvolvemento normativo das medidas máis novidosas (casas–niño, ou o servizo de axuda no fogar para a infancia) e no eixo da sensibilización. Este último aspecto é fundamental, dado que “a sociedade non valora maioritariamente a cuestión demográfica como un problema”, subliñou Mato.

 

Neste último eixo, a conselleira adiantou que o próximo 21 de marzo celebrarase en Santiago un Congreso internacional de demografía, no que participarán expertos internacionais do ámbito institucional e científico. Na xornada, afondarase na análise das causas da situacións e avaliaranse os pasos a seguir polas institucións públicas para facerlle fronte.

 

SAÚDOS, GABINETE DE

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: