A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE FORMA EN CULLEREDO A 22 MOZOS E MOZAS DE 14 PAÍSES PARA PARTICIPAR NAS ACTIVIDADES DO SERVIZO VOLUNTARIO EUROPEO

img_5927A directora xeral reuniuse hoxe cos mozos de entre 17 e 30 anos que asisten ao curso de formación que se celebrará ata o vindeiro sábado

  • Cecilia Vázquez manifestou que “o Servizo Voluntario Europeo ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas”
  • Este curso, dunha semana de duración, ten como finalidade presentar aos mozos e mozas europeos o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural, proporcionándolle habilidades comunicativas, lingüísticas, sociais, incluíndo aspectos de aprendizaxe intercultural, e proporcionar un espazo para o intercambio de experiencias, a reflexión sobre este proxecto de participación e a solidariedade

Culleredo (A Coruña), 25 de outubro de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos 22 rapaces (5 mozos e 17 mozas), de entre 17 e 30 anos, que asisten ao curso de formación que se celebrará ata o vindeiro sábado para a súa posterior participación nas actividades do Servizo Voluntario Europeo en España en diferentes comunidades autónomas. En concreto, desenvolverán nas diferentes rexións o seu labor de voluntariado en proxectos que terán unha duración mínima de 2 meses e máxima de 12. Os mozos participantes nesta experiencia proceden de 14 países diferentes: Alemaña, Austria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Estonia, Francia, Italia, Moldavia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Turquía.

Destes 22 participantes, 16 realizarán o seu proxecto de voluntariado europeo en Galicia, 2 en Asturias e 4 en Cantabria. No caso de Galicia as entidades de acollida son: Fundación Paideia Galiza, Escola de Tempo Libre Don Bosco, Concello de Ribadavia, Xeración Asociación Cultural, Asociación cultural Muxelka, Concello de Curtis, Asociación Xuvenil Vrenza e Asociación Edúcere. No Principado de Asturias a entidade de acollida é a Asociación Cultural en construcción e na Comunidade Autónoma de Cantabria, a Asociación Ser Joven e a Asociación Pedaxóxica ILER.

Este curso, dunha semana de duración, ten como finalidade presentar aos mozos e mozas europeos o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural, proporcionándolle habilidades comunicativas, lingüísticas, sociais, incluíndo aspectos de aprendizaxe intercultural, e proporcionar un espazo para o intercambio de experiencias, a reflexión sobre este proxecto de participación e a solidariedade.

Esta formación á chegada enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional que xestiona o programa Erasmus+: Xuventude en Acción e o Servizo Voluntario Europeo, do que é parte activa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación  e Voluntariado.  Recordou que actualmente en Galicia hai 17 concellos e 54 entidades sen ánimo de lucro acreditadas para participar no Servizo Voluntario Europeo.

Erasmus+: Xuventude en Acción

Cecilia Vázquez manifestou que “o Servizo Voluntario Europeo é unha acción incluída no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas”.

A titular do departamento autonómico sinalou que “creado no 1996 pola Comisión Europea como programa piloto, o Servizo Voluntario Europeo permitiu a máis de 100.000 mozos e mozas realizar o seu proxecto de voluntariado, tanto en Europa como fora dela. Esta acción do programa Erasmus+:Xuventude en Acción ofrece aos mozos de entre 17 e 30 anos a oportunidade de contribuír ao traballo diario das organizacións que traballan no ámbito da xuventude, o desenvolvemento persoal e socioeducativo dos mozos e mozas, a implicación civil,  asistencia social, a inclusión dos desfavorecidos, o medio ambiente, os programas de educación non formal, entre outros”.

Nas dúas primeiras quendas do 2016 foron aprobados en Galicia un total de 11 proxectos cun orzamento de 151.669,81 euros e 26 participantes.

Por último, Vázquez recordou que hoxe tamén dá comezo a iniciativa “20 anos construíndo SVE”, cinco talleres de asesoramento e difusión do Servizo Voluntario Europeo que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración coa Axencia Nacional do programa Erasmus+: Xuventude en Acción” con motivo da celebración do 20 aniversario do Servizo Voluntario Europeo (SVE). Os talleres descorrerán en cinco xornadas en horario de 10:00 a 13:00 horas: do 25 ao 28 de outubro en Santiago,Vigo, Lugo e Coruña, respectivamente, e 4 de novembro en Ourense.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario