A XUNTA URXE AO CONCELLO DE SALCEDA DE CASELAS A QUE CEDA A PARCELA PARA CONSTRUÍR O NOVO CENTRO DE SAÚDE
- A referencia catastral que figura no convenio asinado en marzo entre o conselleiro de Sanidade e o alcalde non existe como tal no Rexistro da Propiedade
- O Servizo Galego de Saúde reclama a documentación que certifique o novo número de finca a ceder e poder así continuar coa tramitación que foi suspendida
Vigo, 4 de xullo de 2017.- A Xunta reclama ao Concello de Salceda de Caselas a modificación urxente do catastro que mantén bloqueada a tramitación da cesión da parcela na que está proxectado construír o novo centro de saúde da localidade pontevedresa. A referencia catastral que figura no convenio asinado en marzo de 2016 entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde, Marcos David Besada Pérez, non existe como tal no Rexistro da Propiedade de Tui.
A finca en cuestión, cuxa recepción foi aprobada no Consello da Xunta do 28 de abril de 2016, viuse afectada polo Proxecto de Reparcelación da UE-2 mudando o seu número de rexistro. Esta situación motivou que o pasado 10 de marzo non se puidera firmala escritura tal e como estaba previsto.
Neste senso, unha vez constatado o erro, o Servizo Galego de Saúde solicitou ao goberno de Salceda de Caselas a documentación precisa para continuar coa tramitación da cesión do terreo. Nun escrito enviado o pasado 25 de abril, e reiterado nun segundo requirimento o 31 de maio, solicita ao Concello o novo certificado do Rexistro da Propiedade onde figure o número corrixido da finca, o seu carácter patrimonial e a confirmación de que está libre de cargas. Ademais, deberá acreditar que a finca a ceder segundo o acordo celebrado en sesión plenaria o 12 de maio de 2011 é a mesma que a que figura no novo certificado do Rexistro da Propiedade.
A Xunta insiste na necesidade de reinicialos trámites o antes posible e demanda ao Concello que lle remita a documentación que enviou incompleta o pasado 6 de xuño. Neste senso, recorda que é esencial que no rexistro figure a parcela como ben patrimonial e sen cargas.
Compromisos
Segundo o convenio asinado o pasado mes de marzo de 2016, o Concello de Salceda comprométese á cesión gratuíta ao Sergas dunha parcela para a construción do centro de saúde. Ademais, asumirá os gastos derivados de facer chegar as infraestruturas existentes ao edificio, como son os accesos rodados e peonís, conexións aos sistemas de abastecemento, saneamento, subministro eléctrico, alumeado, telefonía e aparcamento, entre outros. Tamén facilitará toda a documentación necesaria para a redacción do proxecto de obras, incluídas as licenzas e demais permisos urbanísticos.
Pola súa banda, a Administración sanitaria galega comprométese á elaboración, supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos.
Tamén asumirá os gastos en bens correntes e servizos do terreo cedido, como son os gastos derivados de reparacións, mantemento e conservación, material, subministracións, comunicacións e transportes, entre outros.
O convenio ten unha vixencia de tres anos, podendo ser prorrogado por mutuo acordo das partes asinantes antes da data da súa finalización, ata a consecución do seu obxectivo. Foron os trámites urbanísticos pendentes de reparcelación e impacto ambiental os que impediron iniciar antes estas actuacións.