JAVIER GUERRA GARANTE O APOIO FINANCEIRO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA A BARRERAS PARA A ENTREGA DUN FERRY
- A Xunta está preparada para articular un aval de 14 millóns de euros que permita a este histórico estaleiro vigués afrontar as súas necesidades máis inmediatas de financiamento se así o precisa
- O conselleiro de Economía e Industria asegurou que a negativa de Pymar a apoiar a operación non é comprensible
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, garantiu hoxe, “nunha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia co sector naval”, o respaldo financeiro da Xunta de Galicia a Barreras cun aval de 14 millóns de euros para que o estaleiro vigués poida dispoñer de inmediato dos cartos destinados a entrega dun ferry se así o precisa finalmente. Así o explicou hoxe o responsable autonómico logo de manter un encontro coa dirección do estaleiro Barreras, e despois de coñecerse a negativa de Pymar a prestar respaldo financeiro á empresa “nunha decisión carente de razón e que está a converter a esta sociedade no que non está chamada a ser”.Javier Guerra vinculou a garantía de apoio ao estaleiro Barreras na política de respaldo do seu departamento a todo o sector, “que non está contando con axuda de Pymar, a pesares da súa extremada importancia estrutural na economía galega e con todo o seu efecto multiplicador na industria auxiliar”.O conselleiro de Economía e Industria afirmou que “a Xunta cre no sector naval galego mentres outros parece que pensan o contrario, e por iso actuamos con celeridade para que este estaleiro soubera, dende o principio, que podería contar co apoio da Consellería de Economía e Industria para entregar a súa construción en tempo e prazo”.Con esta operación, a Consellería de Economía e Industria demostra unha vez máis o seu compromiso activo co sector naval en Galicia e coa consolidación do emprego que del depende, tanto nos estaleiros como nas empresas auxiliares.Deste xeito, o conselleiro lembrou que, desde o comezo da lexislatura, “a Xunta de Galicia está a realizar un extraordinario esforzo orzamentario a prol do naval; coa implicación do Instituto Galego de Promoción Económica e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas”.En total, apuntou, son máis de 80 millóns os que se teñen destinado ao respaldo financeiro de diferentes compañías, que permitiron ao sector “encarar o futuro con expectativas reais de mellora e mesmo coa perspectiva de comezar importantes proxectos e abrir posibilidades de negocio innovadoras”, concluíu Javier Guerra.
- O responsable autonómico vinculou a garantía de apoio ao estaleiro Barreras na política de respaldo do seu departamento a todo o sector, “que non está contando con axuda de Pymar”
- O Goberno galego leva mobilizados máis de 80 millóns de euros ao respaldo financeiro do sector naval galego