Balance ‘Ron Galella’ na Fundación Novacaixagalicia de Vigo

«RON GALELLA. PAPARAZZO EXTRAORDINAIRE!» CLAUSUROUSE O PASADO SÁBADO
Preto de cinco mil persoas achegáronse á Fundación Novacaixagalicia de Vigo

I A mostra reflectiu a traxectoria do recoñecido fotógrafo
I Con 107 retratos fotográficos de celebridades da sociedade dos anos setenta

21.04.2014 O Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia na cidade viguesa clausurou a súa exposición «Ron Galella. Paparazzo Extraordinaire!» con preto de cinco mil asistentes. A mostra, que foi inaugurada o pasado 23 de xaneiro, estaba composta por 107 instantáneas, retratos na súa meirande parte, realizadas polo mítico paparazzo Ron Galella.
Os retratos de Jackie Kennedy, Marlon Brando, Greta Garbo, Liz Taylor, Liza Minelli, Andy Wharhol ou Alfred Hitchcock chegaron á Fundación Novacaixagalicia de Vigo atrapados pola cámara do paparazzo Ron Galella, o fotógrafo de celebridades máis famoso e controvertido, o pioneiro do mundo paparazzi. A través destas 107 instantáneas que foron portada, moitas delas, de revistas como Vogue ou Vanity Fair, a mostra recollía momentos privados de personaxes públicos dos anos setenta, persoeiros icónicos que foron e seguen a ser unha referencia para os grandes creadores de moda. O proxecto expositivo deixaba constancia, así mesmo, do traballo que Galella realizou durante máis de tres décadas, nas que se dedicou ao negocio de capturar a vida privada de grandes e mediáticos persoeiros, así pois «Ron Galella. Paparazzo Extraordinaire!» é o seu particular e permanente diario visual da fama, da riqueza e do éxito nos Estados Unidos de América durante a década dos anos setenta.

RON GALELLA, UNHA VIDA PARA CAPTURAR CELEBRIDADES
Ron Galella naceu en 1931 no Bronx, Nova York, actualmente está considerado o pioneiro do mundo paparazzi. Alcumado «Paparazzo Extraordinario» pola revista Newsweek e «O Padriño da cultura dos paparazzi de EE. UU.» polas revistas Time e Vanity Fair, é considerado o fotógrafo máis importante do mundo das celebridades. As súas fotografías poden ser vistas nun gran número de publicacións como Time, Harper’s Bazaar, Vogue, Vanity Fair, People, Rolling Stone, The New Yorker, The New York Times e Life.
Galella serviu aos Estados Unidos como fotógrafo da Forza Aérea durante a Guerra de Corea e asistiu ao Art Center College of Design nos Ánxeles, California, onde se graduou cunha licenciatura en fotoxornalismo en 1958. Actualmente vive en Nova Jersey coa súa esposa e fai, no cuarto escuro da súa casa, as súas propias copias que foron expostas en museos e galerías de todo o mundo, como os museos de Arte Moderno de Nova York e San Francisco, a Tate Modern de Londres e o Museo da Fundación Helmut Newton de Fotografía en Berlín. Ron Galella é amplamente coñecido polo seu tratamento obsesivo da figura de Jacqueline Kennedy Onassis e as súas batallas legais posteriores asociadas a ela, o New York Post definiuna como «a máis co-dependente das relacións entre a celebridade e o paparazzo vista xamais». A mostra recompilaba unha boa selección de fotografías de Jacqueline realizadas polo fotógrafo.

O PROXECTO DIDÁCTICO DA EXPOSICIÓN
O proxecto expositivo completouse cun programa didáctico que a Fundación Novacaixagalicia dirixiu a escolares, familias e colectivos de adultos co obxectivo de afondar na figura de Ron Galella e na arte da fotografía. Para os escolares as propostas foron as seguintes: «Imaxinando retratos de cor», unha visita-taller para educación infantil e 1º ciclo de educación primaria na que os pequenos descubriron os segredos da fotografía en branco e negro e fixeron un divertido retrato. «E se as fotografías falasen…?», unha visita-obradoiro que se dirixiu ao 2º ciclo de primaria e ao 1º ciclo da ESO, nela o cine, a arte, a música, a sociedade… destaparon o mundo a través do obxectivo dun fotógrafo. «Ron Galella, Paparazzo Extraordinaire!» foi unha visita-taller para o 2º ciclo da ESO, bacharelato e ciclos formativos na que os rapaces aprenderon como o obxectivo indiscreto poder dar testemuño dunha época, unha nova forma de fotografar e de presentar o mundo.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Coñécenos por dentro en http://www.obrasocialncg.com.
Podes seguirnos en Facebook, Twitter e Youtube.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: