A XUNTA CONVOCA 15 PRAZAS DE COLABORADORES-BOLSEIROS PARA AS TRES RESIDENCIAS XUVENÍS DE TITULARIDADE AUTONÓMICA

  • Os beneficiarios das axudas contarán con aloxamento e mantenza gratis a cambio de ocuparse das labores de dinamización xuvenil no Centro Residencial Xuvenil LUG e nas residencias Florentino López Cuevillas de Ourense e Altamar de Vigo

 

Santiago, 12 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia abrirá mañá o prazo para solicitar unha das 15 prazas de colaborador-bolseiro que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca para desenvolver labores de dinamización nas tres residencias xuvenís de titularidade autonómica durante o curso 2017-2018: o Centro residencial xuvenil LUG en Lugo, a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense e a residencia xuvenil Altamar de Vigo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula as bases desta convocatoria e cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto dende mañá xoves e ate o vindeiro 14 de agosto.

 

Máis polo miúdo, e con respecto á distribución das 15 prazas ofertadas, 4 corresponden ao centro residencial  de Lugo, 5 na residencia xuvenil de Ourense e 6 na residencia emprazada en Vigo. Os/as beneficiarios/as destas axudas de colaboradores-bolseiros contarán co aloxamento e mantenza gratuítos a cambio de desenvolver labores principalmente relacionados coa dinamización da residencia, incluídas actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras. E dentro das ditas actividades, inclúese a de participar no programa Correspondentes universitarios da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ademais, disporán da asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa as funcións que desempeñen nos centros.

 

Para solicitar unha praza as persoas interesadas deberán de entregar, xunto coa inscrición, un proxecto de actividades que pretenda realizar na residencia, así como presentarse a unha entrevista persoal. Para a adxudicación das prazas valórase a calidade do proxecto de actividades presentado;  a renda media da unidade familiar;  a condición de familia numerosa, de orfandade, discapacidade de calquera membro da unidade familiar; a distancia entre o domicilio e a residencia xuvenil; ter a residencia familiar en Galicia; ser muller en estado de xestación ou vítima de violencia de xénero ou persoa solicitante cuxa proxenitora a sufrise; outras circunstancias sociofamiliares como ter un ou unha irmá ou irmá/áns con praza renovada na residencia, ou ter a condición de familia monoparental; o rendemento académico; a condición de desempregado sen prestación económica do pai, nai ou titor legal;   e ter sido residente na mesma residencia para a que se solicita a bolsa.

 

Os destinatarios destas bolsas son persoas físicas con nacionalidade española ou nacionais dun estado membro da Unión Europea ou residentes estranxeiros en España, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, que cursen estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior que admitan polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver na residencia xuvenil. E ter unha renda media familiar que non supere o 150% do IPREM.

 

As residencias xuvenís son un instrumento ao servizo da mocidade e, en particular, dos mozos e mozas estudantes durante o curso académico, onde se ofrecen aloxamento e manutención, actividades convivencias e educativas a través das que se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos da mocidade residente e de calquera que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actuacións que se programen.

 

Finalmente, cómpre lembrar que mañá xoves 13 de xullo remata o prazo para solicitar unha das 220 prazas ofertadas de residentes en réxime de internado nestas  tres residencias dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado: 74 no centro residencial xuvenil LUG en Lugo, 55 na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense e 91 na residencia xuvenil Altamar de Vigo.  

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario