O Pazo do Faramello acolle unha innovadora proposta cultural o vindeiro mes de xuño

Un ciclo de concertos no mes de xuño encherá de música o Pazo do Faramello

Faramello musica cartelTeo, 28 de maio de 2014.- O próximo día 7 de xuño comezará a primeira edición dos Encontros no Pazo do Faramello. Concertos, exposicións, obradoiros, visitas guiadas e tamén unha oferta gastronómica completan a novidosa proposta que promoven e producen o propio Pazo do Faramello, Imperdible Servizos Culturais e Merlo Branco Producións e conta coa colaboración e patrocinio de diversas entidades. As entradas, a un prezo de 12 euros, -con dereito a concerto, visita ao pazo e petiscos- xa están á venda en http://www.culturaimperdible.com/es/tenda/ e a partir deste venres poderán adquirirse nalgúns lugares de Compostela e comarca. Tamén se poden mercar xa para asisitir aos obradoiros con TRIM.
Os catro Encontros previstos inclúen unha visita guiada polo Pazo do Faramello, así como actividades musicais que combinan o aspecto lúdico co formativo e o gastronómico. As visitas permitirán coñecer mellor o Pazo, un fermoso espazo que conta cunha paisaxe natural única e con árbores senlleiras protexidas. Ademais, alberga numerosas obras artísticas galegas, así como elementos declarados BIC (ben de interese cultural).
Canto á parte musical, haberá concertos comentados e obradoiros de diferentes instrumentos, polo que poderán acudir desde simples ouvintes ata alumnos ou aprendices. Prevese, deste xeito, conformar un ambiente de proximidade cos músicos e fomentar a interactuación co público.
A proposta é unha grande aposta cultural co máis representativo do panorama artístico galego acompañado dunha parte gastronómica e outra formativa. Sen dúbida, os Encontros no Pazo do Faramello son unha nova forma de pasar o mellor tempo de lecer neste entorno único da comarca de Compostela.
Neste sentido, a iniciativa -posta en marcha totalmente de xeito privado- non podería terse levado a cabo sen a produción propio Pazo do Faramello, Imperdible Servizos Culturais e Merlo Branco Producións, conta co patrocinio das adegas Don Olegario e coa colaboración de Paula Franco Fotografía, Xoga Deseño, Tátara Comunicación e a entidade turística Área Santiago, grupo de 16 concellos para a promoción turística conxunta.
Xabier Díaz, Sumrrá e Miguel Flores
O primeiro dos Encontros será o sábado 7 de xuño, ás 18 horas. Comezará unha visita guiada ao Pazo. Seguidamente, ás 19:30 inaugurarase a exposición pictórica de Ángela Merayo. Xa ás 20:30 horas terá lugar o primeiro dos concertos destes Encontros, o de Xabier Díaz.
O seguinte Encontro será o sábado 14 de xuño. A programación comezará ás 18:30 cunha visita ao Pazo e ás 20h despois será a actuación de Sumrrá, cuxo concerto comentado estará enfocado no jazz.
A terceira sesión será de novo un sábado, o 21 de xuño. Novamente, visita ao pazo ás 18:30 e concerto ás 20 h, desta volta con Miguel Flores, que centrará o seu comentario no flamenco. Nestes tres primeiros concertos, o aforo será limitado e o prezo da entrada, con copa de viño D.O. máis petiscos será de 12 euros.
A programación rematará o 27 de xuño cunha intensa actividade. Ás 16h comezan tres horas de obradoiros de bouzouqui e guitarra, gaita, mandolina e cavaquinho impartidos por Trim, o trío formado por Fernando Barroso e Pedro Fariñas xunto co portugués Luís Peixoto.
Ofrecerannos para pechar as xornadas tres diferentes obradoiros. Pedro Fariñas será o encargado de impartir a aula de gaita. Fernando Barroso será o encargado de impartir aulas de guitarra e bouzouki, e Luís Peixoto fará o mesmo coa mandolina e cavaquinho. Cada un dos tres obradoiros terá un máximo se 10 alumnos, polo que poderán disfrutar de 3 horas de clases realmente particulares con estes tres grandes músicos. O prezo de cada un dos obradoiros é de 25 euros e a entrada inclúe visita guiada ao Pazo, a celebrar ás 19 horas + copa de viño D.O. + pinchos.
As entradas con dereito a visita guiada ao Pazo, petiscos e concertos de Xabier Díaz, Sumrrá e Miguel Flores están xa á venda, a un prezo de 12 euros, en http://www.culturaimperdible.com/es/tenda/ e a partir deste venres poderán adquirirse en ‘La Tita’, sito na Rúa Nova, 46, Compostela. Ademais, poden mercarse tamén na Casa do Patín, local situado na Porta Fondo da Vila, 4, Padrón.
Os pazos, construcións únicas
Desde Imperdible Servizos Culturais explican que con estas xornadas «queremos achegar o Pazo e a súa contorna a todo o mundo». Destacan que os pazos son «construcións propias, únicas de Galicia», nalgúns casos «auténticas xoias» como o Pazo do Faramello. Ademais, Imperdible agradece a “cercanía e interese” do Pazo por colaborar na difusión cultural co-producindo estes Encontros.
Por outra parte, o deseño dos Encontros procura abrir a música a todo tipo de públicos, tarefa que realizará a través de propostas musicais que abranguen do folk ao jazz, pasando polo flamenco. Todas elas, ademais, da man de artistas radicados en Galicia.
«Nace para quedar»
Imperdible salienta que se trata dunha produción financiada integramente con fondos privados e con fórmulas de autofinanciamento. «É moi importante que as empresas galegas aposten pola nosa cultura e pola súa difusión», explican as responsables desta entidade cultural.
Sinalan, por último, que se trata da primeira edición dos Encontros no Pazo do Faramello, pero que a proposta artística «nace para quedar».

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario