AS CONSELLERÍAS DE POLÍTICA SOCIAL E EDUCACIÓN COOPERARÁN PARA FAVORECER O ÉXITO ESCOLAR DOS MENORES BAIXO TUTELA OU GARDA

  • 201606011100_Conselleiros1_O acordo ten por obxecto coñecer a situación escolar dos menores entre 10 e 16 anos que están nunha situación de protección ou con medidas xudiciais e baixo a responsabilidade da administración autonómica

 

Lugo, 1 de xuño de 2016.- A Consellería de Política Social e a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colaborarán para favorecer o éxito escolar dos menores baixo tutela ou garda da administración autonómica durante o curso 2015-2016. Así se recolle no acordo de cooperación que esta mañá asinaron no centro de menores Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, os responsables destas dúas carteiras autonómicas, José Manuel Reu Varela e Román Rodríguez González, respectivamente.

 

En concreto, o convenio ten por obxecto coñecer a situación escolar dos menores de entre 10 e 16 anos que están nunha situación de protección ou con medidas xudiciais e baixo a responsabilidade da administración autonómica; así como o deseño e desenvolvemento de programas e accións dirixidas a este colectivo coa finalidade de favorecer o seu éxito escolar. Con este obxectivo realizarase, en primeiro lugar, un estudo diagnóstico sobre a realidade nas aulas deste grupo de menores que servirá, despois, para a elaboración e aplicación de propostas e actuacións que eviten e preveñan posibles casos de abandono educativo temperá. Ademais de Política Social e Educación, no protocolo subscrito tamén se contempla a colaboración do profesorado dos centros docentes que conten con alumnado tutelado ou en garda, dos equipos do programa Mentor, do persoal dos centros de protección onde residan os/as menores e das familias que ostenten a garda dos menores.

 

Rey Varela destacou a importancia deste convenio para favorecer unha mellora do éxito escolar deste alumnado. Ao respecto, o titular de Política Social explicou que “esta cooperación educativa permitirá ter un coñecemento específico das circunstancias que inflúen no rendemento escolar dos menores e adolescentes tutelados ou en garda; e así poderemos abordar as situacións que favorezan unha mellora no éxito escolar deste alumnado”.  

 

Atención á diversidade

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Educación subliñou que o convenio permite dar un paso máis na atención á diversidade desde o ámbito educativo, “un eido co que este departamento está totalmente comprometido”, remarcou. En palabras de Román Rodríguez, “trátase de garantir unha atención individualizada para mellorar o rendemento escolar e axudar a favorecer o desenvolvemento persoal deste alumnado, co fin de que ningún neno ou nena se quede atrás no proceso educativo por mor das súas circunstancias particulares”.

 

As diferentes medidas e protocolos postos en marcha pola Consellería buscan, precisamente, adecuar a resposta educativa ás especificidades e singularidades de cada alumno ou alumna. Deste xeito, existen diferentes iniciativas, elaboradas en conxunto con fundacións e asociacións, a disposición de toda a comunidade educativa, e que teñen como obxectivo guiar ao profesorado no seu día a día e facilitar a súa actuación na aula ante determinadas casuísticas, como pode ser a atención de alumnado con TDAH, con Asperger, etc.

 

Atención integral

Na actualidade, a Xunta de Galicia ten a preto de 2.000 menores baixo a súa protección en diferentes modalidades: tutelados, en garda, en acollemento residencial ou en acollemento familiar; e o obxectivo da administración autonómica coas medidas e programas que dirixe a este colectivo é o desenvolvemento e o fortalecemento persoal do mesmo. Ao respecto, o responsable da área social do Goberno galego apuntou que “é unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia e, de maneira particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social”, apuntou o responsable da área social do Goberno galego. “Queremos previr situacións de desamparo, e no caso de que estas se produzan actuar de maneira rápida e eficaz garantindo en todo momento os dereitos do menor”, engadiu.

 

A administración autonómica reforzou este ano 2016 as medidas e iniciativas de atención e prevención de menores en situación ou risco de desprotección social. Así, o orzamento para este ámbito ascende a 26 millóns de euros, o que supón 1,5 millóns de euros máis que o ano pasado. Asemade, téñense reforzado os programas de acollemento tanto en familia extensa como en allea como aposta prioritaria da Xunta de Galicia para a integración destes menores, ao mesmo tempo que se continúa co progresivo incremento das prazas en centros de internamento, que nos últimos anos subiron un 33% pasando de 94 prazas en 2009 ás 125 actuais.

 

Outras accións que ten en marcha a Xunta de Galicia neste ámbito son, entre outros: o Programa de Intervención Familiar, o Mentor, os Puntos de Encontro Familiar, a liña telefónica gratuíta de apoio á infancia (116 111) ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: