A XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA XORNADAS PROVINCIAIS PARA INFORMAR SOBRE O SISTEMA PARA A AUTONOMÍA E A ATENCIÓN Á DEPENDENCIA
- A finalidade destes encontros é informar aos profesionais do ámbito social e sanitario que participan nos mesmos sobre as novas axudas individuais dirixidas a persoas dependentes ou sobre as novas ferramentas a disposición dos traballadores sociais, como a tramitación telemática das solicitudes de discapacidade e dependencia
- Na xuntanza fíxose especial fincapé na Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade e no Teléfono Social
A Coruña, 1 de marzo de 2016.- A Consellería de Política Social desenvolve esta semana unha serie de reunións informativas nas catro provincias galegas sobre o sistema para a autonomía e atención á dependencia dirixidas a traballadores e traballadoras sociais. A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, participou hoxe na primeira destas charlas que se desenvolveu na sede da delegación territorial da Xunta na Coruña: o salón de actos do Edificio Administrativo Monelos. As sesións continuarán na xornada de mañá na delegación territorial de Lugo, pasado mañá na de Ourense e rematarán este venres na de Vigo.
O obxectivo destes encontros é informar aos profesionais dos servizos sociais de diferentes ordes de axudas, procedementos e tramitacións en materia de discapacidade. Así, a orde do día das sesións inclúe información sobre a nova orde que rexerá a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade. A administración autonómica traballa nestes momentos na preparación da convocatoria desta liña de axudas, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo (FSE) e que se abrirá ao longo dos vindeiros meses. Tamén se abordaron cuestións como o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e dependencia; con especial atención á tramitación telemática por tratarse dunha nova ferramenta a disposición dos traballadores sociais.
Así mesmo, outros dous puntos nos que se fixo fincapé na sesión informativa celebrada esta mañá na delegación coruñesa foron a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade e o teléfono social. A finalidade foi facer un recordatorio aos traballadores sociais dos concellos e de saúde que asistiron a esta charla do contido e obxectivos desta Guía así como do rexistro de maltrato, como principais axentes implicados na detección e intervención en casos de malos tratos a persoas maiores ou adultas con discapacidade.
Difusión do teléfono social
No que atinxe ao teléfono social -900 333 666-, trátase de facer unha nova difusión deste servizo como instrumento de consulta sobre todo tipo de información e orientación dos recursos existentes para persoas maiores, con dependencia ou discapacidade; así como vía de entrada de denuncias de presuntas situacións de maltrato a persoas maiores ou con discapacidade adultas, e a súa derivación ao organismo correspondente.