O Goberno local do Porriño acomete de urxencia a mellora do acceso ao barrio de Orbenlle
O concelleiro de Vías e Obras e tenente de alcalde do Porriño, Manuel Carrera, ven de impulsar o inicio dunha obra de urxencia na estrada de acceso ao barrio de Orbenlle que, en conxunto, abrangue unha superficie de uns 3.500 metros cadrados, 150 metros lineais que, sinala o concelleiro “levaba 30 anos sen asfaltar”.
A zona, subliña Carrera, estaba “intransitábel”, maila a ser de paso diario de centos de camións e vehículos que chegan ao Polígono de A Granxa e o barrio de Orbenlle.
As obras de mellora, que empezaron o venres pasado, e que estarán rematadas esta mesma semana, engadirán unha cuneta en formigón, sinalización horizontal e vertical, unha faixa de 1,80 metros de ancho destinada a paso de peóns e 11 novos puntos de luz, que eran outras das máis reiteradas reivindicacións dos veciños, no so deste barrio senón de toda a parroquia de Budiño.
Manuel Carrera, quen lembra que o adecentamento deste treito “foi a última petición que me fixo o ex alcalde Barros antes do seu falecemento”, sinala a importancia da colaboración da Comunidade de Montes de Budiño, que está facendo un importante traballo de desborde, para recuperar un lugar do Porriño, de “alto valor natural”, especialmente ornitolóxico, que ata o da gora “estaba moi abandonado e esquecido”.
O tenente de alcalde agradece a labor dun grupo de voluntarios, as que acompañou o domingo pasado, e que nos últimos meses axudaron a derrubar o Centro de Interpretación da Natureza, “que estaba xa moi deteriorado”, e a facer unha importante plantación de árbores autóctonas que contribuirá á recupración para as veciñas e veciños dun hábitat único.